Galicia destina 40 millóns de euros para apoiar os seus autónomos

Apoio ó emprendemento

Como novidade, o Bono Remuda engadirá axudas para os autónomos que traspasan o negocio por xubilación

Os programas van desde o inicio da actividade aos de consolidación e mantemento.
Os programas van desde o inicio da actividade aos de consolidación e mantemento.

Na súa misión de apoiar o tecido empresarial da comunidade autónoma, a Xunta de Galicia ten aberta a orde que unifica máis de 40,7 millóns de euros en axudas específicas para o colectivo de autónomos coa finalidade de axilizar a súa tramitación e resolución e avanzar na simplificación administrativa. Trátase de cinco programas cos que se prevé beneficiar preto de 8.700 persoas que inicien a actividade ou que xa estean a desenvolvela. 

Deste xeito, os programas que inclúe esta convocatoria única, que estará aberta ata o vindeiro 30 de setembro, van desde o inicio da actividade -como o programa de promoción do emprego autónomo e da cota cero- aos de consolidación e mantemento da actividade -Bono Autónomo e Bono Remuda-. Como novidade, tamén incorpora os apoios á conciliación e o Bono Nova Oportunidade. E nos útlimos días tamén se publicou a orde para apoiar a contratación do primeiro, segundo e terceiro traballador por parte de autónomos, con dúas liñas compatibles entre si.

Orde unificada

Dentro da convocatoria única que se publica por primeira vez, 28,9 millóns de euros son para o programa de promoción do emprego autónomo que ten dúas liñas. A primeira busca impulsar o inicio da actividade e o mantemento de emprego dos autónomos, mentres que a segunda ten como obxectivo garantir a cota cero durante 12 meses de actividade.

No caso do Bono Autónomo, destinado á mellora da competitividade dos negocios, contará con 8 millóns de euros. Neste caso, como novidade, amplíase o período dos gastos subvencionables abarcando o último trimestre do ano anterior ao de solicitude da axuda. Mentres, para o Bono Nova Oportunidade -co que se apoian os autónomos que desexan volver emprender tras o cesamento de actividade- consígnanse 1,5 millóns de euros.

Canto ao Bono Remuda (cunha partida prevista de máis de 1,2 millóns de euros), introdúcense novidades dentro da aposta por facilitar a transmisión de negocios rendibles para favorecer a vertebración do territorio. Así, engádense -ás xa incluídas para quen asume a empresa- axudas para quen traspasa por xubilación.

A achega será de 6.000 euros para os negocios situados en concellos de menos de 10.000 habitantes (Bono remuda rural) ou de 3.000 euros para os localizados en municipios de máis de 10.000 habitantes (Bono remuda xeral).

Por último, a orde autonómica inclúe o programa de conciliación (cun orzamento de 1 millón de euros) e tres liñas para apoiar a contratación, por parte dos autónomos, dunha persoa desempregada para cubrir a súa baixa de maternidade ou paternidade, ou por risco polo embarazo ou a lactancia, e para o coidado de menores, maiores ou dependentes. A terceira liña prevé financiar servizos de coidado para as persoas ao cargo do profesional autónomo.

Co obxectivo de facilitar a tramitación destas axudas, a Xunta implementou un chatbot de intelixencia artificial -dispoñible en oficinadoautonomo.gal- para resolver en tempo real as dúbidas das persoas autónomas en relación a estes apoios. 

Axudas para a contratación indefenida

Ademais, dentro desta convocatoria de axudas que impulsa o apoio aos traballadores por conta propia, tamén poden solicitarse as axudas para favorecer a contratación indefinida por parte dos autónomos, unha iniciativa para a que se destinan 1,35 millóns de euros cos que a Xunta prevé beneficiar case 140 persoas desempregadas. Para apoiar a contratación do primeiro, segundo e terceiro traballador, inclúense dúas liñas compatibles entre si: o bono de contratación e o bono de formación. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 30 de setembro. As contías base poderán incrementarse nun 15%, acumulables entre si, se a persoa contratada é unha muller nunha profesión ou oficio no que o sexo feminino estea subrrepresentado, se é maior de 45 anos ou se o centro de traballo está no rural. 

Contenido patrocinado

stats