As escolas infantís gratuítas afórranlle 3.000 euros a máis de 32.000 familias

Apoio ás familias

Galicia converteuse nun territorio de referencia co liderado absoluto nas cifras de escolarización de 0 a 3 anos

Galicia é a comunidade que oferta o programa de gratuidade máis extenso.
Galicia é a comunidade que oferta o programa de gratuidade máis extenso.

A etapa educativa de 0 a 3 anos ocupa un lugar destacado dentro da acción política da Xunta durante os últimos anos. Deste xeito, Galicia converteuse en 2020 na primeira comunidade autónoma en aplicar a gratuidade de todas as escolas infantís para todas as familias con dous ou máis fillos.

Foi no curso 2022-2023 cando esta medida se ampliou ao 100% do alumnado e hoxe, cinco anos despois dos primeiros pasos desta iniciativa, e grazas ó compromiso do goberno galego a través da Consellería de Política Social, son máis de 32.000 as familias que poden acudir a unha escola infantil sen pagar nada pola atención educativa dos seus pequenos, independentemente do lugar no que vivan ou a titularidade da escola que elixan para a educación dos seus fillos (pública, de iniciativa social ou privada).

Iniciativa de referencia

Coa gratuidade destes centros, Galicia converteuse nun territorio de referencia no conxunto español a través dunha estratexia de atención ás familias exemplar para outras rexións. Non só a comunidade foi pioneira na posta en marcha desta medida, senón que hoxe goza dunha posición de liderado absoluto nas cifras de escolarización do colectivo de 0 a 3 anos.

En termos cuantitativos, isto tradúcese en case o 65% dos nenos e nenas desta idade matriculados nalgunha escola infantil do territorio galego, o que supón 15 puntos máis que a media estatal, equiparada a niveis de países europeos de referencia nas políticas sociais.

Para este obxectivo, a Xunta financia ó 100% a iniciativa -que continúa sen recibir apoio económico do Goberno central-, destinando 65 millóns de euros de fondos propios que fan posible a gratuidade, coa que as familias galegas acadan un aforro de máis de 3.000 euros por fillo.

Así, por cuarto curso consecutivo, o obxectivo do Executivo autonómico a través de Política Social é que neste novo curso, que comezou de xeito oficial o pasado venres nos centros públicos dependentes da Xunta, Galicia siga sendo líder de escolarización infantil. De feito, dende a implantación do programa de gratuidade, a porcentaxe de matriculacións neste primeiro ciclo de Educación Infantil aumentou en case 20 puntos.

Pero a medida non é pioneira só en termos de escolarización, senón que a comunidade autónoma mantense dentro do conxunto español como a que oferta o programa de gratuidade máis extenso, con oito horas diarias de atención educativa gratuíta durante once meses ó ano. Todo coa finalidade de que Galicia blinde a súa posición e siga sendo a comunidade autónoma cos mellores datos de escolarización neste primeiro ciclo de Educación Infantil.

Segundo estas cifras, o liderazgo de Galicia en materia de escolarización infantil permitiu aumentar significativamente a porcentaxe de matriculacións neste primeiro ciclo de Educación Infantil. Deste xeito, a comunidade autónoma convértese no territorio co programa de gratuidade máis completo e de referencia para o resto de comunidades.

Máis medidas de apoio ás familias

Ademais da gratuidade das escolas infantís para nenos de 0 a 3 anos, a Xunta ten activas outras medidas destinadas a garantir o apoio ás familias e promover a conciliación. Entre elas, salientan a creación de máis de 100 casas niño para familias que viven no rural, axudas á crianza dos fillos a través da Tarxeta Benvida e o Bono Concilia Familia para que os pais poidan contratar un servizo de conciliación da vida familiar sempre que o precisen.

En canto a este bono, dende a Consellería de Política Social publicaron recentemente a nova convocatoria a través do Diario Oficial de Galicia (DOG) cun prazo de solicitude que estará aberto ata o 7 de outubro. A axuda está dirixida a familias con fillos de entre 4 e 13 anos que residen en Galicia e precisan recursos para cubrir necesidades específicas de conciliación da vida laboral e persoal derivadas do traballo, obrigas persoais ou responsabilidades familiares.

Contenido patrocinado

stats