Galicia vacinará do herpes zóster e fará cribados de cancro de pulmón e próstata
Comesaña di que o BNG e o PSdeG non teñen máis discurso que o do “desmantelamento”
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, compareceu onte no primeiro pleno do Parlamento do ano para avanzar as novidades na planificación de saúde pública. Anunciou que o Sergas arrincará en xuño a vacinación da poboación xeral, empezando polos maiores que cumpran 65 e 80 anos, contra o virus do herpes zóster. Ademais, mellorará a administración da vacina contra o neumococo en adultos para que cubra até 20 serotipos diferentes.
Xunto a isto, o Sergas ampliará nesta mesma lexislatura a carteira de cribados oncolóxicos para incluír tamén probas de detección do cancro de pulmón e de próstata, coas que a Comunidade se adiantará aos obxectivos da Unión Europea.
García Comesaña dixo que o seu departamento conta cun orzamento de 106 millóns de euros en 2023, unha cifra que causou o primeiro enfrontamento coa oposición.
Sanidade presentará ademais este ano o plan ‘Inspira Saúde’, unha estratexia integral fronte ao consumo de tabaco que incluirá a detección precoz de tumores de pulmón a través de algoritmos e a intelixencia artificial. No caso do cancro de próstata, Galicia participará nun proxecto europeo para a estratificación da poboación en base ao risco de padecelo, así como para levar a cabo un cribado.
Finalizada a súa primeira intervención, tanto BNG como PSdeG reprocháronlle que non falase da situación da Atención Primaria. A portavoz do BNG, Montse Prado, ironizou con que a comparecencia de Comesaña foi unha “receita de aproveitamento” con asuntos xa anunciados, pero non levou ao Parlamento “ningunha receita para solucionar os problemas de saúde pública dos galegos”.
Pola súa banda, o portavoz sanitario do Grupo Socialista, Julio Torrado, advertiu que a Atención Primaria está “na situación máis crítica que se lembra” na comunidade, xunto a unha Hospitalaria na que “dimiten de maneira habitual” xefes de servizos. A pesar diso, tal e como criticou o socialista, o conselleiro “non quere falar dos problemas reais” do Sergas.
O conselleiro de Sanidade replicou á oposición que xa tivo varias ocasións de responder o pleno sobre Atención Primaria: “E, por se fose pouco, mañá (hoxe) virei contestarlles ás súas preguntas”. “Teñen unha carencia total de discurso que non sexa o desmantelamento e a privatización. Os que verdadeiramente son un perigo para os galegos son vostedes ao infravalorar os plans de prevención”, esgrimiu o conselleiro. E recoñeceu que a ausencia de facultativos non permite cubrir baixas nin vacacións. Por iso, pediu “un esforzo” aos profesionais existentes e ao Ministerio de Sanidade que permita habilitar máis prazas de formación MIR.
O titular de Sanidade da Xunta aproveitou o peche da súa comparecencia para arremeter contra a Plataforma SOS Sanidade Pública, que promove unha gran mobilización para o 12 de febreiro. Comesaña volveu a referirse a este colectivo como “Plataforma SOS Bipartito”, porque en 2009, cando volveu o PP ao Executivo autonómico, “pasaron de ser compracentes a feroces críticos”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último