Besteiro apela ao galeguismo útil para pedir o voto ao PSdeG nas eleccións galegas

Os socialistas aprobaron as listas para as eleccións galegas do 18F e o candidato prometeu un “xiro de temón” na Xunta

Agencias
Publicado: 10 ene 2024 - 03:00
Gómez Besteiro recibe o aplauso dos participantes no acto de onte.
Gómez Besteiro recibe o aplauso dos participantes no acto de onte.

O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, apelou onte ao galeguismo útil para concentrar o voto na “candidatura gañadora” que presenta o PSdeG. Besteiro interveu no Comité Nacional Galego que aprobou as listas electorais para as próximas eleccións galegas.

Defendeu Besteiro a candidatura composta por “mulleres e homes á altura de representar aos cidadáns desta terra como se merecen”, e que conforman “un equipo que se volcará en construír o mellor futuro para Galicia”, segundo informaron os socialistas nun comunicado de prensa.

“Só cun Partido Socialista forte haberá cambio de goberno en Galicia”, dixo o candidato, e emprazou á mobilización para que o PSdeG lidere o “cambio de era” que a sociedade galega “está a pedir maioritariamente”. A continuación, advertiu que a dereita “teme un PSdeG forte, ben conectado co Goberno do Estado e que sexa quen de levar a cabo melloras importantes, que se sintan na vida dos galegos e das galegas, ese é o proxecto que lles traemos os socialistas”.

Gómez Besteiro pensa que “a dereita esgotou o seu tempo e o cambio correspóndenos lideralo aos socialistas”, e pediu a mobilización das últimas dúas convocatorias de eleccións xerais e municipais. Besteiro animou á estrutura do partido a vencer “a manipulación que fabrica a dereita”. Reclamou que a percepción de esgotamento do PP e “o desexo de cambio” venzan “ás inercias e gañen ao conformismo e á resignación” nas urnas o próximo 18 de febreiro. E defendeu un “xiro de temón” na xestión da Xunta para impoñer “un goberno dinámico, que apoie ás empresas, aos autónomos e á clase traballadora”.

O responsable socialista presentou un proxecto dirixido a “expulsar da Xunta o desánimo, a resignación e o vitimismo” e abrir “expectativas dunha vida mellor” para os galegos e galegas. Reivindicou o liderado do goberno progresista para garantir “as políticas de crecemento, de benestar, de igualdade e de seguridade” que representan os socialistas galegos.

Besteiro interveu diante do Comité Nacional Galego, o máximo órgano do PSdeG entre congresos, integrado polas delegadas e delegados que aprobaron as listas electorais que serán ratificadas hoxe pola Comisión Federal de Listas do PSOE.

Mulleres

O PSdeG situará a tres mulleres á fronte das candidaturas de Pontevedra (a exministra Elena Espinosa), A Coruña (Patricia Iglesias, letrada do Consello de Contos) e Ourense (a deputada Carmen Rodrígez Dacosta). Lugo é a circunscrición que elixíu Besteiro para presentarse, e contará con Lara Méndez, que deixa a alcaldía da capital lucense, como número dous.

Contenido patrocinado

stats