María José Gómez: “Temos vontade de colaboración para crear o anel verde de Vigo”

“Non considerei dimitir en ningún momento, considerei traballar para recuperar todo o danado o antes posible”, sinala a conselleira de Medio Rural sobre os incendios deste verán

Momento da entrevista a conselleira de Medio Rural, realizada no Café de Redacción de Atlántico.
Momento da entrevista a conselleira de Medio Rural, realizada no Café de Redacción de Atlántico. | Iago Cortón

A conselleira de Medio Rural viviu este verán en primeira persoa a maior crise incendiaria da historia de Galicia. 674 lumes, máis de 110.00 hectáreas calcinadas, moita virulencia e, sobre todo, a cara de impotencia na xente que perdeu gran parte da súa vida. Tras un “agosto negro”, María José Gómez desbota e dimitir e só pensa en traballar para acadar a recuperación do rural galego.

Para cando o anel verde nos montes de Vigo coma defensa fronte os incendios forestais?

O Concello de Vigo non está adherido ao convenio de xestión da biomasa que temos coa Fegamp e Seaga, e a través do cal desde a Xunta de Galicia apoiamos aos concellos nesta xestión. En todo caso, é importante sinalar que a responsabilidade nestas franxas secundarias é en primeiro lugar dos propietarios e, se non actúan, dos concellos de maneira subsidiaria. Así o determina a Lei de incendios de 2007. A miña sensación é que na zona de Vigo hai moito traballo por facer.

Ademais, o proxecto do anel verde parte como idea municipal, ante a cal a Xunta manifestou vontade de colaboración en varias ocasións. Pero o máis importante é que o Concello debe garantir que conta coa cooperación dos propietarios, é dicir coas comunidades de montes, para levalo a cabo, como xa lle explicamos no seu momento. En todo caso, desde a Consellería seguimos colaborando cos propietarios dos montes para desenvolver obra preventiva que camiña na dirección de reforzar a prevención ante os incendios forestais nesta zona.

Cando acontece unha vaga de lumes como a que sufriu Ourense sempre se fala de planificación, pero sabíamos que o inverno e a primavera foron moi húmidos e que viña un verán seco, ¿que fallou para que a provincia ardera tanto?

É certo que o inverno foi extremadamente chuvioso, pero xuño xa comezou con temperaturas moi altas. En todo o verán, só tivemos un día de choiva xeneralizada por toda Galicia. Viñamos de dous anos nos que o número de hectáreas queimadas foron os máis baixos da historia. En agosto, coa altísima actividade de incendios que tivemos en Galicia, con 673 incendios en toda Galicia, obrigou ao dispositivo antiincendios a apagar unha media de 30 a 35 lumes ao día. Entón, se me pregunta se creo que houbo unha mala planificación, pois non. Creo que a planificación foi a axeitada, que temos un dispositivo que está preparado, pero preparado para funcionar ata certo punto. Calquera deses 673 incendios podería terse convertido nun grande incendio se non se extinguise a tempo. É certo que a situación en Ourense foi extremadamente complexa, cunha serie de incendios que se produciron ao mesmo tempo por toda a provincia. Estes focos deron lugar aos grandes incendios que por desgraza tivemos que soportar. Agora, creo que a resposta foi axeitada. É unha realidade que tivemos que soportar non só en Galicia, senón tamén noutras comunidades autónomas.

A súa consellería ten habilitadas oito liñas de axudas para paliar os danos ocasionados polos lumes. Como se está xestionando este proceso?

Antes de que rematase a vaga de lumes, xa estabamos traballando para tentar sacar o máis axiña posible as axudas para os afectados. A situación que vivimos foi extraordinaria e por tanto a resposta da Xunta tamén debe ser extraordinaria. Por parte da Consellería Medio Rural, que é a máis implicada en paliar os efectos dos lumes, temos oito liñas de axudas que son compatibles entre si. Temos por un lado a do sector agrogandeiro e por outro a do sector forestal. Nos dous ámbitos intentamos cubrir todos tipo de danos que se puideron ocasionar dende infraestruturas como cortes e palleiras, ata viñedos, con axudas que poden chegar ata os 200.000 euros. Tamén quero agradecer a todos os gandeiros da provincia de Ourense que se puxeron a disposición da Consellería para doar material e todas as empresas de transporte que tamén colaboraron.

Se botamos un ollo á provincia de Ourense agora mesmo resulta desolador ver como se atopa. Zonas como Manzaneda, Valdeorras, Chandrexa sufriron moito. Hai algún plan específico para a recuperación destes territorios?

