Máis de 20 titulacións no Centro de Posgrao e Formación Permanente da UVigo

A oferta comprende cursos de especialista, de experto, diplomas avanzados ou mestrados propios da UVigo

As titulacións do CFPF tratan de atender as necesidades formativas de estudantado e persoal docente da UVigo.
As titulacións do CFPF tratan de atender as necesidades formativas de estudantado e persoal docente da UVigo.

A Universidade de Vigo xestiona, baixo o paraugas do Centro de Posgrao e Formación Permanente, unha oferta de titulacións propias vinculadas ás necesidades e demandas da sociedade, complementando os estudos universitarios. Para o primeiro cuadrimestre do curso 2024/2025 a oferta abranguerá máis de 20 titulacións que xa teñen aberto o prazo de preinscrición.

Como explica Fernando Cerdeira, director do CPFP, trátase de “estudos de posgrao e titulacións propias deseñados especialmente para favorecer a empregabilidade, a reciclaxe e a promoción profesional das persoas e atendendo, de forma especial, ás necesidades formativas do estudantado e do persoal docente da UVigo”. A estes títulos súmase como principal novidade para o vindeiro curso o Máster Universitario en Biofabricación, un novo mestrado oficial interuniversitario impartido polas tres universidades galegas que, por abranguer varios eidos do coñecemento, depende do CPFP en lugar de dunha escola ou facultade.

Catro novidades

Entre a vintena de títulos propios que oferta o CPFP para o vindeiro curso hai catro novidades. Por unha banda, o Máster propio en Enfermería de Práctica Avanzada en Urxencias e Coidados Intensivos, coa colaboración da Fundación Ribera Salud, dirixido a profesionais da enfermería que teñan como obxectivo actualizar os coñecementos na atención integral aos pacientes en situación de risco vital.

A segunda estrea será a do Curso de Especialista en Sustentabilidade Alimentaria. Como explica Fernando Cerdeira, “o aumento da poboación está a xerar grandes desafíos á industria agroalimentaria, como o impacto medioambiental da produción e a seguridade alimentaria e nutricional” e este título propio “nace co obxectivo de formar profesionais capaces de xerar un escenario sostible na produción e consumo de alimentos”. O curso desenvólvese 100% e liña e de forma asíncrona, o que facilita a adaptabilidade do alumnado.

O catálogo de novidades para o próximo curso complétase co Curso de Experto en Vulnerabilidade, Inequidades e Discriminación, que está dotado dunha estrutura modular formada por cursos avanzados de posgrao, que poden facerse independentemente, e o curso de experto en Tecnoloxías Aplicadas ás Enfermidades Respiratorias, coa colaboración da Fundación Biomédica Galicia Sur.

Mestrado en biofabricación

Pero a principal novidade da oferta do CPFP para o vindeiro curso non é unha titulación propia, senón unha titulación oficial da UVigo, Mestrado en Biofabricación. Trátase dunha programa interuniversitario coordinado pola UVigo único en España. Está conformado por un grupo interdisciplinar de persoal docente e investigador de diversos ámbitos do coñecemento (enxeñería, bioloxía, farmacia, medicina etc.), que forman parte de grupos de investigación de referencia dos Institutos de Investigación Sanitaria e Centros de Investigación Singulares de Galicia. Como salienta Cerdeira, “este máster proporcionará unha formación excelente e interdisciplinar no ámbito da biofabricación, bioimpresión, enxeñería de tecidos e medicina rexenerativa”.

A oferta complétase con títulos propios e diversos cursos

Outros cursos repiten un ano máis na oferta de títulos propios da UVigo cunha grande acollida, como o de Especialista en Electrónica para Compoñentes de Automoción en colaboración coa empresa BorgWarner, o de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo (ETIV), que xa vai na súa sétima edición, ou os cursos de experto en Escritura e Reescrituras Literarias da Idade Media e en Edición e a cadea do libro. Tamén é de salientar o Curso de Especialista/Máster en Auditoría e Contabilidade, orientado a graduados que teñan como obxectivo especializarse neste ámbito ou que queiran acceder ao Rexistro Oficial de Auditores de Contas.

No vindeiro curso tamén se ofertan o Curso de Negociación Colectiva e Individual no Ámbito Laboral coa colaboración do Consello Galego de Relacións Laborais, unha formación semipresencial; o Curso Avanzado en Corte e Poesía no Outono da Idade Media en Castela; o Curso Avanzado en Didáctica da Ficción e Creación Literaria; e os cursos de formación universitaria de Introdución á Bolsa; Leas e Liortas na Literatura española: Don Juan Tenorio, de José Zorrilla; e Liderado e Xestión de Equipos para a Adaptabilidade e o Benestar.

O catálogo complétase con outros títulos propios e segundas edicións coma os da Cátedra de Ciberseguridade ou os de Capacitación dixital financiados pola Unión Europea no eido do transporte, mobilidade e loxística. Este último catalogo, de balde para toda a cidadanía, comprende os cursos de Innovación no Modelo de Negocio da Nova Mobilidade; Comunicación Dixital para a Mobilidade; Dixitalización do Sector de Transporte e Loxística; Infraestrutura de Datos Aplicados ao Transporte; e Transformación Áxil de Organizacións.

Descontos e subvencións para diferentes colectivos

O Centro de Posgrao e Formanción Permanente da UVigo conta cun sistema de descontos para colectivos e nalgúns casos os títulos están parcialmente subvencionados, como é o caso do Curso de Negociación Colectiva, ou teñen a posibilidade dun desconto na taxa de inscripción, como no caso do título Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo para o alumnado do Máster en Comunicación Internacional da Facultade de Filoloxía e Tradución, título para o que os seus alumnos teñen un 40% de desconto.

A maiores disto, os membros do colectivo Alumni (isto é, a rede de antigos estudantes posta en marcha hai varios anos pola Universidade de Vigo) contan cun 10% de desconto nas titulacións dos títulos ofertados no CPFP e a comunidade universitaria cun 15%, porcentaxe que se aplica tamén ás persoas desempregadas ou cunha discapacidade recoñecida de polo menos o 33%.

Contenido patrocinado

stats