Diego Calvo: “Axudamos para incentivar a que os nenos fagan deporte”

Diego Calvo é vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia

N.Yáñez/S.Conde

Publicado: 19 nov 2023 - 08:28 Actualizado: 13 dic 2024 - 19:40

Diego Calvo abordou diferentes temas relacionados coa súa Consellería nun Café de Redacción.
Diego Calvo abordou diferentes temas relacionados coa súa Consellería nun Café de Redacción.

Diego Calvo abordou nunha entrevista en Telemiño cuestións de actualidade que atinxen á súa consellería.

Moi preto de onde gravamos está o complexo deportivo de Monterrei. Este verán finalmente, no mes de agosto, os ourensáns puideron desfrutar de parte das instalacións do parque acuático pero tamén comprobamos que inda queda por facer.

Tiñamos previsto que o verán pasado estivera totalmente aberto e non foi así. Houbo que volver a sacar a concurso a obra, xa que a primeira empresa adxudicataria renunciou a continuala. Iso atrasounos e o verán pasado só puidemos abrir unha parte das piscinas. De feito, para compensar aos ourensáns, fixemos que a entrada fose gratuíta. Contamos para esta tempada de verán ter toda a infraestrutura aberta para todos os ourensáns. É a inversión máis importante en materia de infraestruturas da Xunta en temas deportivos e espero que este verán poidamos desfrutalo dende o principio.

En que punto está o proxecto?

O que queda pendente é amañar danos que había nalgunha piscina e montar os tobogáns. O que nos trasladan é que estes traballos non poderán desenvolverse ata marzo, cando o tempo comece a mellorar. En todo caso, estará listo para o inicio da temporada de verán, non dende agosto coma este ano.

No mes de xaneiro está previsto que se presente o Bono Deporte, que ten por obxectivo o fomento do deporte base. Pode adiantarnos algún detalle?

É a primeira vez que temos un bono no eido deportivo. Estaban enriba da mesa moitas medidas para axudar ás familias, que nestes momentos viven unha situación complicada, e fomos quen de introducir o deporte como unha necesidade. Orientámolo sobre todo ao deporte base porque consideramos que é un elemento fundamental. Queremos que todos os rapaces, cando son novos, practiquen algún deporte. Non se trata de que saian Cristianos Ronaldos por todas as esquinas, senón que lles guste a práctica deportiva e se afeccionen a algún deporte. O máis importante é que cando remate ese período de educación obrigatoria sigan practicando algún deporte. Para unha familia que ten un ou dous rapaces en idade escolar e practicando deporte, ter 120 ou 240 euros para mercar material deportivo é un bo incentivo.

Vai haber diferencias entre provincias? Non se practican os mesmos deportes en Ourense ca en Vigo.

Non, porque é moi difícil. Cada disciplina deportiva é distinta e non son comparables unhas con outras. Tampouco as posibilidades que teñen un rapaz do rural interior con outro dunha cidade do litoral. O que fixemos é acoutalo ao deporte federado entre os 6 e os 16 anos. Houbo moitas chamadas que nos dicían que empezara en 5 ou que rematara en 17. Hai que poñer un límite para tratar de chegar aos máximos rapaces posibles, pero sabemos que van quedar cousas pendentes. De feito, as reunións que mantivemos durante este mes foron para que nos fixeran chegar ese tipo de especificidades de cada deporte en concreto. Iso si, todos levan a mesma cantidade.

Como é o apoio da Xunta de Galicia aos deportistas de elite e de alto nivel?

Hoxe temos preto de mil deportistas galegos de alto nivel, cifra que non alcanzaramos nunca antes. Ademais, todas as fins de semana temos algún deportista galego que compite a nivel nacional, internacional, conseguindo grandes marcas e primeiros, segundos e terceiros postos. Este ano traballamos coa vista posta nos Xogos Olímpicos de París 2024, polo que facemos unha axuda máis importante para eses deportistas que se están preparando para os Xogos e precisan un aporte adicional para poder representar a España e a Galicia. Para os que non van as olimpíadas estamos a facer un importante esforzo. Imos adicar este ano 600.000 euros para axudar a estes deportistas e estamos moi orgullosos diso. Nos últimos Xogos, dentro da delegación española, a comunidade que máis medallas e mellor resultados tivo, tanto nas olimpíadas como nas paraolimpíadas, foi Galicia.

