Florencio Delgado fixo a Valdeorras capital da cultura galega por un día

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Alfonso Rueda presidiu o seu primeiro acto institucional como presidente da Xunta no Teatro Lauro Olmo de O Barco

José Cruz

Publicado: 17 may 2022 - 23:17 Actualizado: 18 may 2022 - 09:09

Gurriarán, Rodríguez, García, Baltar, Rueda, Santalices, Ojea e Alén con familiares de Florencio Delgado chegados de México.
Gurriarán, Rodríguez, García, Baltar, Rueda, Santalices, Ojea e Alén con familiares de Florencio Delgado chegados de México.

O protagonista do Día das Letras Galegas 2022, Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo-Vilamartín, 1903; Fair Oaks-Estados Unidos, 1987) converteu onte a Valdeorras na capital da cultura galega, unha comarca idónea para o primeiro acto institucional do presidente da Xunta. “Non se me ocorre mellor maneira de comezar a miña andaina que hoxe aquí, na comarca de Valdeorras, celebrando un día tan importante para Galicia, para a nosa cultura, para a nosa lingua”, confirmou durante a súa intervención Alfonso Rueda.

No seu discurso non faltaron verbas de louvanza do protagonista deste 17 de maio. “O traballo constante de impulso ao que Florencio e os seus coetáneos dedicaron -e arriscaron- as súas vidas estivo orientado a que hoxe a nosa lingua sexa, como é, un espazo vivo de encontro entre todos os galegos”, comentou Rueda, que tamén lembrou o ingreso no hospital de outro escritor, Domingo Villar, a quen desexou unha pronta recuperación.

Ademais do nome de Villar, no auditorio barquense tamén se escoitaron os de Pura e Dora Vázquez. O presidente da Deputación provincial, Manuel Baltar, plantexou adicarlles o Día das Letras Galegas 2023, indicando que foron “poetas, narradoras, dramaturgas e articulistas en lingua galega nos escuros tempos da Ditadura”, se ben foron os textos de Delgado Gurriarán os que centraron a súa intervención. Así, aludiu á toponimia reclamada polo vilamartinés: “Nove concellos que conforman nove latitudes. Un universo marabilloso, un val de vales agarimado por outras serras, presidido pola soberana grandeza de Pena Trevinca (2.127 metros de altitude), a testa erguida da ‘Galicia Infinda’”.

A quenda de intervencións abrira o alcalde de O Barco, Alfredo García, quen, referíndose ao poeta exiliado en México, destacou “o seu compromiso coa lingua e coa terra”. Non dubidou o rexedor en referirse aos tempos nos que presidiu a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), nos que mantivo numerosos contactos co presidente galego, e afirmar: “Non teño ningunha dúbida de que Valdeorras vai estar no seu corazón”. “Córgomo e Valdeorras son hoxe a capital da cultura galega no mundo”, dixo o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, que atribuiu a designación de Florencio Delgado ao propósito de “evocar e agradecer o mundo dos exiliados de México”.

O familiar do escritor de Córgomo, un emocionado Ricardo Gurriarán, o calificou como “un home sensible, intelixente e que deoixou pegada”.

No acto, o músico Roi Casal interpretou dous temas antes de rematar co himno galego.

Córgomo vestiuse de festa no pleno da Real Academia Galega

Córgomo vestiuse de festa para recibir aos membros da Real Academia Galega. O pobo vilamartinés acolleu o pleno extraordinario e público do Día das Letras Galegas. A sesión desenvolveuse con intervencións dos académicos Ramón Villares, Rosario Álvarez e Xesús Alonso Montero, que destacaron o compromiso democrático e cultural de Florencio Delgado Gurriarán.

Na aldea estiveron as fillas de Florencio Delgado, chegadas de México. “Estoy encantada con los gallegos y Galicia, siempre nos encantó este amor”, dixo Maruxa Delgado. “Para mi padre hubiera sido que le regresaran todo este reconocimiento por su amor a la tierra, a la lengua, a sus ideas galeguistas, republicanas”, engadiu Celia. “Córgomo está precioso. Esa sensación de calidad. Todas las personas tan amables, tan cariñosas. Ha sido inolvidable”, dixo Carmiña. “Agora xa nos podemos relaxar. Foi un éxito. Os veciños de Córgomo están encantados. Isto acaba de empezar”, dixo o alcalde, Enrique Álvarez.

Soledad Figueroa, presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de Córgomo tamén felicitou ao pobo polo éxito da iniciativa. “Estamos moi orgullosas do que levamos feito nestes últimos tres meses. Todo o mundo colaborou e participou”.

Contenido patrocinado

stats