Dous másteres reforzan a oferta de formación permanente da UVigo
O Programa de Maiores recuperará as súas prazas e haberá un novo curso sobre tecnoloxías cuánticas
A Escola Aberta de Formación Permanente (EAFP) da Universidade de Vigo, que xa leva máis dun ano en funcionamento, reforzará de cara ao próximo curso 2022/2023 a súa oferta educativa con dous másteres de formación permanente: Negocio Dixital e Auditoría e Contabilidade.
O primeiro realízase en colaboración co Clúster TIC Galicia e é, como subliña o vicerreitor de Profesorado, Docencia e Titulacións Alfonso Lago, “unha oportunidade para que os graduados e profesionais relacionados co mundo dos negocios poidan mellorar a súa empregabilidade mediante o desenvolvemento de competencias e habilidades en contornas dixitais".
En canto ao Máster en Auditoría e Contabilidade, trátase dunha evolución do curso de especialista que leva xa 20 edicións ofertándose de forma exitosa na universidade e que conta coa homologación do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas (ICAC) como programa de formación teórica para o acceso ao Rexistro Oficial de Auditoría de Contas. Lago resalta que ambos contan con prácticas remuneradas.
Outra das novidades que a EAFP prepara para o próximo curso académico é o título de experto en Tecnoloxías Cuánticas da Información, que introducirá ao alumnado interesado nestas novas tecnoloxías, imprescindibles nos próximos anos. Alfonso Lago apunta que deste xeito “damos resposta á demanda empresarial que require de profesionais competentes en tecnoloxías cuánticas, agora que Galicia busca converterse nun referente europeo e internacional neste campo e que a Xunta está a promover e incentivar”.
Ademais, a Escola ofertará catro títulos de especialista que xa teñen recorrido na Universidade de Vigo: Ciberseguridade Industrial, Dereito Laboral e da Seguridade Social, Electrónica para Compoñentes de Automoción e Tradución para a Industria do Videoxogo. Todos eles están orientados a sectores con gran demanda de profesionais e ofrécense a “prezos moi competitivos e coa flexibilidade para compatibilizar os estudos co traballo”, salienta Lago.
PROGRAMA DE MAIORES
Este ano, o Programa Universitario de Maiores da UVigo, encadrado na EAFP, recupera a oferta de prazas que tiña antes da pandemia e, como sinala o vicerreitor, “o número de preinscricións é moi superior ao dos dous anos anteriores”, polo que dende a universidade confían nunha recuperación exitosa dun programa que o curso pasado celebrou o seu vixésimo aniversario. Esta iniciativa leva asociada outras actividades comom talleres de lectura, aulas de teatro ou seminarios, e a UVigo está facendo un esforzo para achegalas aos concellos da súa contorna. Recentemente, un destes seminarios realizouse en Gondomar a modo de proba piloto desta expansión.
Unha das cualidades máis destacadas deste programa é que “está aberto a todas as persoas, con ou sen titulación, e independentemente do traballo que desenvolvesen con anterioridade”, explica o vicerreitor Lago, que engade que “é unha oportunidade de manterse activos, aprender e relacionarse con persoas da mesma e outras xeracións”.
DEMOCRATIZAR O COÑECEMENTO
O futuro da EAFP, ademais de ampliar a oferta de títulos de especialista e másteres de formación permanente, pasa por “abrir a formación universitaria a persoas que non puideron acceder a graos oficiais universitarios mediante cursos curtos ou micro-credenciais que lles permitan acceder a niveis de formación de nivel superior sen requisitos previos de acceso”, apunta Lago sobre as intencións da Escola, ao tempo que incide na importancia da “inclusión social e a democratización do coñecemento” como eixos fundamentais da expansión da EAFP.
“O obxectivo é adaptar a nosa oferta ás necesidades sociais”
A Escola Aberta de Formación Permanente da UVigo xa conta con máis dun ano de vida e a valoración do vicerreitor de Profesorado, Docencia e Titulacións non pode ser máis positiva: “A EAFP realizou un esforzo por flexibilizar e modernizar os títulos propios da Universidade de Vigo, colaborar con entidades externas na procura de sinerxias e participar activamente nas redes nacionais de formación ao longo da vida. Tanto estudantes ou profesores, como profesionais ou empresas, poden contactar coa Escola para a proposta de novos cursos que cubran unha demanda social. Esperamos incrementar nos próximos cursos a oferta de estudos en diferentes ámbitos do coñecemento”.
O obxectivo desta iniciativa da institución viguesa é, en palabras de Lago, “adaptar a nosa oferta ás necesidades da sociedade”. Deste xeito, deséñanse de forma dinámica, isto é, curso a curso, programas educativos que tratan de favorecer a empregabilidade e a reciclaxe profesional das persoas traballadoras.
ÉXITO DA CIBERSEGURIDADE
O título de especialista en Ciberseguridade Industrial foi unha das principales novidades do pasado curso na EAFP. Foi pioneiro, tanto a nivel galego como nacional, e pechou a súa primeira edición con éxito. Naceu da necesidade de diferentes empresas, que viron incrementada a demanda deste perfil laboral especializado que non se explora dabondo nos grados universitarios. Alfonso Lago resalta a especialización académica como unha das bazas da Escola: “É unha oportunidade, un ascensor social para as persoas que lles permite progresar nas súas carreiras profesionais ou emprender novos retos. Hoxe temos clara que a formación non finaliza ao acabar os nosos estudos de grao e posgrao oficiais, senón que debemos continuar formándonos ao longo da vida, reciclándonos e actualizándonos. Desde a Universidade de Vigo queremos realizar ese acompañamento da formación das persoas en todas as etapas da súa vida”.
ACTIVIDADES NA CIDADE
A EAFP ten no edificio Redeiras unha das súas sedes principais, sobre todo á hora de achegarse á cidade. Lago aclara: “É un punto de información e participación cidadá. No corazón da cidade a xente pode acercarse e informarse. Ademais, teñen dispoñibles aulas de reunión e traballo, e salas para formación ou eventos”. Os premios do título propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo celebráronse en Redeiras o pasado mes de maio.
Contenido patrocinado
También te puede interesar