Máis de 2 millóns de euros para os grupos de desenvolvemento rural
A dotación permitirá a cobertura financeira de gastos para a xestión dos proxectos do programa Leader en 2024
A Xunta asinou da terceira addenda aos convenios de colaboración entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, e os 24 Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) de Galicia. A través dela, destinaranse máis de 2 millóns de euros para que estas entidades territoriais poidan atender a xestión do programa Leader ao longo do ano 2024.
A colaboración entre a Xunta e os 24 GDR para a xestión deste programa regúlase mediante os convenios asinados en decembro de 2016, e as addendas supoñen a súa continuación. Con esta terceira outórgaselle unha nova achega, cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020.
Cobertura financiera
A dotación económica permitirá a cobertura financeira de gastos estruturais que poida xerar a xestión dos proxectos do programa Leader en 2024, na súa colaboración coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Isto favorecerá o desenvolvemento económico dos territorios onde operan cada un dos GDR e, en consecuencia, da poboación que vive neses lugares onde poñen en marcha estratexias e proxectos de dinamización.
As axudas que se veñen concedendo a estes grupos, contando coa sinatura do convenio (implementada no ano 2016) e as tres addendas, ascenden a un total de 32,92 millóns de euros para o financiamento destes gastos de funcionamento xerados no marco de colaboración coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural no programa Leader.
Esta addenda, asinada o pasado 12 de decembro, terá vixencia ao longo do ano 2024, no cal se producirán os efectos económicos do seu exercicio orzamentario. Ademais, cómpre destacar que no vindeiro ano firmarase un novo convenio no marco do PEPAC destinado ao funcionamento dos grupos de desenvolvemento rural para o período 2024-2027.
Enfoque leader
O programa Leader persegue a aplicación do desenvolvemento rural baseado principalmente na participación da propia poboación do territorio, integrando os recursos e actores, tanto económicos como humanos, que existan na comarca de actuación.
Na liña de asegurar a participación da sociedade rural, constituíronse os GDR, entidades sen ánimo de lucro, con socios públicos e privados, que seleccionan os proxectos que lles permiten levar a cabo as estratexias de desenvolvemento. Estes grupos contan cun enfoque multisectorial e traballan co obxectivo de contribuír a un desenvolvemento rural equilibrado, incluíndo a creación e a conservación de emprego.
Estratexias para o período 2023-2027
Os GDR, en colaboración coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, elaboraron as estratexias de desenvolvemento local e participativo para o período 2023-2027, enfocadas para o novo Plan Estratéxico da Política Agraria Común a desenvolver en ditos anos.
En maio de 2022 aprobáronse as bases reguladoras para seleccionar ás organizacións candidatas a converterse nos GDR de Galicia e para a elaboración das futuras estratexias de desenvolvemento local participativo para o período 2023-2027. Esta convocatoria puxo a disposición dos GDR un orzamento de 840.000 euros para a elaboración das estratexias, o que supoñía un importe de 35.000 euros por grupo ou estratexia, que triplicaba o que tiveron no período LEADER anterior para a realización destas tarefas.
Os resultados obtidos centráronse en varios puntos que seguían unha liñas de estratexias definidas que son o proceso participativo, a análise e diagnóstico dos contexto territorial e socioeconómico do ámbito territorial do GDR, a avaliación dos resultados obtidos en períodos anteriores do programa LEADER, a análise do marco normativo e institucional, a análise da situación actual de uso e xestión do territorio, a coordinación coas restantes estratexias, as propostas de proxectos piloto, os obxectivos e os plans de acción.
Seguindo esta idea, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e os GDR traballan conxuntamente para acadar as metas establecidas para a PEPAC de España, que afectan ao desenvolvemento local participativo e buscan fortalecer o tecido socioeconómico das zonas rurais e promover o emprego, o crecemento, a inclusión social e o desenvolvemento local en zonas rurais, incluíndo a bioeconomía e a silvicultura sostible.
As estratexias elaboradas tiveron en conta medidas levadas a cabo pola Xunta de Galicia, como son a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, a Estratexia sectorial a carne, o Plan Forestal de Galicia 2021-2040 e o Plan estratéxico do castiñeiro.
Dinamización
Ademais, no proceso participativo, os 24 GDRs seleccionados lograron levar a cabo 874 accións nas que reuniron a 2.787 participantes, dos cales 690 pertencían ao sector público, 854 do económico e 1.243 de entidades sociais. Por outra banda, analizaron a situación actual de uso e xestión do territorio e destacaron a importancia dos instrumentos regulados na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia para o seu futuro.
Cómpre destacar que estas estratexias tamén recolleron 40 proxectos piloto postos en marcha en zonas rurais relacionados coa recuperación da terra agraria, con novos cultivos, coa creación de centros de transformación de produtos agroalimentarios e coa súa comercialización, co turismo, coa posta en marcha de comunidades enerxéticas ou co emprendemento no rural, entre outras. Por último, cabe resaltar que dentro das estratexias elaboradoras polos grupos de desenvolvemento rural atópanse a proposición de 170 actividades formativas ou de 141 proxectos de cooperación.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último