Visita Vigo un dos maiores expertos das profundidades oceánicas
UNIVERSIDAD
Javier Hernández Molina é catedrático do Departamento de Ciencias da Terra na Royal Holloway da Universidade de Londres e está considerado un dos maiores expertos mundiais no estudo das denominadas contornitas, uns sistemas deposicionais profundos que son obxecto de estudo por científicos de todo o mundo, dada a súa importancia, tanto para o estudo do rexistro paleoclimático como polas súas fortes implicacións económicas. Andaluz de nacemento, este experto leva anos colaborando co grupo de investigación de Oceanografía do Centro de Investigación Mariña CIM-UVigo e, froito desta colaboración, visitou a Facultade de Ciencias do Mar para impartir unha conferencia.
Segundo explicou o experto, quen exerceu como docente da Universidade de Vigo durante máis de dez anos, a relevancia do estudo das contornitas a nivel mundial vén derivado de que estes depósitos están a ser identificados como posibles reservas de hidrocarburos e, polo tanto, as empresas petrolíferas están a investir moito capital no seu estudo. Nesta liña, Hernández Molina está a desenvolver moitos proxectos para o estudo destes medios sedimentarios desde todos os puntos de vista -xeolóxico, paleoceanográfico e económico-, a través de varios proxectos, moitos deles financiados precisamente a través de empresas de hidrocarburos.
“A idea principal da miña intervención é transmitir que a circulación oceánica deixa unha pegada no fondo submarino, non só agora, senón que a foi deixando ao longo do tempo e, a partires deses trazos que se ven no fondo pódese determinar a paleoceanografía, é dicir, como foi a evolución das correntes no pasado e entender así como foi evolucionando o planeta”, explicou o especialista. “A parte aplicada para nós como sociedade é que hai recursos, tanto minerais como enerxéticos que están asociados a todos estes depósitos”, recalcou Hernández-Molina, que apuntou que este é un tema no que traballan moitos grupos de investigación a nivel mundial e que na última década está evolucionando moi rapidamente polas súas implicacións. “É o que se pode chamar un tema sexy para a comunidade científica”, bromeou.
Contenido patrocinado
También te puede interesar