Antonio Rodríguez Miranda: “A preocupación está na Guaira, onde hai galegos sen localizar”
"En Caracas, os barrios de maior presenza galega, como pode ser a Candelaria, non foron dos máis afectados", di Antonio Rodríguez Miranda, o secretario xeral de Emigración
“A contorna de Caracas e a zona de La Guaira, por onde está o aeroporto de Maiquetía, son as máis afectadas, moito máis La Guaira que Caracas. Noutras zonas do país, aínda que parte do terremoto tivo o epicentro pola zona de Valencia, digamos que os efectos son moito menores, tanto na parte oriental como na occidental; a nosa xente remítenos que os efectos xa foron bastante inferiores”, di Antonio Rodríguez Miranda, o secretario xeral de Emigración, desde o seu despacho en Compostela, día e medio despois dos terremotos en Venezuela.
Que noticias ten da colonia galega?
En Caracas, os barrios de maior presenza galega, como pode ser a Candelaria, non foron dos máis afectados. Efectivamente temos referencias de numerosas familias, de persoas que as súas casas efectivamente teñen gretas; e no caso das persoas que teñen comercios, pois tamén teñen danos. Malia os danos, salvaron a vida, porque realmente foi un momento moi terrible e dramático. Hai algunhas partes de Caracas onde caeron edificios. Nós, de momento, este mediodía (por onte) non temos coñecemento, é verdade que hai que ser moi cautelosos nisto, non temos constancia de persoas de orixe galega que perderan a vida. A Embaixada, de momento, tampouco; o Consulado, tampouco.
Que saben de La Guaira?
Alí foi peor: colapso de edificios enteiros, esqueletos auténticos, as columnas que quedan, as laxes, as paredes todas caídas... Iso é o que vemos. A zona está, agora mesmo, case incomunicada. E a xente non pode ir porque está restrinxido o paso. Só se accede cunha autorización e un motivo para ir. É onde temos numerosas persoas de orixe galega coas que a familia non deu contactado.
Como se está actuar diante da emerxencia en zonas coma esa?
Iremos sabendo ao longo dos días o que hai. As intervencións nesa parte son particularmente, digamos, menos áxiles. Non teñen moitos medios para actuar, para buscar a xente, para ver se hai persoas debaixo dos escombros que poidan estar con vida. Iso tamén xera unha angustia importante, loxicamente, nas familias. Non queda outra que seguir esperando. A axuda internacional parece que está empezando a chegar e que iso, dalgunha maneira, axilizará todas esas intervencións que hai que levar a cabo, porque, en xeral, o país non ten capacidade para afrontalas só.
Desde a Secretaría Xeral, como se están preparando para axudar?
A capacidade de actuación da Xunta é limitada, canalizándose a través da Embaixada e o Consulado de España. Contactouse de inmediato cos centros galegos en Venezuela, onde sabemos que está asociado o 90% da comunidade e son espazos que se conventeron en centros de acollida e doazón. Trasladáronse ao Consulado os datos de persoas desaparecidas e instase á cidadanía a contactar cos teléfonos de emerxencia consular. Existe unha liña de axudas económicas de emerxencia ampliable segundo as necesidades. A principal preocupación céntranse en La Guaira, zona máis devastada, onde hai galegos sen localizar.
Que noticias lles chegan dos centros galegos?
A Federación de Centros Españois en Venezuela, presidida por un galego, reuniu o xoves a todos os centros para reconvertilos en puntos de acollida e acopio de doazóns, en coordinación co Consulado. Acollerán familias que non queren volver ás súas casas por medo ás réplicas. En Galicia, a Federación de Venezolanos e asociacións de retornados están tamén dispostas a recoller materiais e xestionar o seu traslado a Venezuela.
Vostede, persoalmente, está preocupado por algún familiar ou coñecido?
Familia directa neste momento non teño alá, pero si evidentemente moitos amigos… son moitos anos viaxando ese país, doce anos xa. Teño moitos veciños da Bola e de Celanova, que teñen familias alí, moitísimos coñecidos tamén. Con eles estivemos falando precisamente estes días. Temos que tratar de estar ao seu lado, sempre se poden facer cousas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar