De composteiros a unha oficina de asesoramento: a Xunta, ao carón dos concellos
Día Mundial da Reciclaxe
O Executivo galego apoia ás entidades locais con máis de 8 millóns en axudas e unha novidosa ferramenta técnica de economía circular para avanzar cara un modelo máis sostible
Sen facer xestión de residuos dificilmente podemos acadar esa Galicia que queremos de cara a un futuro que ten que pasar polo coidado da saúde das persoas; e polos residuos temos que comezar”, apuntaba Ángeles Vázquez recentemente. “O fin é proceder de mellor xeito a separación dos residuos; seguir concienciando a poboación, porque, sen os cidadáns, dificilmente as Administracións podemos facer absolutamente nada; e que isto redunde nos obxectivos que nos marca Europa”.
Na semana do Día Mundial da Reciclaxe, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático despregou unha intensa axenda para seguir concienciando á poboación e trasladar ás entidades locais que a Xunta de Galicia está ao seu carón nun eido fundamental para a preservación do noso Refuxio Climático; e, ao mesmo tempo, nun servizo básico e de enorme relevancia para a veciñanza.
2025 é un ano no que aumenta a exixencia para os concellos, que teñen que ter instalados dos novos contedores: o de residuos téxtiles e aceites usados. Obriga que se suma as que xa estaban en vigor. Máis contedores e máis separación en orixe para seguir mellorando as cifras de reciclaxe en Galicia. Como contrapartida, a Xunta apoia ás entidades locais con máis de 8,1 millóns de euros en axudas para a implantación, ampliación ou mellora da recollida separada tanto nos dous casos referidos como na materia orgánica de orixe doméstica, os biorresiduos.
Ao abeiro da orde de achegas deste ano, se desenvolverán un total de 195 proxectos pertencentes a 105 entidades locais. No caso da provincia de Pontevedra, son 67 os proxectos beneficiarios, por un importe de preto de 3,9 millóns de euros, a maior contía de Galicia; dos cales, 2,4 millóns corresponden a biorresiduos e 1,2 millóns a compostaxe.
Volvendo ao total da Comunidade, o groso das axudas (7,66 M€) corresponde ás subvencións destinadas a recoller, separar e tratar a materia orgánica de orixe doméstica, que supón o 40% da bolsa de lixo tipo en Galicia. Tanto para a compostaxe a nivel comunitario como de particulares, a Xunta sufragará a adquisición de 18 camións adaptados para recoller e trasladar biorresiduos, máis de 2.450 contedores para estes refugallos en espazos públicos e preto de 18.600 composteiros domésticos. En canto ao depósito de aceites domésticos, o Executivo galego vai apoiar ás entidades locais na compra e instalación de case 800 bidóns e contedores municipais para a recollida destes residuos e fará o mesmo no caso dos téxtiles, subvencionando a adquisición de 44 contedores para a recollida de roupa. En paralelo, levaranse a cabo accións de difusión e sensibilización para promover prácticas responsables. A estes súmase outra orde de achegas, cun orzamento de 2,6 millóns de euros, para apoiar iniciativas coas que garantir unha correcta xestión das fraccións especiais. Estas quedan fóra da recollida domiciliaria ordinaria e non se poden depositar en ningún dos contedores existentes. Falamos de proxectos de mellora ou posta en marcha de diferentes tipos de puntos limpos, instalacións fixas ou móbiles nos que levar e depositar refugallos de moi diversa tipoloxía -aparellos eléctricos e electrónicos, pilas e baterías, mobles e artigos domésticos, restos de podas, vidro e madeira, etc-.
Oficina de Economía Circular Municipal
A conselleira encabezou onte o acto de presentación, en Santiago, da Oficina de Economía Circular Municipal, coa que se busca acelerar a transición cara un modelo económico e social máis sostible mediante accións aliñadas coa xerarquía no tratamento dos refugallos, e dando prioridade á prevención, reutilización e reciclaxe dos distintos materiais.
Esta nova ferramenta ten como obxectivo asesorar ás entidades locais e estreitar a colaboración e coordinación con elas co fin de aproveitar as innovacións existentes neste eido e optimizar así a xestión. Con este apoio técnico especializado aos concellos, promoveranse actuacións para lograr a mellora da eficiencia dos sistemas de recollida de residuos; así como a creación de foros e encontros para o intercambio de coñecementos e boas prácticas entre as entidades locais, colaborar na monitorización de datos ou elaborar estudos sobre a materia co fin de optimizar o funcionamento do sistema.
A responsable autonómica destacou que o Executivo galego destina entre este ano e 2028 un total de 1,3 millóns de euros á prestación deste servizo, que contribuirá ademais a determinar o grao de eficiencia e cumprimento da lexislación vixente dos sistemas de xestión de residuos municipais implantados nos concellos; e axudará a identificar experiencias innovadoras desenvolvidas en modelos avanzados de tratamento de refugallos a nivel local.
A oficina servirá tamén de punto de encontro e participación para todos os axentes implicados na xestión de residuos municipais favorecendo o desenvolvemento de proxectos colaborativos. A previsión é contar cun inventario de actores involucrados na xestión de residuos e circularidade no eido local e que se creen grupos de traballo de distintas disciplinas; e culminar coa creación da Rede Galega de Economía Circular.
Outra das funcións será a identificación de casos de boas prácticas e de éxito neste eido e a organización de seminarios, xornadas formativas, obradoiros e foros nos que expertos na materia avalíen posibles melloras a implantar no sector dos residuos municipais. Abordaranse cuestións como a prevención na xeración de refugallos, a compostaxe in situ, a planificación da xestión, a recollida separada, a valorización de residuos ou a loita contra o lixo disperso.
En paralelo, elaboraranse contidos técnicos e de educación ambiental para editar guías, manuais ou códigos de boas prácticas. A estas tarefas engádese o desenvolvemento de accións específicas destinadas a sensibilizar ao conxunto da sociedade galega sobre as prácticas responsables, mediante campañas de formación, difusión e comunicación.
Como colofón a esta semana, Ángeles Vázquez visitou o mércores as instalación en Poio da empresa de distribución alimentaria Froiz, que recicla máis de 6.500 toneladas ao ano; conta cun selo que certifica que case o 100% dos residuos xerados son reutilizados; e emprega bolsas cun 80% de material reciclado na liña de caixas dos seus puntos de venda, entre outras accións.
Contenido patrocinado
También te puede interesar