DÍA MUNDIAL FORESTAL
Medio Rural afianza a xestión forestal sostible con novas liñas de axudas
DÍA MUNDIAL FORESTAL
A Consellería do Medio Rural está a afianzar a súa aposta pola xestión forestal sostible do monte galego con novas convocatorias de achegas para fomentar as agrupacións forestais de xestión forestal conxunta e favorecer a reforestación naquelas zonas onde se levaran a cabo aproveitamentos madeireiros. Este tipo de achegas enmárcase dentro do compromiso do Goberno autonómico por impulsar un monte galego rendible e produtivo, ao tempo que se garante un aproveitamento sustentable que respecta a vertente social e ambiental dos bosques.
Neste sentido, vén de convocarse unha nova partida orzamentaria para as agrupacións forestais de xestión conxunta dotada con 2,1 millóns de euros para as anualidades de 2026 e 2027. Isto supón un incremento do 50 % con respecto á convocatoria anterior.
Estas axudas dispoñen de dúas liñas de subvención. Por un lado, a destinada a apoiar a creación de agrupacións forestais de xestión conxunta, distinguindo dúas modalidades, básica e con base territorial. Inclúese tamén a posibilidade de transformar agrupacións básicas en asociacións con base territorial, favorecendo así a evolución cara a modelos de maior integración. Por outra banda, a segunda liña diríxese ás agrupacións con base territorial xa inscritas no rexistro correspondente, co obxectivo de apoiar a realización de novos procesos e actividades orientadas á súa consolidación.
Deste xeito, o que se persegue é facilitar a creación de novas agrupacións forestais; apoiar a consolidación das xa existentes; incrementar a superficie forestal xestionada de forma conxunta e mellorar a capacidade organizativa, técnica e comercial destas entidades.
Actualmente están en funcionamento 24 agrupacións, pero unha vez executada ao completo a convocatoria de 2025 estímase que se terán creado outras 40 novas agrupacións, incorporando estas unha superficie forestal agrupada de máis de 4.800 hectáreas, co que o número total de entidades rexistradas roldará as 65. A elas sumaranse as que se poidan chegar a construír con esta nova convocatoria de apoios para 2026 e 2027.
O prazo para presentar as solicitudes está aberto ata o vindeiro 17 de abril, e poden beneficiarse destas axudas as asociacións sen ánimo de lucro, sociedades civís, cooperativas, sociedades agrarias de transformación, mercantís, de fomento forestal e outras entidades que teñan por obxecto a xestión conxunta de terras forestais en Galicia. A intensidade da axuda poderá acadar ata o 100 % do investimento subvencionable, cun límite máximo de 51.000 euros por entidade beneficiaria.
Cabe sinalar que na provincia de Ourense hai constituídas tres agrupacións forestais de xestión conxunta centradas no aproveitamento de castiñeiro, nos soutos de Tuxe e Cambela no Bolo e no de Parada de Sil.
As agrupacións forestais teñen repercusións moi positivas no sector forestal galego, no que a propiedade é un factor que dificulta a aplicación dunha xestión profesionalizada, rendible e sustentable. A maior parte das persoas propietarias forestais particulares en Galicia dispoñen de parcelas de monte dunha dimensión que resulta insuficiente para aplicar unha xestión viable e profesionalizada. Neste contexto, as organizacións de propietarios teñen o propósito xeral de representar os intereses das persoas asociadas e promover a rendibilidade das actividades forestais, así como o fomento da ordenación e xestión sustentable do monte.
Neste 2026 lanzouse unha novidosa convocatoria de axudas para reforestacións produtivas posteriores á realización de aproveitamentos madeireiros. A partida conta cun orzamento de 8,48 millóns de euros para os anos 2026 e 2027, e un dos seus obxectivos é impulsar a produtividade do monte, ademais de xerar actividade económica no rural, o que repercutirá na fixación de poboación e a creación de oportunidades laborais.
A partida está subdividida en tres liñas diferenciadas en función das especies que se utilicen. A primeira delas está centrada na reforestación produtiva de coníferas, que poderán plantarse en zonas nas que se realizara un aproveitamento madeireiro de coníferas, eucalipto ou especies invasoras. O seu orzamento ascende ata os 6,6 millóns de euros divididos a partes iguais para os anos 2026 e 2027. A achega económica varía entre os 3.691,67 euros e os 2.079,89 euros por hectárea en función da densidade da plantación. Inclúe tamén un módulo específico para a xestión do rexenerado natural tras a corta de masas de coníferas.
A segunda pon o foco na reforestación produtiva de frondosas, co fin de fomentar a implantación de masas de alto valor engadido e ecolóxico nos bosques galegos. Contan cun orzamento de 1,48 millóns de euros e o importe por hectárea, ao igual que na primeira liña, oscila segundo a densidade da plantación. Os importes oscilan entre os 2.569,50 ata os 4.230,41 euros por hectárea. Por último, a terceira liña vai destinada na súa totalidade á reforestación produtiva de chopo, cun crédito total de 400.000 euros e un único módulo de axuda de 4.229, 60 euros por hectárea.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último