Los testimonios de los estudiantes del mar
Tres alumnos explican cómo terminaron estudiando estos Ciclos
Inma Dios, curso de Capitán de Pesca: “Dende que era pequena quixen dedicarme ao mar”
Aínda que Inma Dios estudou Deseño de Moda, dende que era pequena tivo a paixón de dedicarse ao mar: “Cando era nena dicía que quería ser a capitana do meu pai, que era mariñeiro”, apunta esta alumna do curso de Capitán de Pesca. Foi a crise da covid, que supuxo un golpe importante ás oportunidades laborais no sector téxtil, a que fixo que finalmente se lanzara a perseguir esta vocación de surcar os mares e apuntouse ao ciclo superior de patrón de altura no Instituto Marítimo-Pesqueiro de Vigo. “Aí descubrín que realmente era o que máis me gustaba. Aínda que os meus estudios de moda tamén me gustan moito porque desfruto creando, esta é a miña verdadeira vocación, traballar no mar”, comenta Inma.
A día de hoxe, está traballando nun buque de pesca de altura e asegura que cada marea que traballa é unha gran experiencia: “Tanto o meu capitán como o resto de oficiais valóranme moito e gústame o meu traballo, a pesar de que os meus coñecidos adoitan dicirme que é moi sacrificado”, sinala. Por esta razón, e con vistas ao futuro, decidiu facer canto antes o curso de Capitán de Pesca: “Para ser primer oficial e capitán en barcos como no que traballo é necesario este título, así que decidín facelo porque no futuro vanmo pedir e mellor facelo agora que teño os coñecementos que adquirín no título de patrón de altura máis frescos”.
Julián Carreira, Ciclo Superior de Máquinas: “Ir cada día a faenar é un mundo novo, nada que ver con ir á oficina”
Un dos propósitos dos ciclos de Formación Profesional que a Consellería de Mar oferta cada ano é permitir que profesionais como Julián poidan ascender nas súas carreiras laborais. Deste xeito, este mariñeiro engraxador con varios anos de experiencia nun barco do cerco decidiu apuntarse ao Ciclo Superior en Organización do Mantemento de Maquinaria de Buques e Embarcacións, ou como é coñecido no sector, o Ciclo Superior de Máquinas.
A proximidade do centro que o oferta (o Instituto Marítimo-Pesqueiro de Vigo) co seu lugar de traballo foi outra das razóns polas que quixo dar un paso máis na súa traxectoria profesional tras varios anos exercendo como mariñeiro engraxador. Julián comenta que sempre lle gustou moito traballar con motores e outro tipo de maquinaria, polo que o programa formativo deste ciclo era o que máis se axustaba ás súas pretensións e ademais lle permitiría ascender profesionalmente.
A día de hoxe Julián xa aprobou todas as asignaturas e soamente lle queda por entregar o proxecto final. Compatibilizou as clases co seu traballo e asegura que “estudando e dedicándolle tempo, sobre todo na fin de semana, podes sacar este ciclo sen maior problema” e indica que foi unha formación “moi interesante”.
Este mariñeiro quere continuar vencellado ao mar: “É un traballo con moitas emocións, cada día é un mundo novo, unha incertidume. Non é como ir á oficina cada día, isto é o que me motiva”.
Lucas Torrado, Ciclo Superior de Ponte: “Quero acumular experiencia e días de mar e poder estudar para capitán”
Cando Lucas Torrado rematou a Educación Secundaria Obligatoria (ESO), lanzouse a cursar o Ciclo Medio para a obtención do Título de Técnico en Navegación e Pesca de Litoral, coñecido no sector como Ciclo Medio de Ponte, na Escola Náutica de Ribeira: “Tíñao claro dende o principio”, expresa este mozo, que con apenas 18 anos embarcou nun palangreiro para facer as prácticas formativas deste ciclo medio.
Lucas non concebía outro modo de vida: “O meu pai é mariñeiro e os meus avós tamén o foron, dende pequeno sempre estive relacionado co mar, tanto pescando na praia como querendo ir de faena co meu pai e axudándoo no que podía”. Por esta razón acaba de superar o Ciclo Superior de Ponte e agora mesmo fai as prácticas formativas no caladeiro de NAFO en Terranova. A súa experiencia neste ciclo foi “realmente boa, xa que puiden aprender cousas que de verdade me fixeran sentir realizado. Nunca me gustaran os estudios ata que comecei coa náutica”. Expresa que nesta titulación “aprendes moitas cousas que son interesantes, máis aló de que sexan útiles ou non no mundo laboral”, aínda que bota en falta temas como “a convivencia abordo ou a psicoloxía, que é importante nas campañas de longa duración”.
Ten claro que o seu futuro pasa por estar vencellado ao mar “e facendo o que máis me gusta, que é pescar”. Agora quere “acumular experiencia e días de mar” para, nun futuro, “poder estudiar o curso de Capitán de pesca”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar