Caamaño: da xornalista ética á literata que desafiou ao mito

O feminismo vertebrou o pensamento da autora viguesa homenaxeada este 17 maio

Begoña Caamaño, nunha imaxe de arquivo difundida esta semana pola Editorial Galaxia.
Begoña Caamaño, nunha imaxe de arquivo difundida esta semana pola Editorial Galaxia. | Atlántico

Xornalista, narradora, feminista e activista, abandeirada de causas xustas, profesional ética e habitante da lingua galega por elección, a de Begoña Caamaño Rascado é unha figura que fala da Galicia do presente, dos conflitos actuais e da igualdade, e que convida o lector e o oínte a cuestionarse e afondar no mito e no discurso establecido.

Na súa obra, o xornalismo e a literatura entrelazáronse na procura dunha verdade alternativa e no compromiso de abordar temas de relevancia social, algo no que comprometeu tamén a súa vida.

Nada en Vigo en outubro de 1964, viviu os seus primeiros anos na casa familiar do barrio do Calvario, en estreito contacto cos seus avós, nun escenario no que, segundo ela mesma, naceron os seus primeiros achegamentos aos clásicos e o seu primeiro amor pola literatura.

O seu carácter reivindicativo e militante xurdiría pouco despois, co traslado da familia ao barrio de Coia a mediados dos anos setenta. O barrio obreiro e as protestas, como as que reclamaban “pases pro bus” durante a súa etapa escolar, serían o xerme dun dos trazos significativos da autora: a reivindicación de dereitos, o posicionamento ante causas xustas e a mobilización ética.

O xornalismo radiofónico

Aínda que cursou estudos de Maxisterio, Begoña Caamaño decantouse axiña polo xornalismo, concretamente pola radio, medio no que iniciou a súa actividade laboral e que xa non abandonaría.

En 1986 entrou a traballar na emisora viguesa Radio Noroeste, desde onde pasou a Radio Popular en 1988. A partir de 1989 e durante o resto da súa carreira profesional, Caamaño traballou na Radio Galega, primeiro na delegación de Vigo e posteriormente en Santiago.

A información ocupou de forma intensa e transversal toda a súa vida laboral, aínda que a autora explorou tamén outros ámbitos do xénero radiofónico, como o cultural (Diario Cultural, Club Cultura) ou o de divulgación (Andando a Terra).

Ademais, ao falar da súa figura, non se pode pasar por alto o seu compromiso coas causas xustas e co activismo. Desenvolveu un intenso traballo sindical, formou parte de Mulleres Nacionalistas Galegas e implicouse na Marcha Mundial das Mulleres.

Declarada feminista e comprometida coa sororidade, participou na constitución da Asociación Abrandares Galegas na Comunicación e impartiu charlas, coloquios e conferencias sobre feminismo, antimilitarismo, defensa da sanidade e do ensino público e protección da lingua galega.

O feminismo, como utopía que fai avanzar a sociedade, vertebrou de forma recorrente o seu pensamento e a súa actividade, e levouna a reler e reescribir os mitos clásicos desde unha óptica feminista. Tamén o compromiso coa lingua galega, coa galeguidade e cos recursos naturais estivo presente na súa traxectoria, con implicación en movementos como o derivado do afundimento do Prestige.

Begoña Caamaño foi unha autora de inicio tardío. Publicou a súa primeira novela, "Circe ou o pracer do azul", aos 45 anos, en 2009, inspirada nos clásicos e cuestionando o papel outorgado á muller nos mitos. As persoas próximas á autora destacan o cuestionamento do establecido como forma de vida.

En 2012 publicou o seu segundo traballo, "Morgana en Esmelle", premio Ánxel Casal, premio da Crítica da Asociación Española de Críticos Literarios e premio Losada Diéguez.

Contenido patrocinado

stats