A Universidade de Vigo aprobou o seu terceiro Plan de Igualdade

vigo

redacción. vigo

Publicado: 21 nov 2020 - 00:55 Actualizado: 21 nov 2020 - 00:55

A Universidade celebrou onte o Consello de Goberno.
A Universidade celebrou onte o Consello de Goberno.

A Universidade de Vigo conta desde onte cun novo Plan de Igualdade, o terceiro da súa historia, aprobado por asentimento polos membros do Consello de Goberno. Unha vez rematada a vixencia do seu antecesor e cos atrancos sufridos no seu proceso de elaboración por mor da pandemia, o novo documento, que terá vixencia entre os anos 2020 e 2024, recibiu o apoio unánime do órgano de goberno da Universidade, ante o que a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, o definiu como "un elemento vivo, polo que pode incorporar modificacións en función das necesidades detectadas". O novo Plan, aínda que ten un carácter continuista respecto do seu antecesor, que acadou un grao de cumprimento de máis do 50%, e mantén a estrutura en catro eixos principais (Cultura da igualdade: Medidas relativas á igualdade nas estruturas funcionais e organizativas da universidade; Docencia, investigación e transferencia de coñecemento con perspectiva de xénero e Traballar e estudar na Universidade en igualdade), afonda, segundo Gómez en ámbitos vinculados a estas catro liñas de traballo, "con propostas de accións innovadoras que pensamos que poden axudar á consecución dos obxectivos propostos".

O respaldo unánime ao III Plan de Igualdade foi un dos asuntos abordados este venres na sesión ordinaria de Consello de Goberno, na que tamén se aprobaron as ofertas de emprego público do PDI e do PAS para este ano; así como as medidas sobre as condicións de traballo para o PDI ou o nomeamento de Francisco J. Barba como investigador honorífico da UVigo. A sesión, que se desenvolveu de xeito presencial no paraninfo do edificio Ernestina Otero e tamén a través de Campus Remoto, comezou co informe do reitor, no que Manuel Reigosa confirmou que finalmente a Universidade recibirá, tras o acordo acadado coa Xunta e as outras universidades, 3,6 millóns de euros dos fondos achegados polo Ministerio para as institucións académicas para facer fronte á covid. Así mesmo, Reigosa manifestou a súa expectativa en que, unha vez superados os atrancos atopados para a posta en marcha do Grao en Filoloxía Aplicada Galego-Español, que substituirá ao e Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, este poida implantarse o vindeiro curso.n

Contenido patrocinado

stats