Vexo Moaña, vexo Chapela

Traiñeiras

Os barcos de Tirán e os do Paseo de Cardona destacaron na Bandeira Rodavigo, celebrada onte en Cesantes nun día de absoluta calma e con máis de 500 remeiros en competición

Tirán acadou dúas vitorias na regata de traiñeiriñas disputada onte nas augas da Enseada de San Simón.
Tirán acadou dúas vitorias na regata de traiñeiriñas disputada onte nas augas da Enseada de San Simón. | J.V. Landín

Calma en Cesantes, día tras a choiva e entre nubes. Deses nos que se observa claramente a ponte de Rande e, ó ser pola mañá e non facer calor, a coñecida brisa térmica da Ensenada de San Simón non aparece. Deixa o mar como un prato, que da gañas de bañarse nel e chapotear como un neno pequeno. En definitiva, un día óptimo para vogar, pero para facelo ó máximo, sen deixar un gramo de forza en cada pada porque a xornada está para facer todo o esforzo posible. Sempre a fondo, sen deixarse nada e así foi a regata de traiñeiriñas vivida onte. Ó máximo.

Neste contexto, o club de Tirán rachou o mando que se podía intuír de Chapela tras a tempada de bateis. Non obstante, atoparon oposición no club do Con, que apunta a loitar polo mando do barco de seis compoñentes no sur de Galicia. Así, foi o club morracense o que mandou na categoría sénior masculina, que pechou a xornada deportiva. Vitoria para o primeiro barco, o de Tirán (13:51.91), e segundo posto para o filial, Moaña, a case dez segundos. Samertolameu cerrou o podio, con Chapela no cuarto posto. Pero seguro que os beretes suben un chanzo o seu nivel nunha semana, no Territorial Sur.

En mulleres, todo foi laranxa, con primeiro e segundo posto atendendo ó reloxo, pero soamente contou un bote berete (15:42.86) na clasificación porque o gañador misturaba categorías. Robaleira, a catro segundos, asinou a segunda posición e Moaña foi terceira.

O día de regatas en traiñeiriñas comezou coa categoría cadete que viviu unha participación limitada, pero máis alta que en anos precedentes. Na feminina, a primeira praza foi para Vila de Cangas (8:00.51), mentres que Tirán acadou a vitoria nos rapaces (6:59.95), por diante de Robaleira e o barco de Samertolameu.

Xa en xuvenís, o bote de cativas de Mecos ofreceu un recital (16:11.89) ó superar en máis de medio minuto o moañés de Meira, mentres que na categoría masculina a primeira posición foi para Chapela (14:36.15), que superou por unha ampla renda de dez segundos a Bueu.

Por outra banda, a cita de Cesantes estivo precedida pola segunda xornada da Liga Galega de Veteranos, que tivo como gañadores a Puebla, na categoría feminina, e a Samertolameu, na mixta. Entre os dous eventos, superáronse os 500 remeiros nunha gran xornada de remo e deporte.

Contenido patrocinado

stats