Máis de 400 millóns de euros para a innovación empresarial
Rueda lanza un plan para industrializar as ideas e acadar un 25 % máis de empresas innovadoras
O Consello da Xunta aprobou a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, un plan con horizonte 2028 e máis de 400 millóns de euros de orzamento co que Galicia contará por primeira vez cunha folla de ruta específica para impulsar a innovación nas empresas. Así o informou o presidente, Alfonso Rueda, quen subliñou que o obxectivo é que a innovación “forme cada día máis parte das empresas”, un factor fundamental para “ser máis competitivos e non quedar atrás” nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico.
Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a iniciativa establece un marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros novos, cunha prioridade: industrializar a innovación. “É dicir, facilitar que as ideas e as innovacións tecnolóxicas estean presentes na industria e desde ela cheguen ao mercado”, explicou Rueda.
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, engadiu que se pretende que o talento e o coñecemento se convertan en capacidade produtiva, de xeito que a innovación remate en industrialización propia en Galicia e xere emprego cualificado na comunidade.
A estratexia parte da evolución positiva da innovación empresarial galega nos últimos anos. Segundo recordou o presidente, entre 2018 e 2024 o gasto empresarial en I+D medrou un 71 %, ata alcanzar os 510,5 millóns de euros, mentres que o persoal das empresas dedicado a estas actividades aumentou un 30 %, ata as 6.285 persoas. Sobre este escenario, a Xunta quere agora ampliar o número de empresas que innovan, sobre todo entre as pemes.
Catro eixes
O documento estrutúrase en catro eixes complementarios (activar, potenciar, estruturar e mobilizar) e 14 medidas que abranguen todo o proceso: desde a incorporación de capacidades nas empresas ata o desenvolvemento e a comercialización de solucións tecnolóxicas, a colaboración entre os axentes do ecosistema e a mobilización de investimento. O eixe con maior peso é o de potenciar a innovación, con 231,9 millóns de euros, seguido do dedicado a mobilizar o investimento, con 113,1 millóns do Igape. Activar a innovación nas empresas contará con 47,4 millóns, e estruturar e conectar o ecosistema, con 9,4.
Entre as novidades destaca Industrializa a Innovación, un programa de compra pública precomercial de 66,5 millóns que arrancará o próximo ano. Dirixirase aos sectores estratéxicos da industria galega, onde os centros tecnolóxicos actuarán como promotores de proxectos.
Rueda resaltou que entre os obxectivos fixados para 2028 figuran incrementar nun 25 % o número de empresas innovadoras, superar os 1.500 millóns de euros de gasto empresarial en innovación.
Do talento ao investimento: así serán as ferramentas e o acompañamento do Igape
A Estratexia Galega de Innovación Empresarial inclúe un novo modelo de acompañamento máis personalizado e proactivo por parte do Igape, que permitirá adaptar os apoios á situación de cada empresa, ao seu grao de madurez innovadora e ao seu potencial de crecemento.
O obxectivo é que cada compañía identifique e aproveite os recursos máis axeitados en cada fase do seu desenvolvemento e, deste xeito, favorecer a fabricación de solucións innovadoras en Galicia.
Entre as ferramentas que se poñen en marcha figuran liñas para atraer talento, como Innocap Galicia, que apoia a incorporación de profesionais cualificados vinculados a proxectos de innovación, e innova Mercado, que impulsa a comercialización dos produtos das startups.
Para as empresas tecnolóxicas, TIC-MAQ promoverá o desenvolvemento de tecnoloxías propias e maquinaria avanzada, mentres que Accelerator Galicia, un instrumento novidoso, combinará subvención e financiamento coa participación do Igape e Xes Galicia.
Na vertente da colaboración, MatchINN Galicia conectará as necesidades empresariais con solucións innovadoras, e Business Wallet Galicia simplificará os trámites coa Administración.
Pola súa banda, o eixe de mobilización do investimento incorpora XesTransforma, para mellorar a preparación dos proxectos tecnolóxicos de cara ao investimento, e o Fondo Venture Studio, orientado a converter ideas innovadoras en iniciativas viables. Estas actuacións complementaranse cos instrumentos de financiamento do Igape e Xes Galicia.
Con este conxunto de medidas, a Xunta busca “ampliar a base empresarial innovadora e reforzar a conexión entre coñecemento, industria e mercado”, para que as ideas atopen un camiño máis áxil ata a produción. A estratexia dá así continuidade ao crecemento do gasto e do persoal en I+D dos últimos anos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
La Diputación sufraga el 99 por ciento del coste de la obra, presupuestada en 1,6 millones de euros. El Concello ha decidido invertir aquí la totalidad del Plan +Provincia 2026 y 2027
La Retirosa doblará espacio para convertirse en edificio multiusos