Goy Diz: "A Ribeira Sacra é unha paisaxe cultural viva"
A nova académica de Belas Artes destacou os valores da zona, candidata a Patrimonio da Humanidade
A catedrática de Historia da Arte Ana E. Goy Diz (Lugo, 1966) pronunciou onte o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega de Belas Artes (Ragba) como académica numeraria da Sección de Expertos nas Artes, titulado “Ribeira Sacra: a construción dunha paisaxe cultural”. O acto, que se celebrou no salón de actos da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da Universidade de Santiago (USC), estivo presidido polo presidente da Ragba Manuel Quintana Martelo, e o discurso foi contestado en nome da Academia polo membro numerario da Sección de Arqueoloxía e Museoloxía, Antonio Rodríguez Colmenero.
“Esta academia sinte que a súa voz e o seu traballo serán de grande importancia no noso futuro académico”. Con estas palabras Quintana Martelo deu a benvida á nova académica, que xa fora elixida en 2015 académica correspondente polos seus méritos no desenvolvemento da súa actividade profesional.
O presidente destacou que son moitos e salientables os méritos que concorren na nova académica e que a fan, con rotundidade, “merecedora de pasar a formar parte do noso plenario, xa que a súa aportación e a súa xenerosidade co traballo serán de alta estima dentro das actividades académicas a prol da institución e da cultura do noso país”.
No inicio da súa disertación, Ana Goy amosou o seu agradecemento á Academia por apoiala e concederlle a “enorme honra” de unirse a esta prestixiosa institución. En especial, deulle as grazas ao profesor Colmenero porque desde a súa chegada a Lugo hai máis de vinte anos estivo sempre ao seu lado “exercendo un maxisterio valiosísimo e demostrando unha gran xenerosidade intelectual e unha extraordinaria calidade humana”.
Nesta liña de agradecemento, tamén quixo destacar o labor da Real Academia nestes últimos anos para adaptarse aos tempos e apostar de forma decidida pola incorporación da muller á institución, dando entrada por primeira vez no pasado 2021 a tres mulleres entre os seis académicos electos, “fito histórico que defende a paridade na vida pública por primeira vez na súa historia”.
Centrada xa na Ribeira Sacra, candidata a Patrimonio da Humanidade, Goy Diz analizou a súa dimensión patrimonial cualificándoa como “unha paisaxe cultural viva” que incide na relación home-natureza xa que está vinculada ao xeito tradicional de vida. “Un territorio de vertentes vertixinosas, situado na Galicia interior arredor dos vales encaixados dos ríos Miño e Sil, definindo o punto de encontro de Lugo e Ourense, ameazadas polo envellecemento do despoboamento”, reflexionou, para repasar os máis de 1.500 anos de historia da Ribeira Sacra.
Contenido patrocinado
También te puede interesar