Unha vez rematados os incendios, toca avaliar os danos no terreo e así o están a facer os investigadores. De feito, a próxima semana comezaremos a facer mulching, un proceso que consiste en esparexer palla ou forraxe nas zonas queimadas para evitar esa erosión. A primeira zona na que comezarán estes traballos será zona do incendio de Larouco. En canto ós montes afectados o primeiro que se fixo foi modificar a normativa para que se poida axilizar os trámites da saca de madeira, incluso nos que están conveniados. Despois procede, por suposto, repoboar os montes tanto de xestión pública como privada. Unha das liñas de axuda que temos aberta cubre ata 100.000 euros por beneficiario para repoboar todos aqueles montes nos que a madeira non teña valor comercial.

Na vaga de incendios do 2006, o PP pediu a dimisión do entón conselleira de Medio Rural. Agora, é a oposición a que esixe a súa. Considerou esta cuestión?

Non. Considerei traballar para intentar recuperar o máis axiña posible os danos causados por esta vaga de incendios.

Pero, considera que hai algo que se podía ter feito mellor?

Unha vez pasado o peor, sempre queda a valoración de que se podería ter feito mellor ou que se podería ter feito peor. Eu creo que todos temos que ser conscientes de que as faixas de biomasa ao redor dos núcleos de poboación son un elemento esencial. Temos que concienciar en primeiro lugar os propietarios de que teñen que limpar as súas parcelas. En Galicia, ao contrario do que sucede no resto de España, ao maior parte dos montes son de titularidade privada. Practicamente todas as parcelas que rodean os núcleos son de particulares que, en moitos casos, son xente que herdou esas parcelas e que nin sabe onde están porque non vive aquí. Pero temos que ser conscientes de que temos que ter esas faixas de protección limpas, é imprescindible. A tarefa do servizo de extinción é forestal, pero cando o lume se achega as aldeas, a prioridade é a xente, e se as faixas están limpas o lume chega con menor virulencia. Estas cousas temos que telas en conta para mellorar no futuro. O presidente Rueda xa anunciou que intentaremos aumentar a dotación do convenio con Fegamp e Seaga para limpeza de fincas e que intentaremos axudar a os Concellos máis pequenos, que teñen dificultades para facer cumprir aos propietarios ca limpeza.

En moitos lumes foi a propia xente a que tivo que facer fronte a extinción. Fallou a coordinación entre administracións para que tiveramos que chegar a este punto?

Ogallá puidera dicir que chegamos ata todos os sitios. Despregamos todos os medios ao noso alcance e pedimos máis ao Goberno. Vivimos momentos moi críticos, concentrados en poucas semanas. Eu estiven mañá e noite no Cecopi e podo dicir que intentamos chegar a todos os sitios, pero evidentemente non o conseguimos. Os veciños realizaron un labor encomiable e eu sempre agradecerei ese compromiso nun momento de tanta dificultade.

“A nova proposta da PAC é lesiva para os gandeiros”

Unha das conclusións que sacamos deste verán e que a Galicia interior, a Galicia baleirada, é a que arde. Están a chegar fondos suficientes as zonas rurais para frear o despoboamento?

A Consellería de Medio Rural está a poñer todos os fondos que ten dispoñibles para apostar pola remuda xeracional. A través do plan Leader estamos a traballar en 24 programas de desenvolvemento rural para apostar por outro tipo de actividades no rural como as turísticas ou empresariais, sendo Ourense unha das provincias máis beneficiadas neste aspecto. Temos que seguir apostando por un rural con futuro, e para iso é imprescindible axudar as persoas para que se asenten no rural porque as zonas urbanas e rurais van soas.

Estamos en plena vendima. Se o sector xa miraba con preocupación o seu futuro polo tema aranceis ou polo descenso do consumo de viño, agora sumámoslle o problema dos lumes. Como vai apoiar a Consellería aos viticultores?

En primeiro lugar temos esas axudas directas para os afectados polos incendios. A afección nos viñedos foi menor do que parece. Estamos a falar, por exemplo dun 2% de viñedos afectados na DO de Monterrei ou un 0,2% na Ribeira Sacra. Eu quero transmitir unha mensaxe de positividade aos consumidores. Os viñedos foron os mellores freos para o avance dos lumes.

