“Aínda 30 anos despois, Xela Arias segue a ser do futuro”

vigo

Emma Pedreira entabla un diálogo coa escritora das Letras Galegas 2021 nunha biografía inusual “Palabra á intemperie”

a. baena. vigo

Publicado: 06 mar 2021 - 00:15 Actualizado: 14 may 2021 - 15:35

Nesta páxina amosa a postura de Xela ante a lingua e a poesía, interpretado por Emma Pedreira, na foto da esquerda  e debuxado por Laura Romero, á dereita.
Nesta páxina amosa a postura de Xela ante a lingua e a poesía, interpretado por Emma Pedreira, na foto da esquerda e debuxado por Laura Romero, á dereita.

nnn Emma Pedreira, cos textos, e Laura Romero, coas ilustracións, presentan “Xela Arias. Palabra á intemperie”, unha inusual biografía onde dan voz á homenaxeada, publicada coa editorial Baía Edicións. “Sabiamos que ían saír moitas escolmas, redicións e biografías sobre este figura e queríamos ofrecer algo diferente”.

Publicado en dúas cores, a grafía gris corresponde aos escritos de Pedreira e a violeta, ás palabras de Xela Arias, seleccionadas entre os seus poemas, pero tamén nas súas entrevistas, declaracións e manifestacións. “É unha conversa a tres bandas, moi directa, onde falamos as dúas poetas, mentres Laura nos retrata”, apunta Pedreira, quen desvela a seu vencello persoal coa homenaxeada. “A Xela vina en persoa unha vez de lonxe, non intercambiamos palabras, só a coñecín a través da súa poesía, de xeito moi íntimo; o primeiro que lín foi ‘Darío a diario’, o poemario pioneiro en abordar de xeito explicito a maternidade alternativa, que observa e deixa facer, que non quere posuír; foi a miña chegada a Xela e para min o libro definitivo, sería o que levaría comigo a unha illa deserta”.

Falecida en 2003, este xoves Xela Arias tería cumprido 59 anos: “Aínda 30 anos despois segue a ser do futuro, non pasou o tempo por ela, é única, tan libre e reivindicativa que é válida para calquera momento”.

Para Emma Pedreira, “Xela é a marxe, dende alí pode ver como o cauce segue e non forma parte porque non quere”.

Completan a biografía facendo un revisión dos catro libros que publicou: “Rematamos facendo un collage coas catro capas, reinterpretando unha e outra vez os seus versos, achegándoos ao lector”, apunta.n

Contenido patrocinado

stats