De que deportes podemos estar falando? Que papel xogan os centros de alto rendemento da Xunta?

Esa é unha das eivas que temos. Temos un en Pontevedra, o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), e é unha envexa para toda España. Por riba deste están os Centros de Alto Rendemento (CAR), que están repartidos por España e son de competencia estatal. Esta é unha queixa que sempre temos: nós adicamos 3 millóns ao ano en mantemento e aos rapaces que están alí, ademais das inversións; pero o Estado só achega arredor de 300.000 euros ao ano. Os CAR do Estado necesitan 5 millóns para funcionar. Sempre reclamamos que nos axuden e financien en función dos resultados que acadan as persoas que están nestes centros. Algunha selección española fai stages ou establecen a súa base en Pontevedra. Por outra banda, somos unha potencia mundial en todo o que ten que ver coa auga: remo, piragüismo… Agora hai 375 rapaces que se preparan no centro de Pontevedra durante todo o ano, a metade homes e a metade mulleres. Temos uns resultados moi superiores ao que representa Galicia dentro de España.

Precisamente falando deses deportes de auga. Ourense ten un papel fundamental niso coas súas láminas de auga. Por exemplo, acolleu varias competicións este ano.

Si, dende logo en Ourense temos uns espazos espectaculares e campos de regatas que son moi utilizados. Tamén temos en Ourense as pistas de atletismo de Expourense, nas que a selección española se preparou. Os atletas están encantados coa calidade das pistas, que é espectacular. Ao ser cuberto permítelles adestrar en inverno e a cidade tamén está á altura. Ourense ten moita potencia deportiva.

Outro asunto dependente da súa consellería é a sede administrativa da Xunta nas Lagoas. En que punto está este proxecto?

Vai bastante avanzado. A día de hoxe están coa redacción do proxecto, que contamos ter a finais deste ano. Despois haberá que licitalo e empezar as obras, xa no ano 2024. É unha sede importante na que imos investir preto de 24 millóns e imos conseguir varias cousas: primeiro reunir todas as oficinas da Xunta nun só edificio; e segundo un edificio moderno que vai contar con todas as modernidades de eficiencia enerxética e accesibilidade. A xente que traballa alí verá moi melloradas as súas condicións e todos os cidadáns que teñen que facer un trámite coa administración autonómica tamén. Cumprimos con todas as esixencias que nos impuxo o Concello e a xunta de compensación. Cando teñamos o proxecto definitivo amosarémosllo ao Concello e á xunta de compensación de propietarios da zona para poder licitalo. Coido que vai cambiar a faciana do barrio. Ademais, imos manter o ámbito verde de 5.000 metros cadrados que nos pediran dende o Concello.

A ver se avanza con menos problemas que ata agora. Manexan algunha data concreta?

Nos orzamentos do ano que vén puxemos 2 millóns de euros para esta cuestión, que é o que nos din os técnicos que imos poder investir durante este ano. Conto con que no 2024 comecen as obras. Non podo dicir unha data concreta porque a día de hoxe non a temos. Levamos o orzamento necesario para licitalo e contamos comezar as obras o ano que vén. Imos tratar de axustarnos á parcela e que sexa o máis áxil posible. É un edificio de 6 alturas, perfectamente orientado, cun paso inferior á parcela que queda á zona verde do interior. O oco é moi grande para facer un bo paso e incluso que a xente non se molle cando chova.

Na última reunión entre Jácome e Rueda este era un dos temas a tratar. Mencionouse a humanización da zona para unificar os dous campus. Tamén se contempla isto no proxecto?

Pasámoslle hai pouco un adianto do proxecto ao Concello para que analizaran e que se poidan reunir co equipo redactor antes de telo rematado para ver se se poden cumprir todas as necesidades que marcan. Nun principio, a sensación da primeira reunión que tivemos foi moi boa, porque cumprimos todas as expectativas.

Que balance fai das axudas ás administracións locais?