Para pechar o tema incendios, sindicatos e persoal reclaman estabilizar ao 100% do persoal. Tras os problemas deste verán haberá mellores neste sentido?

Todas as melloras no persoal débense acordar na mesa de negociación cos sindicatos, entón será un tema que trataremos ao longo do ano que ven. Dous terzos do persoal de brigadas xa traballa todo o ano. Vimos de facer un proceso de funcionarización do persoal que aínda está por rematar. Ademais, acordamos que persoal que traballa durante seis meses pase a traballar nove meses de xeito gradual. Seguiremos a negociar diferentes medidas, non son no ámbito das brigadas.

Hai uns días falaba vostede das vantaxes que presentan os pasteiros para o medio rural galego. Cales son os obxectivos dese Plan de Pasteiros de Galicia posto en marcha pola Xunta e do que se está a beneficiar en maior medida a provincia de Ourense?

Efectivamente apoiamos a creación de pasteiros que son, ademais, unha barreira natural contra os lumes e unha ferramenta que favorece a gandaría en extensivo, pois permiten, entre outras cuestións, manter o gando controlado e mellorar a rendibilidade das explotacións. Ao abeiro deste Plan de Pastos de Galicia, desde 2020 mobilizamos máis de 1.930 hectáreas en 80 pasteiros, cun investimento que rolda os 10,5 millóns de euros. E a esta cifra súmanse as máis de 500 hectáreas que se están mobilizando neste 2025 en 26 novos pastizais, cun apoio por parte do Goberno galego que supera os catro millóns.

Na folla de ruta do seu departamento aparece tamén a conservación das razas autóctonas, pero a día de hoxe, son rendibles? A súa cría supón un importante gasto. Hai algunha que preocupe especialmente?

Desde a Consellería facemos un esforzo especial na protección e conservación das razas autóctonas, pois son emblema da nosa cabana gandeira e representan tamén a nosa idiosincrasia propia. Por iso, e a maiores de seguir apoiando ás asociacións de criadores, este ano convocamos por primeira vez unha orde de axudas para fomentar, precisamente, a recría daquelas razas autóctonas ameazadas. Ademais, desde o Pazo de Fontefiz que está aquí en Ourense, en Coles, levamos a cabo unha tarefa importante para o mantemento destas razas, en colaboración directa coas explotacións que apostan por elas. Seguiremos fomentándoas sen lugar a dúbidas.

Galicia é a terceira comunidade autónoma en selos de calidade, 36 entre DOs e IXPs. Isto debería estar funcionando como motor do rural pero de que maneira se está apoiando aos produtores e aos produtores e produtos?

Estamos desenvolvendo o Plan Saborea Calidade Diferenciada de Galicia, dotado con máis de oito millóns de euros para este ano, co principal obxectivo de promocionar a nosa calidade agroalimentaria certificada e apoiar aos consellos reguladores nestas tarefas, así como no control da calidade. Estes selos levan a cabo un importante labor como axentes dinamizadores da economía galega e contribúen de xeito significativo á conservación do territorio, da paisaxe e da poboación no rural, polo que o compromiso do Goberno galego será seguir apoiando e difundindo a súa necesaria actividade.

Damos un salto agora ao ámbito europeo. Galicia súmase á petición de retirada do regulamento da nova PAC implica un recorte de fondos. Vostede critica que non é “non política, nin agraria, nin común”.

Si, desde a Xunta estamos totalmente en contra da proposta da nova PAC a partir de 2028, que é lesiva para os nosos gandeiros e agricultores, xa que implica un recorte de fondos para Galicia e a súa integración nun fondo común para os estados membros que non blinda todas as políticas que a conforman como ata agora. A actual proposta da Comisión Europea supón o desmantelamento do modelo actual cuxa efectividade é de sobra coñecida, baseado en dous piares con dous fondos diferenciados e que permite asegurar a renda dos agricultores e, ao tempo, fomentar o desenvolvemento rural. Tal e como nos formularon a nova proposta, a PAC competirá polo financiamento con outras políticas da UE e cada país poderá decidir que sectores primar e con que nivel de cofinanciamento, incrementándose así as diferencias entre territorios. Ademais, esta nova PAC trae consigo un severo recorte de fondos de ata un 20% respecto á actual, algo que suporá para Galicia unha redución de arredor de 80 millóns de euros anuais. Por tanto, desde o Goberno galego seguiremos facendo unha oposición frontal a esta proposta e defendendo os intereses dos nosos gandeiros e agricultores.

Contenido patrocinado

stats