As axudas para concellos cubren todo o proceso de posta en marcha
O Inega ven de activar liñas de axudas para contratar a asistencia necesaria para estes proxectos
As liñas de axudas actualmente activas teñen por obxectivo financiar e acompañar aos concellos en todo o proceso de constitución e posta en marcha das comunidades enerxéticas, dende os estudios previos para determinar se é viable activar este mecanismo ata os estudos de que tipo de equipos deben instalarse para cubrir as necesidades da poboación detectadas.
Dentro dos programas postos en marcha polo INEGA, consíderanse proxectos subvencionables as seguintes tipoloxías: a liña de planificación enerxética de concellos e a planificación enerxética de comunidades enerxéticas.
Liñas
No primeiro caso, a liña de planificación enerxética de concellos, a Xunta cubre a contratación dos servizos xurídicos ou técnicos precisos para a mellora da planificación enerxética e contratación das subministracións enerxéticas das entidades locais. Como resultado debe obterse un Estudo Estratéxico para a subministración enerxética da entidade local no que se contemple a promoción do aforro enerxético e a publicación no perfil do órgano de contratación, cando legalmente proceda, dun proceso de contratación centralizada de subministración enerxética, que aglutine cando menos aos concellos agrupados na solicitude ou representados pola entidade local.
No segundo caso, a planificación enerxética de comunidades enerxéticas, cúbrese a contratación dos servizos de asistencia técnica ou xurídica precisos para a definición das infraestruturas enerxéticas necesarias e a definición, elaboración ou ampliación dos estatutos que rexen ou rexerán a operativa e xestión da Comunidade Enerxética a partires da súa constitución.
Co obxecto de contribuír a sostibilidade da comunidade enerxética está deberá dispor dun estudo de viabilidade económica na que se avalíen cando menos os investimentos a realizar, a financiación destes, os costes operativos e os ingresos previstos nun horizonte temporal mínimo de 10 anos. Serán subvencionables os custos do estudo de viabilidade económica e tamén os custos de actuacións de difusión para a captación de socios. Como resultado debe obterse os estatutos e acta de constitución da CE, un anteproxecto das infraestruturas enerxéticas previstas, un estudo de viabilidade económica da Comunidade Enerxética, e, cando proceda, unha memoria descritiva das actuacións de difusión. Para estas dúas diferentes liñas de axuda, poden beneficiarse diferentes entidades. Así, para a planificación enerxética de concellos, poden iniciar os trámites as entidades que integran a Administración local ou as agrupacións das entidades anteriores en base a un acordo marco no que se especifique en que porcentaxe participa cada unha e se estableza unha persoa única a efectos de notificación. No caso da planificación enerxética de comunidades enerxéticas, poden solicitala comunidades enerxéticas xa constituídas e con residencia ou establecemento en Galicia e sen prexuízo de que podan presentar solicitudes de axuda previas a constitución da comunidade enerxética segundo o procedemento descrito nas bases.
Contenido patrocinado
También te puede interesar