20.000 maiores da provincia poderán viaxar gratis en autobús e transporte de ría

As persoas de máis de 65 anos sen tarxeta TMG poden solicitala para realizar viaxes de balde a partir de 1 de xaneiro

Publicado: 12 nov 2023 - 03:00

A demanda de servizos de transporte público de titularidade autonómica rexistrou un incremento dun 19% na área de Vigo.
A demanda de servizos de transporte público de titularidade autonómica rexistrou un incremento dun 19% na área de Vigo.

Desde o vindeiro 1 de xaneiro os máis de 20.000 maiores de 65 anos da provincia de Pontevedra que dispoñen a día de hoxe da Tarxeta de Mobilidade de Galicia poderán viaxar gratis no autobús da Xunta.

Esta iniciativa pioneira do Goberno galego enmárcase no traballo continuo que vén realizando para ofrecerlles aos cidadáns un servizo de transporte público de calidade, cunha ampla oferta de servizos, infraestruturas renovadas e importantes incentivos económicos aos usuarios.

Os maiores de 65 anos sumaranse así aos 56.555 mozos da provincia que a día de hoxe xa viaxan de balde empregando a tarxeta Xente Nova.

Á nova medida da Xunta poderán acollerse todos os maiores de 65 anos, máis de 222.000 na provincia de Pontevedra, simplemente solicitando a Tarxeta de mobilidade e Galicia nunha sucursal de Abanca.

Con ela poderán realizar ata 60 viaxes ao mes de balde nalgunha das máis de 3.500 liñas de transporte público interurbano da Xunta, no barco na ría de Vigo ou no ferrocarril de vía estreita (Feve) na área de Ferrol.

A gratuidade do transporte público para os maiores de 65 anos porase en marcha, inicialmente, a través da Tarxeta de Mobilidade de Galicia e logo será incorporada ao Carné +65 que promove a Consellería de Política Social con outras vantaxes complementarias.

Os Orzamentos da Xunta de 2024 reservan unha partida de 5 millóns de euros para garantir a gratuidade aos maiores de 65 anos no transporte público autonómico de toda Galicia.

Aumento de usuarios

O esforzo continuo que vén realizando o Goberno galego polo transporte público da súa competencia vese reflectido no grande esforzo orzamentario, con 100 millóns que dedica cada ano a esta materia, pero tamén no incremento de usuarios que elixen o transporte público autonómico para realizar os seus desprazamentos.

A demanda de servizos de transporte público de titularidade autonómica na provincia de Pontevedra rexistrou un incremento dun 16% nos primeiros nove meses do ano, en comparación co mesmo período en 2022.

No caso da área de Vigo, o incremento acadou un 19% nos primeiros nove meses do ano. Cabe indicar que estes datos se corresponden con servizos ao paso polos concellos de Vigo, Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Moaña, Mos, Nigrán, O Porriño, Pazos de Borbén, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e Soutomaior .

Este incremento de usuarios do autobús de competencia autonómica vai na liña dos datos de demanda no conxunto da comunidade, xa que o transporte público da Xunta sumou máis de 25,5 millóns de viaxes nos nove primeiros meses do ano, un 17,5% máis que no mesmo período de 2022.

100 millóns de euros ao ano para o transporte público autonómico

O Goberno galego vén apostando con determinación polo transporte público, ao que destina case 100 millóns de euros cada ano, é dicir, 300.000 euros cada día.

Grazas á mobilización deste orzamento, a Xunta mantén activos incentivos como os descontos que ofrece o uso da tarxeta TMG ou as bonificacións que chegan ao 50% nas tarifas, ademais da gratuidade para os menores de 21 anos á que, desde o 1 de xaneiro se sumará tamén o transporte autonómico de balde para os maiores de 65 anos.

Tarxeta xente nova

A Xunta tamén ten activa desde 2016 a tarxeta Xente Nova, coa que actualmente case 160.000 menores de 21 anos viaxan gratis en transporte público por Galicia, cunha media mensual de aforro neste ano 2023 de 750.000 de euros.

Más de 56.000 mozos

No caso da provincia de Pontevedra, son un total de 56.555 os mozos que a día de hoxe dispoñen da tarxeta Xente Nova; algo máis de 24.500 os mozos dos concellos da área de Vigo que dispoñen deste dispositivo e que lles permite aforros anuais de ata 1.000 euros.

Contenido patrocinado

stats