A rede de polos de emprendemento apoiou 1.400 proxectos na provincia

Emprego

A iniciativa conta con tres oficinas na provincia, no Porriño, Silleda e Vilanova de Arousa

Alicia Corchero, no taller de Mueblenatura ubicado en Mondariz Balneario, durante a restauración dun moble.
Alicia Corchero, no taller de Mueblenatura ubicado en Mondariz Balneario, durante a restauración dun moble.

Dentro da aposta de Galicia polo emprendemento como un motor de xeración de emprego e riqueza, destaca o papel da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, unha iniciativa nacida en xullo de 2022 que presta, de maneira gratuíta, asesoramento individualizado, tanto a quen desexa emprender na Comunidade como a quen xa o fixo, pero quere consolidarse.

No conxunto dos polos da provincia de Pontevedra lévanse atendidos máis de 1.400 proxectos, preto dun 60% promovidos por mulleres e entre os que predomina o comercio, seguido dos servizos e da hostalaría. Ademais, lévanse realizado máis de 3.100 titorías e preto de 240 actividades entre reunións con entidades do territorio, accións de formación e eventos da rede.

Entre os proxectos que atoparon apoio na Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego atópase Mueblenatura, iniciativa de Alicia Corchero, interiorista que decidiu deixar Madrid para abrir en Mondariz-Balneario un obradoiro de restauración e transformación de mobles. “Precisaba traballar coas mans, era tamén unha especie de terapia”, explica. O taller atende sobre todo a particulares que queren conservar pezas familiares, pero tamén a interioristas que buscan mobles singulares. Ademais imparten clases de restauración con alumnado que chega mesmo desde Vigo ou O Carballiño. Alicia lembra que chegou ao Polo tras buscar información na internet: “Orientáronme sobre as axudas, concedéronme unha e tamén participei en mentorías con expertos en temas comerciais. Sen eles non coñecería esas oportunidades”. “O paso polo Polo marcou a diferenza, porque grazas a ese apoio podemos manter un proxecto viable e vivir con conciliación”, asegura Alicia.

Tamén Elefantes Rosas, cooperativa impulsada por Jéssica Rodríguez e Nerea Menduiña en O Porriño, que xurdiu para ofrecer ocio inclusivo, acompañamento familiar e actividades adaptadas a persoas con diversidade funcional. “Moitas familias non tiñan onde deixar aos seus fillos ou fillas adultas fóra do horario de centro, e decidimos cubrir ese baleiro; poden contactar con nós no 623600315”, sinalan. Recoñecen que a Rede foi decisiva para orientalas no aspecto empresarial: “Non podiamos crer que o servizo fose gratuíto; axudáronnos a decidir que tipo de empresa crear e vimos que a fórmula cooperativa encaixaba á perfección”. As emprendedoras, que xa colaboran con entidades do sur da provincia, teñen agora dous obxectivos principais: “Consolidar a cooperativa e conseguir un local que nos dea máis autonomía”.

Jéssica Rodríguez Pérez e Nerea Menduiña Hermelo, no Porriño, onde naceu a iniciativa de Elefantes Rosas.
Jéssica Rodríguez Pérez e Nerea Menduiña Hermelo, no Porriño, onde naceu a iniciativa de Elefantes Rosas. | Jorge Santomé

A Rede ten, ademais, un gran foco no rural, co obxectivo de dinamizar a economía local, fixar poboación e combater o reto demográfico e desde o seu nacemento leva atendidos máis de 4.800 proxectos. Conta con 15 oficinas activas, situadas en diferentes localizacións do territorio galego. No caso de Pontevedra están no Porriño, Silleda e Vilanova de Arousa.

Contenido patrocinado

stats