Podcast 'Ciencia de Ida e Volta' | Unha cita onde “eXXperimentar”
O Edificio Politécnico acolleu a novena edición da feira “eXXperimenta en feminino”, unha iniciativa que xorde coa intención de visibilizar a muller na ciencia e fomentar, con talleres, inquedanzas das carreiras STEM entre os mozos
Case 400 estudantes da provincia de Ourense e arredor de 150 investigadores do Campus de Ourense participaron o pasado 20 de febreiro na feira “eXXperimenta en feminino” -con dúas “X” en referencia aos cromosomas que determinan biolóxicamente o sexo feminino-. Trátase dunha iniciativa que impulsaron, hai xa nove anos, Alma Gómez, Julia Carballo, Nieves Lorenzo e Olga Escudero, docentes e investigadoras da Universidade de Vigo, e que conta co respaldo do Campus Auga; das unidades de Cultura Científica e de Igualdade da UVigo e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Fomentar vocacións
Os obxectivos fundamentais desta xornada pasan por contribuír a rachar dous teitos de cristal neste eido: a falta de referentes femininos científicos na sociedade e a desproporción entre homes e mulleres nas carreiras científico-tecnolóxicas. “Cando empezamos con este proxecto, a nosa idea era que nove anos despois xa non fixera falta facela, porque estariamos máis igualados”, recoñece Alma Gómez, subdirectora da Escola Superior de Enxeñaría Informática, que lamenta que “nese aspecto teñamos que seguir traballando, porque sigue sendo complicado ver mulleres en moitas carreiras científico-tecnolóxicas”.
Aínda que hoxe arredor do 50% do alumnado universitario é feminino, esta cifra sitúase por debaixo do 30% nas carreiras CTEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) e en titulacións como Enxeñaría Informática está entorno ao 15%. “Moitas veces as mulleres teñen algunhas carreiras en mente e déixanas fóra do listado porque pensan que é máis difícil, que probablemente teñan máis dificultades á hora de avanzar na carreira laboral, cando realmente non é así”, destaca Olga Escudero, do departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo, que engade: “Con esta iniciativa estase poñendo en valor que hai mulleres enxeñeiras ou en carreiras máis tecnolóxicas que chegan moi alto”.
Mostralo como cotiá
Outro dos aspectos importantes é que ás veces a tecnoloxía ou a enxeñaría vese como algo moi afastado da vida cotiá e non se pensa que son a base de moitas cousas coas que a sociedade está en contacto cada día. “Na área sanitaria por exemplo hai moitísima tecnoloxía que depende da enxeñaría, entón é importante facer ver que non só se pode axudar as persoas estudando Medicina”, sinala Julia Carballo, profesora de Microbioloxía na Facultade de Ciencia.
Deste xeito, na feira buscan achegar a figura da muller científica a nenas e tamén a nenos, porque “tan importante é que elas vexan que as mulleres podemos traballar en tecnoloxía e demais, como que tamén eles o normalicen”.
Para elo pensan en “experimentos sinxelos, pero que teñan un fundamento científico”. “Na miña área, por exemplo, a actividade consiste en mostrar microorganismos que como o seu propio nome indica non se ven á simple vista”, explica Julia Carballo, “explicámoslle como se poden visualizar, sen pensar soamente nun microscopio, descubríndolles outras posibilidades que temos”. Na área de bioloxía vexetal, mostraron como son os niños das velutinas ou como hai polenes ou meles de distintos orixes botánicos. Mentres, en informática os nenos tiñan dous grandes experimentos. “Un estaba máis relacionado coa realidade virtual, con lentes de inmersión, e logo, noutra parte, tiñan que resolver un problema informático como se tiveran un ordenador, pero non tiñan un ordenador, era un puzzle”, lembra Alma Gómez.
Gran resposta
A xornada de “eXXperimenta en feminino” está enfocada durante a mañá aos centros escolares, pero pola tarde as actividades continuaron para que os pais e nais tamén puidesen coñecer de primeira man as opcións de futuro para os seus fillos. “Non só preguntaban os nenos”, celebran as organizadoras, que desvelan que incluso houbo unha familia interesada, en concreto, na Enxeñaría Informática.
Nesta liña, as investigadoras consideran que está cita tamén é importante para mostrarlle aos ourensáns que a “Universidade está aí e está aberta a todos”. “Hai uns equipamentos que son impresionantes e que son moi descoñecidos por parte da cidadanía, ben sexan familias ou os propios estudantes preuniversitarios, o interesante é que se vexan nese sitio e pensen “aquí podería vir eu”, indica con ilusión Julia Carballo.
Coas boas sensacións recollidas nesta edición, agardan que a iniciativa continúe sendo ben recibida, tanto por asistentes como por investigadoras.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Puerto de Vigo
Vigo exporta a India su modelo de puerto pesquero líder
MERCADO AUTOMOVILÍSTICO
La venta de coches crece un 50% en la provincia y Galicia lidera en España