Máis solo industrial e tramitacións máis áxiles para atraer empresas
Poderán crearse minipolígonos nun prazo de ano e medio grazas ás Zonas de Aceleración de Proxectos Empresariais e Solo
Máis solo industrial e cunha tramitación máis áxil. A Xunta de Galicia afronta estes desafíos co obxectivo final de converter Galicia nun polo de atracción empresarial. Para iso, a Consellería de Economía e Industria anunciou unha serie de medidas para estimular novos proxectos industriais no territorio galego.
En primeiro lugar, e naqueles ámbitos de tamaño máis reducido, o obxectivo do Goberno galego céntrase en promover que a iniciativa privada desenvolva solo empresarial en localizacións onde exista unha demanda real. Para atender estas necesidades, a Consellería de Economía e Industria, que dirixe María Jesús Lorenzana, anunciou a creación das Zonas de Aceleración de Proxectos Empresariais e Solo (Zapes), ás que irán destinados 2,5 millóns de euros en 2025.
Esta medida propón unha tramitación simultánea e, polo tanto, máis áxil da ordenación de solo e de proxectos empresariais en diferentes casos. Por exemplo, cando o ámbito territorial vaia incluír, como mínimo, un proxecto industrial estratéxico; así como cando, ademais, exista un remanente de solo empresarial para futuras ampliacións e novas industrias que se queiran implantar. Así, a instalación das industrias poderá beneficiarse dun importante aforro de prazos grazas a esta figura.
Ademais, prevese que estas áreas acollan servizos de aproveitamento de fontes de enerxía renovables e almacenamento enerxético para o consumo por parte das empresas ou doutros consumidores da zona. E, co fin de colaborar na súa tramitación e desenvolvemento, e na posterior comercialización do solo empresarial, Xestur poderá participar de forma minoritaria na sociedade que desenvolva os Zapes.
A nova figura zir
Co obxectivo de non deixar atrás aqueles territorios menos poboados con potencial empresarial, outra das novas figuras serán as Zonas Industriais Rurais (ZIR). Esta figura facilitará o asentamento de iniciativas empresariais e industriais en áreas rurais co fin de favorecer a actividade económica e loitar contra o despoboamento rural.
As ZIR están pensadas para actividades industriais de menor envergadura con necesidades de solo, cunha superficie máxima de cinco hectáreas e en concellos de menos de 20.000 habitantes. Esta é unha demanda de moitos municipios rurais que non requiren grandes superficies de áreas empresariais, pero si unhas zonas nas que pequenas empresas ou talleres se poden implantar.
Trátase dunha figura similar á das Zapes, xa que axiliza os prazos de tramitación para a instalación das empresas, pero non precisa dun Proxecto Industrial Estratéxico para a súa implantación. Xunto con isto, para afondar máis na atención e dinamización que precisa o rural, os orzamentos de 2025 tamén recollen unha partida de 2 millóns de euros para a modernización das estacións de servizo do rural, a través dunha liña de axudas para a súa dixitalización.
Estas novas figuras veñen a acompañar á medida posta en marcha este ano pola Xunta de Galicia nesa procura da atracción de empresas, que a través de Xestur (Xestión do Solo de Galicia), vén de ofertar todo o seu solo industrial dispoñible en dereito de superficie gratuíto os oito primeiros anos. Unha iniciativa, comprometida para os primeiros 100 días de goberno e xa en funcionamento.
Máis investimentos
Ademais, para o próximo ano 2025, Xestur contará con máis de 33 millóns de euros para realizar diversas melloras e actuacións en 25 parques empresariais galegos. Máis da metade, 18,3 millóns de euros, irán destinados a urbanizar solo industrial que estará rematado no vindeiro ano. Entre outros, ampliarase o parque empresarial de Arteixo (2,7 millóns de euros), en Morás; o lucense das Gándaras (4,7 millóns de euros); a Plataforma loxística industrial en Salvaterra e As Neves, máis coñecida como Plisan (3,5 millóns de euros); así como o Parque tecnolóxico de Galicia en San Cibrao das Viñas (Ourense) cun orzamento previsto de 7,3 millóns de euros.
Contenido patrocinado
También te puede interesar