Podcast | Un catálogo para espertar vocacións científicas nas futuras universitarias
“Quero ser investigadora” ten seis edicións e inclúe testimonios como o de María Méndez ou Covadonga Barreiro
A Universidade de Vigo afianza o seu compromiso coa divulgación científica e co fomento das vocacións STEM entre a mocidade, especialmente entre as nenas, coa publicación da sexta edición do catálogo Quero ser investigadora, unha publicación que recolle a historia de dez científicas da UVigo para inspirar as investigadoras do futuro. Ilustrado pola artista Alba Casanova (1981), a través da técnica do collage debúxase a historia de dez novas referentes, dez científicas, mulleres, dez nenas que contribúen, co seu exemplo, a construír un relato da ciencia máis xusto e representativo. Tal e como subliña no preámbulo do libro a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, trátase de “reverter a histórica ausencia das mulleres no imaxinario científico, un fenómeno que non só supón unha inxustiza social, senón tamén unha perda colectiva”.
O volume, financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, forma parte das actividades do plan de Ciencia de Ida e Volta, o programa anual de actividades da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da UVigo.
Nesta edición, dez investigadoras da UVigo comparten o seu camiño cara á ciencia desde ámbitos tan diversos como a sociolingüística, a bioloxía, a enxeñaría química, a biomedicina, as belas artes, a física aplicada, a economía, o dereito ou a informática. “Quixemos reflectir que as traxectorias son únicas e persoais, e que cada decisión profesional está atravesada por múltiples factores. Non hai un único xeito de chegar á investigación, é un camiño individual e diferente en cada caso”, subliñan dende a UCC+i.
A primeira das historias ten como protagonista a María Méndez Santos, profesora e investigadora en lingua e lingüística, actual secretaria do Instituto de investigación iLingua, que relata a súa “particular volta ao mundo”, na que pasou por países como Armenia, Romanía, Ucraína ou mesmo Xapón antes de volver ao seu Vigo natal.
Pola súa banda, a profesora de Belas Artes Covadonga Barreiro Rodríguez-Moldes confesa que de nena lle gustaba a bioloxía e que soñaba con ser astronauta para “ver o mundo dende fóra”. Mentres, a física Maite Rodríguez DeCastro (CIM-UVigo), lembra que, á hora de escoller un camiño profesional, valorou positivamente varios aspectos da carreira investigadora, como desenvolver tarefas moi diversas ou manter unha formación continua.
Seguindo a liña da edición anterior, Quero ser investigadora incorpora un audiolibro no que as propias protagonistas dan voz ás súas historias, ampliando as posibilidades de acceso e conexión co público. Ademais, inclúe unha versión de lectura fácil, con linguaxe clara e frases sinxelas, que elimina barreiras cognitivas e facilita a comprensión.
“O máis importante acaba por ser o camiño no que aprendes, vives e te desenvolves”
María, contas na túa historia que inicialmente che gustaba a Historia e que tiñas pensado ir estudar a Santiagol. Pero finalmente quedaches en Vigo e fixeches Filoloxía Hispánica. En retrospectiva, consideras que foi un bo cambio?
María Méndez: Non teño alternativa, non existe un universo paralelo para comprobarlo. Pero si que é importante para os rapaces e as rapazas, que saiban que ás veces as decisións non son boas ou malas, son as que son, porque son as opcións que tes nese momento. E o máis importante é aproveitar as que tes e facer o mellor que poidas. Eu síntome moi ben, penso que tería sido moi boa historiadora igual, porque é algo que me gusta, e sigo facéndoo de forma menos formal, secar, pero ao final eran dúas vocacións que me interesaban. Iso é importante, porque ás veces os estudantes, cando escollen carreira, non saben moi ben que facer. Ao final é importante que escollan o que lles chame.
Que aprendizaxes vos deixou o voso camiño ata aquí que considerades máis valiosas?
Covadonga Barreiro: No meu caso, é a capacidade de perseverancia, de resistir. A pesar de pasarlo moi mal, de ter moita inestabilidade e moita precariedade, estar convencida de que era o camiño que me gustaba facer, que podía ser máis útil neste caso, e continuar a pesar de todo. E despois, a aprendizaxe que levo, sobre todo é darme conta de que os fins de etapa non significan nada. Que ao final, o importante acaba por ser todo ese camiño cheo de precariedade, pero que é no que aprendes, no que vives, no que te desenvolves. E ao final, cando chegas, pois chegaches, pero que o interesante foi todo o proceso anterior. É o que me levo de toda esta experiencia.
María Méndez: É super importante e crucial o que dis: entender o proceso. Ás veces, aos comezos, tes ansiedade por facer, por chegar, por conseguir. E non entendes que o proceso é parte do camiño e hai que disfrutalo. Esquecemos moito isto, simplemente disfrutar.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Episodios vigueses
La conferencia que Cela no dio en Vigo por el abuso del precio
San Xoán
La temporada de sardina empieza cara