A fábrica galega de IA estará especilizada no eido da saúde
Rueda destaca que acadou a terceira mellor puntuación entre todos os proxectos europeos
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que a futura fábrica de intelixencia artificial 1HealthAI suporá un paso decisivo para consolidar Galicia como un nodo tecnolóxico estratéxico a nivel europeo. Subliñou que será a factoría de IA máis especializada das 19 existentes en Europa, e situará a comunidade nunha posición destacada no ámbito da innovación. A iniciativa está liderada polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e coliderada polo CSIC, contando cun amplo respaldo institucional e científico.
A fábrica 1HealthAI especializarase na aplicación da intelixencia artificial á saúde humana, animal e ambiental baixo “o enfoque One Health”, que promove unha visión integrada destes ámbitos. Conseguiu a terceira mellor puntuación entre todos os proxectos europeos e mobiliza un investimento de 82 millóns de euros. Ademais, reúne a participación das tres universidades públicas galegas, do centro tecnolóxico Gradiant, do hub Datalife e doutros axentes clave do ecosistema de I+D+i galego, español e europeo, o que reforza o seu carácter colaborativo.
Na presentación en Compostela, Rueda destacou que a adxudicación desta fábrica para Galicia é “un éxito colectivo, froito da cooperación entre administracións e entidades investigadoras, e marca un punto de partida para un novo ciclo de innovación”. Considera que o proxecto actuará como motor dinamizador, xerando emprego cualificado, atraendo talento e ofrecendo aplicacións relevantes para o ámbito sanitario e ambiental. Entre as súas contribucións salientan o apoio á vixilancia epidemiolóxica, a predición de biotoxinas nas rías, o avance da medicina de precisión e a mellora dos sistemas de detección temperá de incendios.
Outro dos obxectivos da factoría será potenciar a competitividade de startups e empresas emerxentes. Grazas ás capacidades tecnolóxicas avanzadas e ao acceso a datos de calidade, estas compañías poderán desenvolver solucións baseadas en IA con maior eficiencia. Rueda incidiu en que estes avances deben chegar ao conxunto da sociedade, ás pemes e ao tecido económico, garantindo un impacto transversal que transcenda o ámbito científico.
No marco desta aposta pola tecnoloxía, o presidente da Xunta de Galicia subliñou o potencial da intelixencia artificial e a necesidade de que Galicia se atope preparada para aproveitar as oportunidades que ofrece.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último