Eficiencia e calidade consolidan o modelo de reciclaxe de Galicia

Un sistema de referencia

A Xunta reforza o apoio aos concellos, impulsa novas infraestruturas e aposta pola innovación e a economía circular

Campaña divulgativa sobre o uso do contenedor marrón.
Campaña divulgativa sobre o uso do contenedor marrón. | La Región

Galicia quere dar un paso máis no seu modelo de reciclaxe. A comunidade encara os próximos anos co obxectivo de mellorar non só as taxas de recuperación de residuos, senón tamén a eficiencia do sistema e a calidade dos materiais reciclados, dous factores que gañan peso ante os esixentes retos ambientais marcados pola Unión Europea. Para logralo, a Xunta reforza o apoio aos concellos, impulsa novas infraestruturas e aposta pola innovación e a economía circular como eixes da súa política de residuos.

A pesar das dificultades derivadas das características propias do territorio galego -cunha elevada dispersión poboacional e numerosos pequenos municipios con limitacións económicas-, Galicia mantense en liña con outras comunidades do seu contorno no cumprimento dos obxectivos europeos de reutilización e reciclaxe.

De feito, coa intención de acelerar esa evolución, o Goberno galego aprobou en 2024 o novo Plan Sectorial de Xestión de Residuos Municipais de Galicia con horizonte en 2030 e puxo en marcha a Oficina de Economía Circular Municipal, creada para asesorar e acompañar os concellos na implantación de medidas destinadas a mellorar a recollida selectiva e a reciclaxe.

Recollida e tratamento

De xeito complementario, a Xunta mantén tamén unha liña anual de axudas dirixidas ás entidades locais, precisamente, para modernizar os seus sistemas de recollida e tratamento de residuos. A convocatoria deste ano supera os cinco millóns de euros e introduce novidades destinadas a aliviar a carga financeira dos municipios, especialmente dos máis pequenos, eliminando a obrigatoriedade de achegar o 10% do investimento e permitindo financiar tamén o IVE.

Estas achegas permitirán avanzar na xestión dos biorresiduos e dos residuos téxtiles, mellorar os puntos limpos e impulsar a dixitalización dos servizos municipais de recollida de lixo. Desde 2018, a Administración autonómica apoiou centos de proxectos municipais cun investimento próximo aos 40 millóns de euros para optimizar a recollida separada e fomentar a reutilización e o compostaxe.

Outro dos piares do sistema son os convenios marco cos sistemas de responsabilidade ampliada do produtor (SCRAP), que introducen melloras económicas e operativas para reforzar a capacidade dos concellos na recollida selectiva de envases lixeiros, vidro e papel-cartón.

Referentes en reciclaxe

Precisamente, as mellores cifras de reciclaxe rexístranse nestas dúas últimas fraccións. Galicia supera xa o 80% de reciclaxe de vidro, mentres que no caso do papel-cartón a porcentaxe rolda o 89%, favorecida tamén pola importante achega da recollida comercial. Nun segundo nivel sitúanse os envases lixeiros -plásticos, latas e briks-, cunha taxa próxima ao 65%. A extensión da recollida a todo o territorio e o reforzo dos convenios cos SCRAP permiten confiar nunha mellora progresiva dos resultados, aínda condicionados pola presenza de residuos impropios e pola complexidade técnica dalgúns materiais.

O principal reto continúa estando nos biorresiduos, unha fracción de implantación máis recente. En 2024, a taxa de reciclaxe da materia orgánica situouse arredor do 14%, fronte ao 11% rexistrado no exercicio anterior. A evolución atribúese ao avance do contedor marrón e á entrada en funcionamento da rede pública de plantas de compostaxe.

Así, a separación diferenciada da materia orgánica é obrigatoria para todos os concellos desde finais de 2023, aínda que a normativa permite diferentes alternativas segundo as características de cada municipio, como o compostaxe doméstico, o comunitario ou sistemas mixtos. Para facilitar esa transición, a Xunta investiu 45 millóns de euros na creación dunha rede integrada por catro plantas de tratamento de biorresiduos -situadas en Cerceda, Cervo, Verín e Vilanova de Arousa- e 13 plantas de transferencia de apoio para os municipios adheridos a Sogama.

Os resultados comezan xa a reflectirse na cantidade de materia orgánica tratada. As instalacións de Sogama pasaron de recibir 833 toneladas de biorresiduos en 2023 a superar as 4.455 toneladas en 2025. Ademais, a porcentaxe de impropios sitúase por baixo do 5 %, un indicador que evidencia unha mellor separación dos residuos nos fogares.

Neste sentido, a empresa pública lidera tamén un programa de compostaxe doméstico ao que están adheridas 499 entidades -235 concellos, 229 centros educativos e 35 colectivos sociais-. No marco desta iniciativa repartíronse xa máis de 24.000 composteiros de maneira gratuíta, acompañados de accións formativas para favorecer a autoxestión da materia orgánica e promover o aproveitamento do compost en hortas e xardíns.

Planta de reciclaxe
Planta de reciclaxe | La Región

Plan Estratéxico de Sogama 2025-2030

O futuro do sistema galego de residuos pasa tamén pola innovación e a transformación industrial. Neste contexto, o Plan Estratéxico de Sogama 2025-2030 baséase en tres grandes eixos: a xestión de novas fraccións de residuos, a dixitalización e a descarbonización dos procesos.

Entre os proxectos máis destacados figura a construción da primeira planta pública de clasificación de residuos téxtiles de Galicia, que se localizará no complexo ambiental de Cerceda. Esta instalación contará cun investimento de 22,4 millóns de euros e unha capacidade inicial de 3.000 toneladas anuais, ampliable ata as 24.000. Ademais, prevese a creación de entre 16 e 30 empregos, destinados preferentemente a persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.

No ámbito da transformación dixital, Sogama xa ten en marcha os proxectos Traza e Portal do Cliente, cun investimento superior aos 2,8 millóns de euros, co obxectivo de permitirlle aos concellos coñecer en tempo real a trazabilidade dos residuos, desde a súa entrada nas instalacións ata a súa conversión en novos recursos, facilitando así unha mellor planificación e toma de decisións.

Ó mesmo tempo, a compañía pública traballa tamén na descarbonización da súa actividade mediante a substitución progresiva do gas natural empregado na planta de coxeración por combustibles renovables procedentes do biosecado.

Con estes proxectos, Galicia busca consolidar un modelo de reciclaxe máis moderno, eficiente e sostible, no que a mellora da calidade dos materiais recuperados e a optimización do sistema se convertan nos principais indicadores de éxito.

Contenido patrocinado

stats