Verde da esperanza nas Lagoas

rugby

O Kaleido Vigo, na súa mellor versión, gaña ó Uribealdea para chegar con opcións de permanencia ó último partido

jorge castro. vigo

Publicado: 18 mar 2019 - 01:31 Actualizado: 18 mar 2019 - 20:44

Javi Abadía tenta presentar o oval nunha acción do partido de onte disputado no campo das Lagoas ante o Uribealdea.
Javi Abadía tenta presentar o oval nunha acción do partido de onte disputado no campo das Lagoas ante o Uribealdea.

O céspede brando do campo das Lagoas tiña onte o verde primaveral da combinación da choiva e o sol. As margaridas emerxen nas beiras do campo e, nesta primavera adiantada das Rías Baixas, o lameiro non aparece. O igual que o seu terreo de xogo, o xogo da formación universitaria de Adrián Lago tamén floreceu onte. Con Brizuela, Carlos López e Uru de regreso, o conxunto vigués amosou o seu mellor rugbi da tempada para sumar unha nova vitoria con bonus ofensivo. Cinco puntos que, en todo caso, parece que non chegarán para evitar a penúltima posición, a de promoción de descenso no mellor dos casos, pero serve para viaxar con esperanza ata Getxo, onte espera o segundo clasificado, no peche da tempada regular este fin de semana.

Aínda que lonxe dos últimos resultados, a tempada do Kaleido Vigo estivo marcada polo seu mal inicio, pola primeira metade do ano no que o equipo non ofreceu o nivel necesario. Lonxe do despertar das flores de marzo, o outono resultou triste. Foi o xerme da situación actual.

Onte, ante o Uribealdea, o Kaleido Vigo estivo serio e eficaz contra un rival que acumulaba malos resultados nas últimas semanas, pero non acudiu de excursión ata as Rías Baixas. Tratou de facer un bo encontro e buscar a vitoria, se ben amosou carencias que explotou o conxunto vigués.

Chave foi o regreso de Brizuela á melé para gañar moitas posesións dende esta situación do xogo. Javi Abadía foi o primeiro en asinar un ensaio e chegou ós cinco minutos tras un saque de lateral. Despois desperdiciaron un par de ataques claros máis os viguesas ata que, de novo, tras avanzar mediante un golpe de castigo, apoiou o oval Tito Prieto despois dunha longa acción local con verticalidade e paciencia.

Xusto antes do descanso axustou o marcador a formación vasca e a reanudación trocou algo o encontro. O Kaleido Universidade tivo menos posesión, pero cando tivo o oval resultou máis efectivo. En gran medida porque primeiro Koldo Barandiarán e despois Javi Abadía aproveitaron dúas accións de ataque con continuidade. A primeira con tres pases no placaxe a a segunda con velocidade de fases e un ritmo alto de ataque tras o agrupamento. Cousas pouco vistas nos últimos meses no verde das Lagoas.

No minuto sesenta e cinco con 36-10 no marcador o partido estaba resolto. Non quedaban folgos, pero o traballo estaba feito.

Kaleido Universidade de Vigo:

Tito Prieto, Nico Gómez (Barbudo, min. 46), Brizuela (Oliveira, min. 78), Carlos López, Filgueira (Franco, min. 53), Mauro González (Paradela, min. 65), Abadía, Tatafu; Riveiro, Barandiarán; Snati Gutiérrez, Sergio Calvo, Valentín Gutiérrez, Carlos Davila, Uru.

Uribealdea:

Motta, Lopategi (Daniel Pérez, min. 64), Gogenola (Peña, min. 69), Elosegi, Acebo, Landia, Pereira (Uribe, min. 41), Arabiourrutia; Gregorio Saenz, Bertero; Iñigo Romo (Ander Saenz, min. 58), Isasi, Chavez, Amutio (Azkorra, min. 70), Zabala.

Anotacións:

7-0, min. 4: ensaio de Abadía, que pasa Carlos Davila; 10-0, min. 17: golpe de Carlos Davila; 10-3, min. 24: golpe de Bertero; 15-3, min. 31: ensaio de Tito Prieto; 15-10, min. 40: ensaio de Lopategi, que pasa Bertero; 22-10, min. 51: ensaio de Koldo Barandiarán, que pasa Carlos Davila; 29-10, min. 58: ensaio de Javi Abadía, que pasa Carlos Davila; 36-10, min. 65: ensaio e transformación de Carlos Davila; 36-17, min. 68: ensaio de Amutio, que pasa Bertero; 36-22, min. 78: ensaio de Greogorio Saenz.

Árbitro:

Félix Villegas. Amosou cartón amarelo que supón dez minutos de expulsión a Valentín Gutiérrez (min. 61) e Uru (min. 69) polo Kaleido Vigo e a Chávez no Uribealdea.

Contenido patrocinado

stats