Manuel Reigosa, reitor da UVigo: "Gustaríame moito ser a primeira universidade galega cunha reitora"

Entrevista

“Non traballamos para os ránkings, pero si para a mellora da calidade”, di o reitor da UVigo

Manuel Reigosa, no seu despacho do edificio Exeria, no campus de Vigo.
Manuel Reigosa, no seu despacho do edificio Exeria, no campus de Vigo.

O reitor da UVigo, Manuel Reigosa, afronta o ecuador do seu último mandato á fronte da institución. A internacionalización, os novos estatutos e a remuda xeracional son só algúns dos asuntos que ocupan o seu tempo no seu despacho do edificio Exeria, onde atendeu a Atlántico TV.

Como valora o logrado ata o momento?

Estamos moi satisfeitos porque estamos cumprindo bastante fielmente a folla de ruta que tiñamos marcada. O que levamos no noso programa de goberno témolo cumprido moi maioritariamente, e iso está permitindo dar resposta a algúns dos retos máis importantes da nosa universidade, como a remuda xeracional a través de políticas de profesorado que están a ser moi acaidas e políticas de transferencia que están sendo ben recibidas pola comunidade universitaria.

En maio levou a cabo unha reestruturación do equipo de goberno coa saída de tres vicerreitores e a chegada de dous novos. Cambia isto a folla de ruta?

Non. De feito, mantémola, pero aproveitamos esta mudanza para tomar un novo impulso. Tivemos hai pouco unha xornada e media completa de traballo do equipo para intentar coller máis velocidade naquilo que aínda está por desenvolver.

Nesta restruturación asumiu para a reitoría as competencias relacionadas coa diversidade coa intención de crear unha oficina que se ocupe destes temas. Está prevista unha data próxima para poñela en marcha?

Estamos negociando coa persoa que espero que leve a dirección desta unidade e o que plantexamos é un funcionamento semellante ao da Unidade de Igualdade, que depende do reitor.

Este curso estivo marcado polo peche do gabinete psicopedagóxico tras tres licitacións erradas e a consecuente externalización do servizo. Hai plans para recuperar este servizo nos tres campus?

Queremos cumprir o que di a LOSU, que establece un procedemento para incrementar os servizos que teñen que ver con esta axuda e facela non só para o alumnado, senón tamén para toda a comunidade universitaria e en coordinación coa comunidade autónoma. No primeiro borrador dos estatutos tamén vai reflectido.

Para paliar o problema das xubilacións masivas comprometerse a sacar polo menos 120 prazas de axudante doutor durante o mandato. Cantas sacou nestes dous anos? Cre que finalmente será posible chegar a 120?

Estamos sacando 30 por ano e contamos con seguir facéndoo. Ese é o ritmo que contabamos que sería preciso para ir adiantándonos un pouco ás xubilacións. Neste momento xa contabilizamos como se estiveran xubiladas ás persoas que teñen 67 anos ou máis, polo que permitimos que nun departamento se incorpore xente antes de que sexa imprescindible. Sempre pensamos que era moi bo que a xente con experiencia poda ensinar aos novos que se incorporan. E ademais deste obxectivo, temos as prazas financiadas polos gobernos estatal e autonómico que nos axudarán nesta remuda xeracional, unhas 60 prazas que non custarán nada para a universidade.

Un dos piares do seu programa para estes 4 anos foi a internacionalización. Os últimos datos apuntan que o pasado curso marcou o récord de alumnado internacional matriculado de forma ordinaria na UVigo, con case 700. Está satisfeito co alcance da universidade no estranxeiro?

Non. Creo que é a eiva máis importante que temos. Estamos mellorando e facendo todo o posible, pero aínda hai moitos atrancos legais en España. É chamativo porque é un país atractivo para vivir e estudar, pero hai pouquísimos estudantes que veñan a facer un grao ou máster completo.

Que medidas plantexa para fomentar esta internacionalización?

Contamos con que nos permitan establecer un cupo adicional en distintos títulos para alumnos que non entran a través do sistema normal da selectividade española. Tamén estamos intentando que a Xunta estenda as bolsas BEME aos graos.

O máis recente ranking Shanghai sitúa a Vigo como a mellor universidade do sistema público galego. Confía en poder deixar a UVigo dentro das 500 mellores a finais de mandato?

Esta é unha carreira na que todas as universidades do mundo intentan mellorar. Nós non traballamos para os ránkings, pero sí para a mellora da calidade. A captación de talento que estamos a facer vai encamiñada a ter unha comunidade investigadora que teña as publicacións de máximo impacto e nos permitan mellorar no ránking de Shanghai. O obxectivo é estar nesas 500 mellores. A nosa tendencia natural é voltar aí.

Este curso estrearase o primeiro grao de carácter dual do sistema galego, o de Automoción. Hai plans de implementar máis titulacións deste tipo?

Si. Pensamos que o primeiro intento tiña que ser co sector da automoción porque é moi importante para a área de Vigo. Este comezará con 20 alumnos e é un grao moi atractivo, xa que tivo 236 preinscricións. E en moitas outras titulacións cremos que será posible implementar, se non un grao dual, si unha rama dual dentro dos plans de estudos. Todos os que son do sector tecnolóxico son susceptibles diso. Xa hai conversas avanzadas con varias empresas para formar un grao dual adicional.

Como valora a gratuidade da matrícula universitaria xeral? Cre que poderá resolver os problemas da baixa natalidade a curto prazo?

É unha boa nova. O sistema universitario galego é moi potente e creo que pagaba a pena facer este esforzo para que a ensinanza universitaria sexa gratuita, paréceme un acerto. Non creo que vaia a ser o que atraia a estudantes de fóra de Galicia porque son máis importantes os gastos de aluguer e de mudanza son máis importantes que as taxas, pero penso que pode axudar a facer o sistema máis atractivo.

Como valora o impacto da LOSU na vida universitaria?

Déixame sensacións contrapostas. Por unha banda, é unha oportunidade perdida para facer cambios máis profundos nas universidades españolas; pero, ao mesmo tempo, hai medidas importantes, como o pacto de Estado para que o financiamento das universidades públicas chegue ao 1% do PIB, achegándonos ao previsto na Declaración de Lisboa.

A pouco menos de dous anos da celebración das eleccións a reitor, fálase xa dun posible relevo na agrupación H2040?

É moi cedo e non hai ningunha proposta que se teña traballado en H2040. Estamos centrados en gobernar e tomar as mellores medidas e deixar o mellor posible á UVigo. O que si espero é que nas seguintes eleccións non ocorra o das anteriores e haxa varias candidaturas. E gustaríame moitísimo ser a primeira universidade galega cunha reitora.

Ten algún favorito ou favorita a quen cederlle o testigo?

Hai moitísimas persoas con capacidade e calidade e cando chegue o momento, direino. Pero o meu voto é un só, nada máis.

Contenido patrocinado

stats