Galicia consolídase como referente en emprendemento ligado ao territorio
encontro
O congreso Ultreia foi escenario da sinatura do histórico Manifesto de Vontades para o ecosistema emprendedor
O Mosteiro de Santo Estevo, en plena Ribeira Sacra, acolleu a primeira edición de Ultreia Galicia, un encontro impulsado pola Xunta de Galicia que reuniu representantes institucionais, empresas tractoras, emprendedores, axentes europeos e entidades de apoio ao emprendemento para poñer en valor a innovación e o talento que nace do territorio.
Co recoñecemento de Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025, o foro converteuse nun escaparate de proxectos, estratexias e visións que demostran a capacidade da comunidade para conectar o local co global e para construír un modelo propio de desenvolvemento sostible.
Un dos fitos da xornada foi a sinatura da “Manifestación de Vontades para a Creación e Funcionamento da Rede Galega do Ecosistema de Emprendemento”, un pacto de coordinación entre entidades público-privadas que acompañan o emprendemento en Galicia. O documento foi rubricado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e seis entidades asinantes: Fegamp, Universidade de Vigo, Confederación de Empresarios de Galicia, Empresa Nacional de Innovación (ENISA) e o Foro pola Economía Social Galega (Foroesgal), nun acto que reforza a aposta de Galicia por un modelo de cooperación estable, moderno e centrado no territorio. Ademais, trátase dun manifesto aberto ao que se poden sumar todos os axentes do ecosistema emprendedor galego que o desexen.
O evento acolleu tamén a presentación das liñas mestras da Estratexia de emprendemento ligado ao territorio, explicadas polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, quen destacou medidas centradas en sectores estratéxicos, a especialización dos Polos de Emprendemento e a creación de novas ferramentas para impulsar proxectos con impacto económico, social e ambiental.
A partir de agora ábrese un período de reunións e consultas para poñer en común este traballo previo e sumar as achegas de todos os axentes do sector co obxectivo de construír unha estratexia de emprendemento ligado ao territorio conxunta, contando coas administracións e todos os axentes públicos - privados do sector do emprendemento de Galicia que queiran colaborar.
Cara a un emprendemento sostible, innovador e conectado
Ultreia Galicia combinou a dimensión institucional cun programa de contidos que incluíu a presentación dos 20 anos do Informe GEM Galicia, o Informe de Emprendemento Xuvenil 2024 e un espazo de intercambio entre as Rexións Emprendedoras Europeas -Galicia, Mazovia e Krapina-Zagorje-, que contou ademais coa participación da OCDE.
Durante a xornada, voces como Emilio Rial (Coren), María Pérez (CUPA Group), Iago Bastos (Ecoforest) ou Beatriz Mato (Greenalia) achegaron a perspectiva das empresas tractoras sobre como fortalecer o emprendemento desde sectores clave como os recursos naturais e o agro-mar, subliñando a importancia de crear cadeas de valor locais, impulsar alianzas e promover a innovación sostible.
Xunto a elas, proxectos como Os Biosbardos, Piel Natura, Regeneration Academy ou Conservas Portomar presentaron exemplos reais de innovación con raíz, mostrando como iniciativas emprendedoras do rural, a economía circular e o mar están a transformar os seus territorios desde a sustentabilidade, a tradición e a tecnoloxía.
O debate completouse coa participación de aceleradoras e entidades de acompañamento como BF Climatech, ENISA, XES Galicia, GDRs, GALPs ou Fundación Ronsel, que abordaron os desafíos e oportunidades en financiamento, escalabilidade e profesionalización do ecosistema, así como a necesidade de crear novos vehículos de investimento e modelos de apoio máis adaptados ás particularidades do territorio galego.
O encontro serviu tamén para recoñecer o traballo da Rede de polos de emprendemento, mostrar casos de éxito vinculados ao rural, á economía circular ou ao turismo, e visibilizar iniciativas estratéxicas como Fixar, Ronda Conecta ou Xúntate, que contribúen a dinamizar o tecido produtivo desde o local.
Ultreia Galicia pecha así a súa primeira edición consolidándose como un espazo de referencia para proxectar a visión de Galicia cara a Europa, impulsar novas oportunidades e reforzar un ecosistema emprendedor que avanza con raíces firmes e unha ollada decididamente internacional.
Contenido patrocinado
También te puede interesar