O “galeguismo integrador", chave do éxito autonómico
A Xunta entregou as Medallas Castelao no aniversario da volta dos restos do político e escritor
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou o “galeguismo integrador” como chave no “éxito da Galicia autonómica”, un “patrimonio colectivo” que avogou por “conservar, impulsar e prolongar”. O máximo mandatario autonómico presidiu onte en San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela, o acto de entrega destes galardóns. Na súa edición de 2022 recoñeceron a traxectoria do político nacionalista Camilo Nogueira, o chef Javier Olleros e o xornalista Javier Sánchez de Dios. Ademais, foron galardoados o club de fútbol sala Pescados Rubén de Burela, nomeado mellor equipo do mundo e campión de Europa; así como a coral coruñesa El Eco, fundada por Pascual Veiga.
Á cerimonia solemne acudiron as principais autoridades de Galicia, como o presidente da Cámara galega, Miguel Santalices; membros do Goberno galego; os líderes do BNG, Ana Pontón, e PSdeG, Valentín González Formoso; así como o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, entre outros.
Na súa intervención, Alfonso Rueda afirmou que o 28 de xuño é unha esas datas que “marcan fito” na historia do pobo. “Tal día como hoxe, en 1936, foi plebiscitado o primeiro Estatuto de Autonomía Galicia. Tal día como hoxe regresaron os restos de Castelao. E desde 1984, cada 28 de xuño honramos a compatriotas ilustres que contribúen a emprender a galeguidade”, destacou. Aínda que lembrou que aquel Estatuto nunca entrou en vigor, sinalou que foi unha “semente” que finalmente deu os seus froitos. “Galicia puido configurarse como nacionalidade histórica cando España se definiu como nación democrática. E Castelao, pola súa banda, deixa un legado de galeguismo integrador que fai posible o autogoberno do pobo, polo pobo e para o pobo”, sostivo parafraseando a Abraham Lincoln.
Agradecementos
Unha vez que o vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, deu lectura ao decreto que outorga as medallas, Camilo Nogueira agradeceu este recoñecemento pola súa contribución ao autogoberno de Galicia, un fin para o que asegurou que quixo contribuír “seguindo co maxisterio de persoas como Castelao”. Así, lembrou a súa participación no Estatuto de Autonomía e no recoñecemento en “plena igualdade” da lingua galega a través da proposta de lei de normalización lingüística. “Como tantos procurei levar a voz de Galicia a Europa e ao mundo”, destacou.
Pola súa banda, o chef Javier Olleros, que rexenta o restaurante situado no Grove (Pontevedra) Culler de Pau, reivindicou a “gastronomía” como “cultura”. “Reflicte e acompaña os cambios da sociedade na que vivimos e, a través dela, podemos expresar a simplicidade, a frescura, a pureza e a idiosincrasia dun lugar”, dixo para lembrar tamén que a gastronomía se constrúe desde diferentes ámbitos como o agrícola, a pesca, os artesáns, as escolas técnicas, a Formación Profesional ou a ciencia. Pola súa banda, o presidente da coral El Eco, Carlos González Garcés, agradeceu a medalla como un recoñecemento ao traballo desenvolvido pola coral ao longo dos seus 140 anos de historia, un percorrido que a converte na máis antiga de España. “Entendemos que non é só un recoñecemento ao traballo desenvolvido pola coral polifónica El Eco, senón tamén unha homenaxe aos movementos corais existentes en Galicia”, expresou.
Os encargados de recoller o recoñecemento ao Club de Fútbol Pescados Rubén foron a segunda capitá do equipo Joziane De Oliveira, quen celebrou formar parte dun “club pioneiro na defensa da igualdade laboral” e os dereitos das deportivas; así como o presidente do club, Manuel Blanco, quen puxo en valor o traballo do corpo técnico e das xogadoras para levar “o nome de Galicia polo mundo”.
Finalmente, o xornalista Javier Sánchez de Dios, que conta cunha ampla traxectoria na prensa escrita, radio e televisión, mostrou o seu agradecemento polo recoñecemento e trasladou ao presidente da Xunta a súa “confianza absoluta” en que con el á fronte “Galicia nos próximos anos será capaz de avanzar no seu camiño”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último