Cultura empeza as conversas para o gran pacto polo galego
López Campos anuncia no Parlamento que antes de fin de ano chamará ás forzas da oposición
A Xunta de Galicia porá en marcha, “antes da finalización do 2024”, un plan para impulsar o uso do galego en distintos ámbitos da poboación e en todos os contextos da sociedade. Así o anunciou hoxe no Parlamento de Galicia o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, quen confirmou que contactará coa oposición para negociar o gran pacto polo idioma galego que prometeu en maio, tras tomar posesión.
O conselleiro durante mantivo un debate coa deputada do BNG Mercedes Queixas, no que esixiu á nacionalistas “madurez” e que abandonen “a crispación” ao redor deste asunto. En calquera caso, o conselleiro confirmou que o seu departamento xa contactou con axentes sociais para empezar o diálogo e que nos próximos meses fará o propio cos grupos políticos.
Fíxoo en vésperas do Día europeo das Linguas, unha efeméride que se celebra hoxe cun amplo abano de actividades que poñen de manifesto a importancia da diversidade lingüística no seo da Unión Europea e que reflicten “a meta que compartimos: a de seguir percorrendo xuntos un camiño de paz, progreso e liberdade”, apuntou López Campos antes de referirse á lingua como “unha ponte que nos une con outras culturas e que é unha fonte inesgotable de riqueza”.
A deputada do BNG lembrou o informe do Consello de Europa que esixe retirar as limitacións ao ensino en galego. É máis, este documento advertía que “determinar unha porcentaxe mínima de ensino en castelán” vai en contra da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias.
Tesouro vivo
“A nosa lingua é un tesouro vivo que debemos celebrar, protexer e espallar por todo o mundo desde a concordia e con liberdade”, afirmou ao tempo que aproveitou para lembrar que o obxectivo é facelo a través dun proxecto integrador “no que teñen cabida todos e todas as galegas”.
Así, tal e como explicou, entre as finalidades das novas medidas está o impulso do neofalantismo coa creación dun espazo de lecer que funcione como un repositorio de contidos musicais e audiovisuais en galego ou a continuidade do proxecto neofalantes.gal, en marcha xa coa Universidade de Santiago de Compostela para “mostrarlle á xente nova a utilidade de coñecer o galego e potenciar así o seu uso neste colectivo”.
Neste senso, as propostas centraranse tamén no aproveitamento das novas tecnoloxías e os espazos dixitais nos que se move a mocidade co fin de dinamizar a lingua galega nesta parte da poboación. Así, ademais de continuar traballando no Proxecto Nós para impulsar o galego no ámbito da Intelixencia Artificial, López Campos anunciou que se avanzará na creación de novos produtos tecnolóxicos especialmente pensados para o público infantil e xuvenil, así como na colaboración con creadores de contido.
Contenido patrocinado
También te puede interesar