Apoio ós concellos para actuacións estruturais necesarias no ciclo da auga
COLABORACIÓN ESTRATÉXICA
A Xunta colabora na modernización das redes de abastecemento ou a ampliación da capacidade das estacións
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, mantén e reforza este ano o seu compromiso co desenvolvemento das grandes actuacións estruturais, de difícil execución por parte das propias entidades locais pero necesarias para garantir a sustentabilidade do ciclo da auga a medio e longo prazo. Isto inclúe desde a modernización das redes de abastecemento, a ampliación da capacidade das estacións de tratamento de auga potable (ETAP), o desenvolvemento das redes de saneamento municipal, a mellora da depuración e a protección das rías e dos ecosistemas acuáticos, ata o impulso dun rural máis resiliente en materia hídrica.
Entre as máis salientables cómpre destacar, tanto pola poboación beneficiaria como pola envergadura das propias obras, a nova EDAR de Vilagarcía de Arousa, a piques de licitarse e cun orzamento total segundo consta no convenio a asinar entre concello e Xunta de 31,4 millóns de euros; as obras xa en curso nas depuradoras de Foz (9 millóns de euros) e Cambados (4 millóns de euros) e na ETAP de Padrón (10,5 millóns de euros); ou os traballos de mellora dos depósitos de almacenamento e da rede de Ares (contratados por 3,2 millóns de euros).
Así mesmo, tamén a piques de licitarse, 2025 será o ano do inicio da reparación da rede xeral de abastecemento de Ribadeo e Trabada, cun investimento de 8,5 millóns de euros distribuído en varias anualidades.
Ademais, ás melloras das redes de abastecementos destinarase este ano unha partida de 7,6 millóns de euros e as actuacións para incrementar a capacidade de tratamento e de resposta ante eventuais picos de consumo de auga disporán de 11,6 millóns de euros. De igual xeito, para completar e mellorar o desenvolvemento dalgúns sistemas de saneamento, Augas de Galicia reserva preto de 20 millóns de euros a intervencións nas redes de Padrón e Poio así como nos colectores de Cambados ou Lalín, entre outros.
Por último, o organismo hidráulico ten reservada unha partida global de 15,9 millóns de euros -que mantén o esforzo inversor de 2024- para impulsar proxectos de depuración que contribúan a optimizar o estado das rías e dos ríos reducindo así o impacto dos vertidos sobre a calidade das masas de auga; e tamén destinará este ano 8,8 millóns de euros ao programa por un rural sostible -un 160% máis que en 2024-, no que se enmarcan unha serie de investimentos co obxectivo de mellorar os servizos hidráulicos en zonas rurais e dispersas. Neste apartado destaca especialmente o paquete de actuacións incluídas no convenio asinado entre a Xunta e o Concello de Ferrol, cun orzamento global de 4,3 millóns de euros.
Marcada pola dispersión
A necesidade deste apoio por parte de Augas de Galicia -xa sexa vía subvencións directas ás entidades locais ou coa execución e financiamento de obras de gran envergadura- resulta aínda máis importante nunha comunidade como a galega, caracterizada por unha gran dispersión e que supera os 30.000 núcleos de poboación, máis da metade dos que hai en toda España.
Esta realidade territorial complexa e dispersa -derivada entre outras razóns da propia riqueza de Galicia en canto á cantidade e calidade das súas augas- é a que conformou uns sistemas de abastecemento e de depuración tamén difíciles de xestionar. Como mostra, cómpre subliñar que na comunidade hai máis de 5.000 captacións inventariadas, 929 potabilizadoras, 156 estacións depuradoras de gran capacidade e unha rede de saneamento integrada por máis de 25.000 quilómetros de colectores.
Neste sentido, o ano 2025 marcará un punto de inflexión na política hidráulica galega, con máis de 70 millóns de euros mobilizados en apoio directo aos concellos, tanto a través de pequenas actuacións que multiplican a eficiencia local como mediante grandes proxectos que transforman a infraestrutura hídrica galega de maneira integral.
Supervisando a xestión integral do ciclo da auga
Augas de Galicia é unha entidade pública empresarial da Xunta de Galicia, xestionada dende a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, creada para xestionar os recursos hídricos do Distrito Hidrográfico Galicia-Costa.
Entre as súas principais funcións inclúese a xestión integral do ciclo da auga dentro do seu ámbito de responsabilidade, entre as que se inclúen a planificación hidrolóxica, a xestión do dominio público hidráulico, o abastecemento e saneamento, o control e vixilancia, garantir a calidade da auga, impulsar a protección ambiental, así como a coordinación e cooperación entre as administracións públicas en materia de augas.
En xeral, Augas de Galicia ten como misión principal garantir a xestión sostible e racional da auga na comunidade galega, salvagardando a súa cantidade e calidade, e garantindo os servizos esenciais de abastecemento e saneamento.
Contenido patrocinado
También te puede interesar