O acordo do galego recrudece o choque entre o PP e o BNG

Rueda pide afastar a lingua da “loita política”, e Pontón di que o PSOE recibirá prebendas

Ana Pontón, nun debate parlamentario.
Ana Pontón, nun debate parlamentario. | EP

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que o acordo asinado o xoves sobre o idioma galego entre o PP e o PSdeG no Parlamento de Galicia “frea o monolingüismo que quere impor o BNG” e “garante a liberdade lingüística e o equilibrio”. Rueda deu a “benvida” aos socialistas galegos á “lóxica” e a “darse de conta” que “este tipo de acordos son necesarios”. Nunha entrevista, asegurou que a inmensa maioría dos galegos están orgullosos de ter dous idiomas e de promocionar o propio. “Iso si, respectando a liberdade lingüística”, manifestou.

Rueda, que avogou por sacar o galego da “loita política”, asegurou que o BNG “se empeña en que isto non fose así” e que con este acordo “afortunadamente” paráronlle “ os pés”.

Desde o BNG -que quedou fóra do acordo- a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cargou contra o pacto “lingüicida” e cuestionou “que hai detrás”, apuntando a que hai “moitos cargos” institucionais “que se van a renovar”, como a vicevaledoría do Pobo e o consello de administración da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG).

“O PP e o PSOE acaban de escribir unha páxina negra para a nosa lingua cun pacto vergoñento que supón a continuidade das políticas que nos levaron até aquí. O PP e o PSOE de ganchete en contra do galego. Cando se trata de ir en contra de Galicia, o bipartidismo, que se pelexa tanto en Madrid, aquí son capaces de collerse da man e facerse a foto”, reprochou Pontón en rolda de prensa onte no Parlamento.

O día anterior, o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, xustificara o pacto parlamentario cos populares para renovar o Plan de Normalización Lingüística co argumento de que, aínda que “non” sería o plan dos socialistas e “aspira a máis”, ve preciso actuar para “non perder o tempo”, dado que hai “unha situación de emerxencia” co uso da lingua propia na comunidade. “Hai unha situación que realmente é dramática, de verdadeira emerxencia lingüística”, remarcou Besteiro.

Pontón remarcou onte que se trata dun “pacto de conveniencia” e “un cambio de cromos” entre populares e socialistas” que, na súa opinión, pasa porque o PSOE “accede a blanquear a política lingüicida do Partido Popular para recibir o seu apoio para acceder a cargos institucionais que non lle corresponden”.

Contenido patrocinado

stats