Os galegos de alén do Atlántico reencóntranse coas súas orixes

200 emigrantes residentes en América do Sur participan estes días na iniciativa “Reencontros con Galicia”

Rosa, Rosa, Teresa, Milagros e Carmen, na residencia de Tempo Libre do Carballiño.
Rosa, Rosa, Teresa, Milagros e Carmen, na residencia de Tempo Libre do Carballiño.

O programa “Reencontros con Galicia”, impulsado pola Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia en colaboración coa Consellería de Política Social, volve ter a emoción como ingrediente principal para os 200 emigrantes galegos procedentes de Venezuela, Cuba, Brasil, México, Bolivia, Arxentina e Uruguai que estes días gozan da estadía na súa terra de orixe. Esta iniciativa, con máis de 35 anos de traxectoria, busca facilitar o contacto das persoas emigrantes galegas maiores de 65 anos coa Galicia actual e, o máis importante, coas súas familias.

Os participantes, cunha media de idade que se move entre os 70 e os 100 anos, representan a xeración que tivo que marchar en condicións moi duras, moitos deles fai 40, 50 ou 60 anos, e que agora voltan á súa terra. O obxectivo pasa por reencontrar a estes galegos coas súas raíces, a súa lingua e os seus costumes, que seguen conservando intactos no exterior.

Nestes días, ademais de participar nas actividades, os participantes no programa “Reencontros con Galicia” adican o tempo a compartir as súas historias persoais, testemuños directos como son do valor e o esforzo desta xeración de galegos. Nesas historias conflúen o arraigo e a emoción coa que manteñen a cultura galega a través das xeracións, contando como seguen facéndolle a fillos e netos as súas comidas, cantándolles as súas cancións ou ensinándolles palabras no seu galego materno.

Historias de vida

As historias das emigrantes ilustran a realidade dun éxodo familiar en cadea. Carmen Díaz Lorenzo, natural de Castro Dozón, Pontevedra, lembrou a súa infancia na aldea con “cabritas, porquiños, ovelliñas”. Ela emigrou a Arxentina con só 8 anos en 1956, indo vivir a Lanús, onde xa estaban os seus tíos, seguindo o patrón familiar: “Emigraron todos, claro. Onde estaba un, ían detrás”. Similar foi a historia de Milagros Barros, galega de Vilameá, Pontevedra, marchou a Buenos Aires con 19 anos reclamada por uns tíos, adicando a súa vida alí a “buscar traballo, traballar, estudar o que se podía, saír adiante e traballar”.

Pola súa banda, Rosa Alonso González contou que case lembra Galicia, pois a súa nai levouna con tres anos e medio. A súa vida transcorreu en Arxentina, á que chegou despois de que un tío reclamase ao seu pai. Rosa Alonso regresou por primeira vez a España no 99, unha “emoción moi grande” xa que os seus pais nunca puideron facelo. Explicou que volver agora, despois de 13 anos, é “como volver a cero”, conmovida por atopar a familiares e polo feito de que a organización do programa a favorecera coa viaxe, o que considera un “soño”. Nesta historia de emigración, todas elas agradecen as oportunidades que Arxentina lles brindou, confesando que se senten privilexiadas por levar dúas patrias no corazón.

En canto ó día a día da iniciativa, alaban a organización do programa, tanto a nivel persoal como de experiencias. Luki Igrexas, coordinador no Carballiño, salienta como un dos aspectos máis importantes a fonda carga sentimental da iniciativa e define a estas persoas como verdadeiras “superheroínas”, lembrando que “as nosas avoas, as nosas bisavoas, sacaron adiante ás súas familias pelexando contra vento e marea e deixando a pel”, nun momento no que a escaseza rondaba polas súas casas.

A Galicia do século XXI

Durante a súa estadía, que se estende do 6 ao 16 de outubro, os participantes gozan dun completo programa de actividades de ocio e visitas culturais. Aloxados nas residencias de tempo libre da Xunta en Panxón e O Carballiño, percorren diversas localidades e cidades galegas. Esta volta á terra supón para eles un redescubrimento total, volvendo coñecer unha Galicia que non ten nada que ver coa que deixaron atrás.

O programa está deseñado para que, unha vez finalizada a parte institucional, moitos poidan estender a súa estadía ata finais de outubro e aproveitar ese tempo para visitar ás súas familias. Nese período volven á aldea onde naceron ou de onde procedían os seus pais, para redescubrir aquelas imaxes e lembranzas que tiñan en escenarios cos que agora volverán conectar.

Á súa chegada a Galicia, o grupo de participantes foi recibido polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, no aeroporto de Vigo. Subliñou que moitos dos emigrantes levaban décadas sen regresar, polo que este reencontro é “moi emotivo, tanto para eles como para as súas familias”. No seu saúdo, lembrou que “poden ver de primeira man a vitalidade desta Galicia próspera e moderna,” engadindo que “para a Xunta é un orgullo axudarlos a volver á súa terra e, en moitos casos, a reencontrarse con familiares que non viron en moito tempo”.

A Secretaría Xeral da Emigración ten como obxectivo promover a participación da colectividade galega no exterior na vida cultural e social de Galicia, mantendo os vínculos coa súa terra de orixe. Segundo destacou Miranda, “os nosos maiores son fundamentais para transmitir ás xeracións nadas no exterior ese sentimento especial cara a Galicia, garantindo que eses lazos nunca se rompan”.

Contenido patrocinado

stats