Galicia potencia a remuda xeracional dos negocios ligados ao territorio
A Rede de polos de emprendemento leva atendidos máis de 4.700 proxectos desde 2022, con especial foco no rural
Galicia conta cunha forte vocación emprendedora que reflicte o potencial de oportunidades que brinda a comunidade para dar vida a novas ideas de negocio. Neste eido é clave o labor que desempeña a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego da Xunta, que desde que xurdiu no ano 2022, leva atendidos máis de 4.700 proxectos e que pon o foco no emprendemento ligado ao territorio fundamentalmente no rural.
Tamén son clave nesta cuestión ferramentas como os apoios autonómicos dirixidos ao colectivo de autónomos, que conta cun importante peso na comunidade galega. De feito é a primeira de España con maior peso deste colectivo sobre o total da poboación afiliada.
Este apoio tamén abarca o acompañamento ás persoas interesadas en traspasar un negocio, que poden acudir á Rede de polos para publicitar a súa oferta e solicitar asesoramento. De feito, os técnicos da Rede de polos, que conta con 15 oficinas distribuídas por Galicia —entre elas as do Porriño, Silleda e Vilanova de Arousa, na provincia de Pontevedra—, traballan coas persoas que queren transmitir o seu negocio para resolverlle dúbidas cara o proceso de remuda, darlles visibilidade no escaparate que está na páxina web da Rede de polos de cara a atopar unha persoa interesada na transmisión do negocio ou resolverlles dúbidas sobre as axudas que ofrece o Bono remuda das persoas traballadoras autónomas.
Bono Remuda
Este Bono Remuda é outra das liñas de apoio orientada á transmisión de negocios en prol da remuda xeracional e da vertebración do territorio e forma parte dos cinco programas específicos da orde unificada de axudas para persoas traballadoras autónomas -dotada con máis de 40 millóns de euros e aberta ata o 30 de setembro-. O Goberno galego lanzou esta medida por primeira vez o ano pasado e nesta edición conta cun orzamento específico de máis de 1,2 millóns de euros.
Concrétase en dúas liñas, o Bono remuda rural -para negocios situados en concellos de menos de 10.000 habitantes- e o Bono remuda xeral –para negocios situados en municipios de 10.000 ou máis habitantes–. Este ano, como novidade destacada, inclúe axudas para os autónomos que traspasan o negocio por xubilación, ademais das incluídas para quen asume a empresa.
Trátase dunha aposta global que se referenda coa Estratexia Impulso Autónomo Horizonte 2027, dotada de 360 millóns de euros e que se complementa con outras medidas para favorecer a creación de negocios, como as de Retorno Emprendedor (1 millón de euros), dirixidas aos galegos retornados que deciden voltar co obxectivo de poñer en marcha un proxecto de autoemprego.
Mentoría a persoas autónomas consolidadas
Dentro desta forte batería de medidas, o Goberno autonómico, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración impulsa unha nova edición do programa de mentoría para mellorar a competitividade de máis de 200 persoas traballadoras por conta propia e que sacou a licitación por valor de máis de 287.000 euros. Trátase da sexta edición da iniciativa e en concreto, dela poden beneficiarse as persoas traballadoras autónomas consolidadas, que conten cun mínimo de 42 meses de actividade económica.
Balance das cinco edicións anteriores da mentoría
Coas cinco edicións anteriores desta iniciativa, desenvolvidas no período 2020-2024, a Xunta apoiou máis de 1.000 persoas traballadoras autónomas -unhas 200 persoas en cada edición-. En concreto, a última contou con 56 mentores e con 214 profesionais en proceso de adaptar ou transformar os seus negocios ás necesidades do mercado.
Desde que comezou o programa de mentoría, máis do 90% dos participantes nesta iniciativa autonómica valoraron como bastante ou moi útil a iniciativa ao seu remate. No 22% dos casos incrementaron a súa cifra de negocio e un 10% fixo algunha contratación, aspectos que demostran a eficacia deste programa.
As persoas seleccionadas para formar parte del reciben acompañamento ao longo dun ano co fin de seguir impulsando a súa actividade empresarial, favorecendo a súa modernización e a apertura a novas oportunidades. Ademais, estes emprendedores reciben formación relacionada coas TIC, novos mercados, a sustentabilidade ou o cooperativismo, e o programa tamén contribúe a incrementar os seus contactos profesionais.
Deste xeito, Galicia busca potenciar o desenvolvemento das competencias emprendedoras dos participantes, reducir os riscos da súa actividade profesional e acompañalos na modernización e consolidación de negocios viables e adaptados ás necesidades dos diferentes mercados.
Ademais, no marco desta iniciativa tamén se impulsa unha rede de persoas mentoras ás que se lles imparte formación, actividades para favorecer sinerxías e cualificación. Estes profesionais pertencen a distintos ámbitos, entre eles, finanzas, fiscal, tecnoloxía, marketing, comunicación, recursos humanos e legal.
Neste sentido, a metodoloxía desta acción permite ás persoas mentoras transferir a súa experiencia aos participantes, establecéndose unha relación de confianza entre ambas partes que se instrumenta mediante un proceso de acompañamento e orientación a través da experiencia.
Contenido patrocinado
También te puede interesar