O 63% das familias, satisfeitas co uso do galego na educación

Un 26,9% dos pais querería máis galego na escola e un 6,6% menos, segundo a enquisa da Xunta

Manuel González, López Campos y Valentín García.
Manuel González, López Campos y Valentín García.

O 62,8% das familias están “satisfeitas” ou “moi satisfeitas” co uso actual do galego no sistema educativo da comunidade, segundo recolle unha enquisa encargada pola Xunta. A “Enquisa Percepción Social do Galego”, realizada por Sondaxe, presentouse onte na Cidade da Cultura da man do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; o secretario xeral de Lingua, Valentín García; e polo coordinador do Plan xeral de normalización da lingua galega, Manuel González. 

O grao de satisfacción no eido educativo é “lixeiramente superior” entre as familias que usan o galego de forma cotiá, aínda que con valores similares. Concretamente, un 6,51 fronte a un 6,40 que utiliza as dúas e un 6,07 de castelán.

En canto ás preferencias do uso do idioma no ámbito escolar, máis da metade das familias enquisadas (un 55,2%) deixaríao como está, fronte a un 26,9% que querería máis galego e un 6,6% que querería menos. Segundo Manuel González, é moi importante poñer o foco no sector das familias con fillos en idade escolar, xa que é “onde se está amasando o futuro do galego”.

Outro dos aspectos que aborda a enquisa é a opinión das familias sobre o seu idioma habitual. O 53,6% das familias galegas que se comunican habitualmente tanto en galego como en castelán consideran que non hai ningún idioma discriminado en Galicia.

Este é un dos primeiros documentos que se irán entregando ás comisións do Plan “como ferramenta de traballo co obxectivo de ampliar o actual coñecemento sobre o uso e presenza do galego na sociedade”. Trátase dun estudo composto por 1.200 enquisas a familias residentes en Galicia con fillos en idade escolar nas etapas de primaria e secundaria. 

Sen discriminación

Así, en relación a unha posible discriminación idiomática, o 52,4% das familias enquisadas que falan habitualmente en galego consideran que non hai ningún idioma discriminado en Galicia e o mesmo opinan o 69% das familias que se comunican normalmente en castelán. Destacaron que a enquisa reflicte unha “diversidade lingüística” no ámbito familiar e social. Así, o 94,5% dos pais afirman que os seus fillos saben falar galego e o 67,5% das familias sinala que os seus fillos empregan o galego de forma habitual. Ademais, o 31,1% dos mozos interactúa só en castelán. Os responsables do departamento autonómico incidiron tamén na “ampla aceptación” por parte dos galegos do coñecido como “bilingüismo cordial”. O 77% das familias contestan en galego cando alguén se dirixe a elas nesa lingua e o 83,7% da poboación responde en castelán cando se dirixen a elas así.

O informe recolle unha serie de propostas para fomentar o uso do galego na sociedade, tales como fomentar a inclusión do galego en videoxogos e aplicacións educativas; organizar concursos para que os nenos cren contido en galego; promover a creación de series ou programas en plataformas como Youtube ou Twitch; e facilitar a aprendizaxe do galego nas persoas nadas fóra de Galicia.

Campos lembra a relevancia de chegar a un acordo pola lingua

O conselleiro José López Campos reivindicou a relevancia desta enquisa para coñecer a percepción dos galegos. “Creo que podemos estar satisfeitos porque se demostra unha sensibilidade elevada en relación coa lingua. E, ademais, isto creo que nos dá un escenario favorable de cara ás medidas que queremos adoptar no futuro”, comentou. Lembrou ademais que, de forma simultánea ao pacto coas forzas políticas, a Consellería traballa en determinados ámbitos nos que recoñeceron a necesidade de reforzar o galego, tales como a sanidade ou a xustiza, ademais dos medios de comunicación, cualificando de “clave” o papel da TVG no proceso de galeguización.

Campos volveu a instar ás forzas políticas parlamentarias a traballar unidas polo novo Pacto da Lingua. “Creo que o debate político é máis necesario que nunca, e creo que existen distintas formas de manifestarnos pero creo que non podemos afastarnos da responsabilidade de chegar a un acordo”, defendeu. López Campos asegurou que o calendario fixado cando arrincaron coas reunións do pacto mantense, polo que esperan ter un documento pechado para finais deste ano.

Manuel González advertiu sobre o “gravísimo” problema que supón perder a transmisión familiar do idioma. “É na familia onde se asenta o futuro da lingua”, indicou, sinalando que só en torno ao 7% dos que aprenden galego fóra do fogar fálano despois, unha cifra que ascende ao 90% cando se aprende en casa.

Contenido patrocinado

stats