O investimento de 30 millóns evitará un expediente da UE
Ethel Vázquez pon en valor a renovación “profunda da depuración” na ría de Pontevedra
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou que os case 30 millóns que investiu a Xunta desde mediados do 2020 na mellora da ría de Pontevedra deron os seus froitos e conseguiron evitar unha multa millonaria por parte da Unión Europea, ao paralizar o procedemento sancionador por incumprimento nos parámetros de depuración.
Así o manifestou onte no pleno da Cámara galega, no que informou sobre a estratexia da Xunta para mellorar o saneamento e a depuración das rías galegas, que se marca como obxectivo alcanzar que en 2027 o 100% das masas de auga estean en bo estado.
Na súa intervención, remarcou que o “enorme esforzo” que a Xunta realizou para pór en marcha as infraestruturas de depuración necesarias para o saneamento da ría de Pontevedra “funcionou”.
“Evitamos a multa da Unión Europea porque acometemos unha renovación profunda da depuradora”, explicou para lembrar o investimento realizado de 16,5 millóns, que permite que desde o pasado mes de xullo a depuradora de Vos Praceres trate adecuadamente a auga que recibe a unha velocidade de 900l/s.
Ethel Vázquez resaltou que a mellora levada a cabo na depuradora permite cumprir os parámetros legais previstos na lexislación europea e, ademais, lograr que a depuración se sitúe entre un 60% e un 80% por baixo dos máximos permitidos, chegando a eliminar o 90% dos contaminantes.
Na súa intervención, a titular de Infraestruturas remarcou que desde o ano 2009 o Goberno galego leva mobilizados máis de 1.100 millóns en actuacións vinculadas ao saneamento das rías. “Nunca ningún goberno fixo tanto polo saneamento das rías como esta Xunta”, afirmou Ethel Vázquez, que destacou que, destes 1.100 millóns, 910 destináronse a obras postas a disposición dos concellos costeiros para mellorar o saneamento e a depuración.
Por outra banda, a maioría absoluta do PP tombou a proposición lexislativa do BNG que pretendía introducir na Lei galega de saúde a obrigatoriedade de destinar o 25% do gasto sanitario ao servizo de atención primaria como vía para, segundo expuxo a portavoz nacionalista, Ana Pontón, “frear 14 anos de recortes”.
O debate da proposición do Bloque derivou nun cruzamento de cifras entre populares e nacionalistas. Os primeiros tiraron de comparativa co gasto en sanidade da etapa do goberno bipartito (entre 2005 e 2009) para acusar ao BNG de practicar un “trilerismo sen límites” con afán de “enganar” e “manipular” á poboación pois, segundo o deputado Alberto Pazos Couñago, “nunca houbo tanto orzamento para atención primaria e para persoal” como nas actuais contas da Xunta.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último