Estou moi contento, porque dende a Xunta estamos incrementando constantemente o orzamento de colaboración cos concellos. Este ano fomos quen de, con algo máis de 27 millóns, chegar a máis de 600 proxectos en diferentes concellos. É certo que non atendemos a todos os concellos por igual, xa que aqueles que son máis grandes e teñen máis capacidade saen menos beneficiados das nosas axudas. Nas axudas da Dirección da Administración Xeral, a provincia máis beneficiada con diferencia é Ourense. Nalgunhas axudas, de, por exemplo, 150 concellos beneficiados, 80 están en Ourense. Por que? Porque ten máis concellos e máis pequenos e a eses concellos son aos que adicamos máis recursos. Axudamos moito en temas de eficiencia enerxética, na compra de maquinaria, abastecemento e saneamento de auga ou infraestruturas ou temas relacionados co medio ambiente, onde Ourense tamén é a máis beneficiada.

¿E no caso do Concello de Vigo e a provincia de Pontevedra?

Vigo, como grande cidade, non entra nestas axudas, porque van adicadas aos concellos de menos de 50.000 habitantes. Tratamos de chegar a todos os concellos, no arredor de Vigo hai moitos concellos que saíron beneficiados; pero as grandes cidades quedan fóra desta liña de financiamento. Os esforzos da Xunta estanse centrando nos concellos máis pequenos.

O Fondo de Cooperación Local nace con ese espírito de desenvolvemento dos concellos máis pequenos.

É certo que os concellos teñen unha reclamación histórica: máis financiamento directo para eles. Súmome a esa reivindicación. E sumámonos como Xunta, esixindo ao Estado máis financiamento. É necesaria a reforma do sistema de financiamento, pero non como estamos a ver estes días, unilateralmente e perdoando a débeda a unha comunidade autónoma. Hai que mudar o modelo no seu conxunto, tamén o dos concellos. Mentres, o que nós fixemos foi, xa no ano 2011, asegurar por lei aos concellos un financiamento mínimo. Ademais, puxemos unha parte variable que vai en función dos ingresos que tivera a Xunta. É certo que o Fondo de Cooperación Adicional só o adicamos a concellos de menos e 15.000 habitantes, pero porque consideramos que aos pequenos, que non teñen fontes alternativas de ingresos, hai que botarlles unha man extra. Este ano ese fondo creceu un 8% e falamos de máis de 600 millóns aos concellos a través do Fondo de Cooperación Local e das axudas do resto das consellerías.

¿Estudan cambiar ese modelo de financiamento?

É unha cuestión nacional, non só depende de nós. O que estamos a facer, falando coa Fegamp, é tratar de esclarecer ben cales son as competencias de cada administración. É certo que os concellos prestan servizos que non lles corresponden. O mesmo pasa coa Xunta. O que lle propuxemos á Fegamp é aclarar, sen reproches, cales son as competencias de cada administración. E tamén pedimos que se cambie o modelo de financiamento, tanto para os concellos como para as comunidades autónomas.

¿Da súa consellería tamén dependen os servizos de emerxencias. Que orzamento se manexa nesta cuestión para o vindeiro ano?

Todos os anos crecen os fondos para o servizo de emerxencias. Os servizos de extinción, que son os máis coñecidos, non son unha competencia autonómica, senón municipal e das Deputacións. En Galicia non ocorría e a Xunta decidiu, hai anos, colaborar coas deputacións, creando os consorcios provinciais. Nós colaboramos aportando a metade do custo ado funcionamento dos consorcios. A metade do que se inviste en servizo de extinción pono a Xunta. Non é a nosa competencia? É certo. Pero queriamos igualar o servizo de todas as deputacións e todos os concellos. Creáronse os grupos de emerxencia supramunicipais (GES), e tamén aportamos a metade dos custos de funcionamento, ademais de dar material como camións, furgóns e demais material. Penso que podemos mellorar en Lugo e Pontevedra, xa que, por exemplo, nesta última, hai algunha agrupación que non se daba creado.

A colaboración con Portugal é moi importante para o desenvolvemento galego. Da súa consellería depende o fondo Interrexional España-Portugal. Que novidades trae?

O que queremos é ser quen de reproducir o que logramos coa convocatoria que acaba de rematar (2014-2021). Fomos a eurorrexión que máis fondos captou de toda a fronteira entre Portugal e España. Na anterior convocatoria foron máis de 170 proxectos e máis de 80 millóns de euros. E nesta convocatoria que acaba de comezar imos a un ritmo que nos fai soñar con repetir os resultados anteriores. Levamos 46 millóns para máis de 70 proxectos. Temos sacados moitos beneficios durante estes anos e o que queremos dende a Xunta é reproducir o éxito anterior. Con que logremos iso, eu doume por satisfeito.

Contenido patrocinado

stats