Podcast | 'Seducindo con ciencias': a UVigo propón citas rápidas para namorar da ciencia en galego

Os investigadores Ángela Arnosa e Mario Soilán participan na primeira edición de "Seducindo con ciencias", unha iniciativa que reunirá preto de 20 científicos para achegar os seus proxectos ao público en encontros de tres minutos

Os investigadores Ángela Arnosa e Mario Soilán.
Os investigadores Ángela Arnosa e Mario Soilán. | Atlántico

A ciencia tamén pode ser sexy. Así o defenden os investigadores Ángela Arnosa e Mario Soilán, dous dos preto de 20 participantes na primeira edición de "Seducindo con ciencias", unha iniciativa promovida pola Universidade de Vigo con motivo do Día da Ciencia en Galego. A proposta traslada a dinámica das citas rápidas ao ámbito científico para que a cidadanía poida descubrir diferentes proxectos de investigación a través de conversas breves, próximas e na lingua propia.

Ambos foron os convidados dunha nova entrega do podcast Ciencia de Ida e Volta, de Atlántico, en colaboración coa UVigo, na que explicaron como será esta experiencia e reflexionaron sobre a importancia de divulgar a ciencia máis alá dos muros universitarios.

Ángela Arnosa é investigadora posdoutoral da Xunta de Galicia e forma parte do grupo de Nanomateriais Híbridos do CINBIO. Mario Soilán é investigador Ramón y Cajal no Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente da Universidade de Vigo e pertence ao centro de investigación CINTECX.

Tres minutos para conquistar o interese pola ciencia

"En lugar de falar de que nos gusta, que música nos gusta ou que nos gusta comer, falamos de ciencia, do noso traballo como científicos da Universidade de Vigo", explicou Mario Soilán. Ao remate, o público poderá votar tanto pola persoa que mellor comunicou a súa investigación como polo proxecto que máis lle interesou.

A programación contará con dúas quendas. A da mañá desenvolverase no espazo INCUVI do campus de Vigo e estará orientada a un público máis próximo ao ámbito universitario. Pola tarde, entre as 17.00 e as 18.30 horas, a actividade trasladarase ao edificio Redeiras, onde estará aberta á cidadanía. Tamén haberá algunhas sorpresas, como unha cita ás cegas cun investigador descoñecido.

Pero, pode a ciencia seducir? Para Arnosa, a resposta está clara: "Eu creo que a ciencia de por si xa é sexy". A investigadora comparou a divulgación con esas escenas das películas románticas nas que un cambio de imaxe permite descubrir o atractivo dun personaxe que pasaba desapercibido. "É o mesmo un pouco coa ciencia. A ciencia xa ten ese poder e nós o único que facemos é facilitar ese descubrimento para a xente", sinalou. Soilán, pola súa banda, lembrou que detrás desa atracción inicial hai moito traballo: "A ciencia tamén require tempo, esforzo, paciencia e compromiso, como calquera relación a longo prazo".

Outro dos aspectos centrais da iniciativa é o uso do galego. Os dous investigadores defenderon a importancia de empregar a lingua propia para achegar os resultados científicos á sociedade, especialmente nun ámbito no que o inglés ten un peso predominante nas publicacións e nas colaboracións internacionais.

A divulgación ocupa, ademais, un lugar importante nas súas propias traxectorias. Arnosa lembrou que o seu interese por comunicar ciencia xurdiu ao descubrir os monólogos científicos. "A divulgación si que foi un amor a primeira vista", recoñeceu.

No caso de Soilán, o achegamento á investigación foi progresivo. Estudou Enxeñaría Industrial na Universidade de Vigo e comezou a interesarse pola actividade investigadora durante unha experiencia vinculada ao seu proxecto de fin de carreira en Alemaña.

Contenido patrocinado

stats