"Fraga sería institucional coa decisión sobre o pazo de meirás"

Miguel Santalices Presidente do Parlamento de Galicia

Miguel Santalices recuncou como presidente do Parlamento de Galicia "grazas aos meus que me apoiaron e á oposición que non se opuxo", como dixo na toma de posesión. Cre que nunca chegaría ao cargo se antes fose nomeado conselleiro de Sanidade como anunciaron moitas quinielas nestes anos.

Miguel Santalices no despacho do presidente do Parlamento de Galicia.
Miguel Santalices no despacho do presidente do Parlamento de Galicia.

Canto ten que calar quen dá e retira a palabra no Parlamento?

Pois ás veces teño que calar bastante porque non me podo esquecer de que durante moito tempo fun deputado e participaba activamente nos debates. Presidindo tes que ser moi institucional e conter as ganas. Penso que está saíndo ben, aínda que en ocasións sufro, teño moita capacidade de aguante.

Bota de menos a tarefa de deputado ou séntese xa máis cómodo de árbitro?

É como a pregunta trampa nas milicias: que lle gusta máis mandar ou obedecer? O normal é que digas mandar, pero o bo militar ten que saber obedecer. Penso que un dos orgullos máis grandes que hai é ser deputado porque eres elixido pola sociedade.

O ano que remata foi moi complicado pola pandemia. Chegou a pensar que non poderían celebrarse as eleccións?

Cheguei a pensalo porque eran moitas as incertidumes e sería grave porque habería que buscar unha solución nada fácil.

Malia o peche da Mariña lucense foi un acerto celebrar eleccións en xullo no canto de adialas?

Feijóo e o comité clínico valoraron, creo que acertadamente, que o momento para facelas era ese. Hai que recoñecer que foi un acerto, pero referíame máis a que cando empezou a pandemia podía estar en risco o proceso electoral e un montón de cousas. Imaxine en que situación as celebrariamos coa vaga que aínda estamos vivindo.

Acadar 42 deputados logo das manifestacións contra o peche do paridoiro de Verín non o esperaba nin vostede nin Feijóo, ou si?

Eu esperaba que a xente reflexionara sobre as políticas que se estaban facendo dende a Xunta cos temas que repercuten na sociedade. A valoración do presidente Feijóo por parte da cidadanía era moi alta e tiña claro que iamos ter un bo resultado porque o candidato ofrecía unha seguridade á poboación nos temas máis delicados que se estaban vivindo en Galicia. O resultado é dende logo excepcional. Penso que tamén incidiu que aquí somos moi seguriños e a xente castiga as estridencias dun xeito moi grande.

E Feijóo pensou que a presidencia do Parlamento sentáballe a vostede como un traxe a medida. Agardaba continuar?

Na anterior lexislatura esforceime por facer un Parlamento aberto, máis coñecido pola sociedade, que non destacara por leas, senón por facer debates profundos e que se puidese chegar a consensos. Penso que se conseguiu e en certo modo estaba esperanzado porque era un traballo que quería culminar na actual lexislatura.

Falaba de que os galegos non queren estridencias. Soprendeulle que En Marea ou Galicia en Común quedase sen representación e que Vox non entrese no Parlamento?

Que a Marea quedase sen representación sorprendeunos a todos. Podíase pensar nun retroceso porque determinadas actuacións no grupo non gustan, como dicía antes, pero non até o punto de non ter representación. Todos deberiamos tomar nota diso. A xente quere que nos preocupemos dos temas que son importantes, pero que o fagamos con comportamentos como os que ten a rúa a diario. Hai que estar á altura das persoas. O de Vox non foi sorpresa, xa o dicían as enquisas.

Tamén foi noticia que o BNG quedase como primeira forza da oposición cando hai catro anos algúns anunciaban a súa desaparición.

O BNG tivo un moi bo resultado. Hai que recoñecer que fixo un bo traballo na pasada lexistatura e a xente valorouno. Se sumamos a fragmentación dos grupos da esquerda, penso que o BNG tivo a habilidade de captar ese desencanto que o coloca como a primeira forza da oposición.

Algo que non foi quen de facer o PSdeG malia gañar meses antes por primeira vez unhas eleccións ao PP en Galicia?

O dato é exacto, forma parte dos análisis internos que teñen que facer os partidos políticos. É o que denominamos en Ourense, onde sabemos moito de política, análisis de estratexias e debates internos profundos.

Xa que non está En Marea ou Podemos, diría que o Parlamento é agora máis reflexivo ou o debate máis fácil de conducir?

Son menos grupos os que hai agora porque tampouco temos grupo mixto. Os debates no Parlemento sempre teñen a súa complexidade porque os deputados tratan de argumentar con forza para defender as súas posicións e hai que estar moi atento para que iso flúa e os debates sexan intensos pero sempre respectuosos. Afortunadamente, no momento que estamos vivindo no Parlamento está sendo así. Hai debates profundos e interesantes e tamén hai consensos. É raro o Pleno no que non cheguemos a un consenso entre todos os grupos. Teño que dicir que existe unha certa diferenza con algunha outra lexislatura e agrádame que sexa así.

Ve máis doado na situación actual que o PP chegue a máis acordos co BNG que co PSdeG sobre reconstrución de Galicia?

Aínda que mesmo hoxe o PP e o BNG chegaron a un agordo e o PSdeG votou abstención, non diría eu que haxa un partido na Cámara que non queira defender os intereses de Galicia, pero ao mellor á hora de plasmalo no debate parlamentario hai un maior entendemento entre os postulados do Bloque e do PP cando incidimos en reclamar unha solución do Goberno central.

Unanimidade houbo para solicitar o Parlamento a devolución do Pazo de Meirás. Pode imaxinar que diría Manuel Fraga?

Téñoo moi claro, Fraga era produndamente institucional e respectuoso cos arcodos do Parlamento, e tamén sería con Meirás.

Contenido patrocinado

stats