Autora defensora da lingua
A Real Academia Galega celebra hoxe o seu pleno extraordinario en Santiago de Compostela
A Real Academia Galega celebra hoxe o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas que lle dedica a Begoña Caamaño (1964-2014) no Teatro Principal de Santiago. O acto central do 17 de maio contará coas alocucións académicas sobre a figura e a obra da escritora e xornalista a cargo de Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Víctor F. Freixanes. O presidente da institución, Henrique Monteagudo, pechará a sesión, á que lle porá a música Sofía Espiñeira.
A Real Academia Galega elixiu como homenaxeada para aquela primeira edición a Rosalía de Castro, a autora fundacional das letras galegas contemporáneas, cadrando co centenario da publicación de Follas novas. Un ano despois nacía en Vigo Begoña Caamaño, a protagonista deste 17 de maio.
Debut tardío como escritora
Como escritora, o seu debut foi tardío, aos corenta e cinco anos de idade, e a súa carreira viuse truncada polo seu prematuro falecemento por mor dun cancro cando acababa de facer os cincuenta. Pero as dúas novelas que publicou, Cirve ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012), merecen un lugar destacado nas letras galegas contemporáneas, tanto polo seu talle literario e lingüístico e a súa amenidade coma pola capacidade de reflexión sobre os grandes temas universais, dende o amor, a liberdade e a morte ata cuestións éticas, políticas e sociais.
Ambas teñen en común a reescritura de mitos dende unha perspectiva feminista, a primeira partindo da Odisea e a segunda das lendas do ciclo artúrico. Sobre os temas que quixo abordar nelas e as súas fontes de inspiración reflexiona a propia autora en ‘Begoña Caamaño presenta Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle’, a edición conmemorativa da RAG coa que será agasallado o público neste pleno.
Xornalista comprometida
Pero as Letras Galegas non só celebran a Begoña Caamaño escritora. Tamén reivindican a súa coidada palabra como xornalista comprometida co rigor, a honestidade e a lingua galega, desde os seus inicios profesionais en Vigo, onde traballou en Radio Noroeste e Radio Popular de Vigo antes de pasar á delegación da Radio Galega. Caamaño incorporouse en 1992 á redacción central da emisora pública, un cambio que marcou o comezo da súa etapa como veciña de Santiago de Compostela.
Neste novo tempo profesional destacan, alén da súa participación no Diario Cultural, as súas achegas como como directora, redactora e locutora dos programas Andando a Terra, Club Cultura e Expreso de Medianoite.
Tras o pleno do 17 de maio, a programación presencial sobre Begoña Caamaño continuará en outono en Vigo, que acollerá o simposio da RAG dedicado á autora. O documental Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul ofrece un retrato da autora tecido por amizades e especialistas na súa obra, en diálogo coas súas propias novelas, dramatizadas en cápsulas.
Así mesmo, a serie de reels É o tempo de Begoña Caamaño e o primeiro videopódcast da RAG, Colchas de voces, no que se abordan asuntos que preocuparon e ocuparon a Begoña Caamaño escritora e xornalista, a activista e a amiga, son outras das propostas orientadas a conectar sobre todo coa mocidade e os formatos máis anovadores.
As convidadas do primeiro episodio son as integrantes do dúo musical Fillas de Cassandra, que comparten con Begoña Caamaño a súa revisión feminista e creativa da mitoloxía clásica.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último