Volve a bandeira Deputación de Pontevedra

Traiñeras

A cita despútase o 21 de xuño en Moaña como previa da Liga Galega de Traiñeiras

A bandeira Deputación de Pontevedra volve ó calendario despois de 15 anos.
A bandeira Deputación de Pontevedra volve ó calendario despois de 15 anos. | Vicente Alonso

Traballo en silencio para recuperar unha das citas históricas do remo galego. O vindeiro 21 de xuño, a localidade de Moaña albergará a Bandeira Deputación de Pontevedra que, deste xeito, regresa ó calendario tras desaparecer no ano 2011.

Esta recuperación era un dos obxectivos que tiña a Federación Galega de remo, que desexaba recuperar unha cita de gran tradición, xa que a súa primeira edición data do 26 de xuño de 1988 con vitoria para Samertolameu, que acadou a primera praza nas tres primeiras edicións. O evento foi un dos clásicos do calendario ata a súa cancelación, mentres que na provincia da Coruña si se mantivo a cita desa entidade provincial.

O lugar escollido para recuperar o evento é Moaña con Tirán Pereira como anfitrión do evento provincial. A data, do 21 de xuño, serve de ligazón entre o Campionato de España de Baiona (13 e 14) e a Liga Galega de Traiñeiras. Deste xeito, o desafío entre Samertolameu e Tirán queda para o comezo da campaña de traiñeiras, o fin de semana do sábado 30 e domingo 31 de maio. Queda por determinar se no evento provincial tamén compiten a traiñeiras de veteranos. En caso de entrar, sería a despedida da tempada.

O regreso da Bandeira Deputación de Pontevedra ten unha repercusión maior porque está directamente relacionada con varios trocos no calendario de inverno. Deste xeito, este sábado haberá unha bandeira de bateis en Chapela, que recupera a súa proba adiada en xaneiro, e a prevista na Guía pasa para o 8 de marzo e exercerá de Territorial Sur.

Movementos no calendario de regatas dun curso que está sendo axitado polo mal tempo con numerosos aprazamentos, pero que terá un estío cargado de citas de relevancia porque xa comezarán en xuño e rematarán na última semana de agosto para a maioría de barcos, pero para os participantes na Liga ACT e na Bandeira da Kontxa, tamén terán probas no mes de setembro. Un calendario amplo.

De regreso á Bandeira Deputación de Pontevedra, o palmarés está dominado polos clubes de Moaña con oito vitorias para Tirán Pereira e sete de Samertolameu de Meira. Dentro das entidades da Ría de Vigo, Chapela aperece cunha vitoria. Este ano serán os candidatos a gañar.

Contenido patrocinado

stats