“Caamaño criouse en Vigo en castelán”, lembra a Academia

O presidente da RAG apunta aos mozos co exemplo dunha homenaxeada que se pasou ao galego

Publicado: 17 may 2026 - 16:37 Actualizado: 18 may 2026 - 10:08
El presidente de la Xunta de Galicia, Alfonso Rueda (2 fila, 7i), y el presidente de la Academia, Henrique Monteagudo (2 fila, 7d), durante el pleno Real Academia Galega por el Día das Letras Galegas, en el Teatro Principal de Santiago, a 17 de mayo de 2026, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia (España).
El presidente de la Xunta de Galicia, Alfonso Rueda (2 fila, 7i), y el presidente de la Academia, Henrique Monteagudo (2 fila, 7d), durante el pleno Real Academia Galega por el Día das Letras Galegas, en el Teatro Principal de Santiago, a 17 de mayo de 2026, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia (España). | EP

A Real Academia Galega (RAG) homenaxeou este domingo, 17 de maio, Día das Letras Galegas, a voz, obra e legado de Begoña Caamaño(1964-2014), a xornalista, narradora feminista e activista que se apropiou dos mitos e colocou ás mulleres no centro deles.

O Teatro Principal da capital galega acolleu a xornada, de carácter público e aforamento limitado, en conmemoración da escritora, natural de Vigo. O pleno extraordinario estivo presidido polo mandatario autonómico, Alfonso Rueda, quen estivo acompañado das máximas representacións institucionais da Comunidade e da cidade, e de personalidades do mundo da cultura.

"A súa é unha vibración que se fai presente. Non é posible asociala cunha ausencia senón coa reverberación que aínda nos toca", expresou a académica, compañeira e amiga da homenaxeada, Ana Romaní, inaugurando a súa alocución.

Henrique Monteagudo, o presidente da Academia, empezou demandando unidade para que a lingua galega continúe a animar “a esperanza que nos inspira cara ao futuro”. Neste sentido, puxo o exemplo de Begoña Caamaño: criada en castelán nos barrios vigueses do Calvario e Coia, fíxose neofalante en galego cando era unha moza. “Compromiso, activismo, alegría, agarimo: iso precisa o noso idioma”, enfatizou o presidente.

Despois, valorou a actitude da cidadanía cara a lingua de noso, “máis positiva e máis proactiva ca nunca”, pero advertiu que, aínda que “a súa normalización alenta no compromiso cidadán, atinxir un pulo decisivo require un imprescindible impulso político”. “O galego non pode seguir aferrollado no leito de Procusto das liortas partidistas, con uns pretendendo cortarlle as pernas mentres outros teiman en estricarllas”, comparou.

Compostela

Monteagudo pronunciou estas palabras ante o presidente Alfonso Rueda, nunha sesión que contou coas máximas representacións institucionais do país e da cidade, coa alcaldesa Goretti Sanmartín encabezando a delegación municipal. O presidente da RAG quixo referirse a Santiago de Compostela -onde Caamaño se fixo escritora e desenvolveu os seus proxectos xornalísticos máis persoais- como outro espello no que se mirar en materia lingüística. “Compostela ofrece un exemplo edificante de lealdade á lingua galega, ilustrado no seu uso corrente en todos os ámbitos, públicos e privados, formais e informais. A capital de Galicia é tamén orgullosa capital da lingua galega”, salientou.

O presidente da RAG rematou a súa intervención coa man tendida da “leal colaboración” e facendo un “efusivo chamamento” ao compromiso da cidadanía e unha “solemne exhortación ao presidente da Xunta para que impulse o diálogo político e social en prol do idioma”.

A institución salientou hoxe no pleno a actualidade do seu legado, brillante e sedutor no literario, desafiante no intelectual e no ético, e sempre en galego.

Rueda aposta por un pacto pola lingua “realista e consensuado”

Na súa intervención, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, fixo fincapé na defensa e promoción do galego como un “asunto de país”, de aí a necesidade de acordar un pacto pola lingua “realista e consensuado” entre todas as forzas políticas. “Dámonos cita para homenaxear unha figura poliédrica, á xornalista e escritora Begoña Caamaño que transitou pola vida da man do que lle gustaba, ese xornalismo, ao que se dedicou profesionalmente con paixón e rigor”, empezou dicindo, antes de chegar ao miolo da súa intervención.

“Dámonos cita nunha Galicia plural, logo de 45 anos de autonomía, catro décadas e media nas que, entre todos e todas, fomos medrando en democracia e capacidade de autogoberno”, asegurou, e engadiu: “Autogoberno útil, sempre ten que selo, para responder ás necesidades da xente, tamén para dotarnos do corpus lexislativo necesario para recuperar e poñer en valor a nosa cultura e a nosa lingua”.

“O Goberno galego, este e calquera, ten que darlle sempre o apoio que precise a nosa fala, sempre desde a liberdade. Hai que convencer; xamais impoñer”, incidiu o presidente. E a continuación afirmou: “Cómpre que a rapazada remate os seus estudos con plena competencia lingüística, pero tamén que esa plena competencia formal vaia acompañada da querenza polo galego”. Pediu tamén que “as mozas e mozos se expresen en galego, que usen o galego en sentido amplo”. E citou a Alonso Monteiro, falecido recentemente. “El insistía en que o galego é de todos. O idioma non é nin do grupo A nin do grupo B, é o idioma de Galicia, fálano ricos e pobres, parados e non parados, de esquerdas e de dereitas”. E rematou: “O galego debe ser a nosa política de estado, unha das máis importantes”.

Begoña Caamaño, “unha adiantada ao seu tempo” que “non se rendía”

Nunha serie de reaccións á celebración de onte, a Marcha Mundial das Mulleres destacou o compromiso feminista de Begñoa Caamaño. A súa “persistencia” e a importancia de “non renderse” son algunhas dos ensinos que destacan aquelas que compartiron momentos con Caamaño: “Ensinounos a non crer todo o que sempre nos impuxeron”. O colectivo lembrou a súa capacidade para cuestionar discursos impostos e reivindicar novas miradas sobre os mitos clásicos. As compañeiras da xornalista e escritora subliñaron tamén a importancia que daba á sororidade e á loita colectiva.

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou a Rueda que “aposte polo galego de verdade” e invista “moito máis” en política lingüística. Reivindicou á homenaxeada, Begoña Caamaño, quen reescribiu a Circe, Penélope e Morgana porque “sabía que os mitos non son neutros” e “había que devolverlle a voz ás mulleres”. Unha tarefa que, lembrou, fixo en galego. Ademais, Besteiro puxo en valor a traxectoria de Caamaño na radio pública, que ela mesmo quixo “independente e crítica”.

Ademais, a xornalista Lucía Junquera, directora do podcast “Poñer a voz”, definiu a Begoña Caamaño como unha voz “adiantada ao seu tempo”, cun pensamento político e social que, ao seu xuízo, continúa sendo máis avanzado ca o de moitas xeracións novas. Junquera destacou a honestidade como eixo da súa traxectoria profesional e subliñou que nunca separou os seus principios do exercicio do xornalismo. Caamaño iniciou a súa carreira en 1986 na emisora viguesa Radio Noroeste, onde entrou a formar parte dos servizos informativos tras realizar un curso de radi e despois continuou o seu oficio na Radio Galega.

Contenido patrocinado

stats