Unha tarde moi longa no Porriño

Balonmán

O Conservas Orbe Zendal Porriño perdeu ante o Bera Bera tras mandar no partido ata o minuto 45 e ser superado polo líder invicto no treito final, pese a facer un bo encontro

Aitana tenta defender a Karsten no partido de onte en O Porriño.
Aitana tenta defender a Karsten no partido de onte en O Porriño. | Vicente Alonso

Hai derrotas duras, pero que teñen pouco dolor. Hai vitorias preocupantes, pese a gañar. O deporte pode ter estas cousas e o Conservas Orbe Zendal Porriño tivo onte ante o líder invicto da categoría, o Bera Bera, un tropezo deses que son máis para sacar peito que para meditar. Quizáis, haberá que matinar os motivos polos que se erraron as últimas opcións concretas para tentar forzar o empate, pero nada máis. Pese a perder, o xogo do equipo de Isma Martínez foi máis satisfactorio que deficiente, pero o opoñente era un equipo superior en España, que gañou todo o que va de División de Honra salvo un empate que cedeu na Guarda. Xogar ante o Bera Bera significa ter enfrontamentos moi longos e así sucedeu onte.

No pavillón municipal, o conxunto local saiu forte ó partido, limitou o ataque visitante e na parcela ofensiva anotou con frecuencia e, sobre todo, impediu a temida transición visitante, que tanto dano fai ós seus rivais. Así, tivo o control do xogo e o mando do marcador ata irse con tres goles de renda ó descanso (14-11). Paulina Buforn, como é habitual nas últimas datas, estaba co brazo acertado.

Era de esperar a reacción do Bera Bera no segunto tempo e sucedeu. Apertou o marcador e púxose por diante antes do minuto 50 (22-23). Xa era unha cuestión de ter acerto nese treito final. Isma Martínez mandou trocos defensivos e o equipo vasco tirou da forza de Lyndie Tchapchet dende o pivote. Pese a iso, nos últimos cinco minutos, o equipo porriñés tivo unha contra que rematou con perda e un lanzamento liberado polo extremo que parou Lucía Prades para situarse a un tanto. Foron as últimas opcións para sacar algo ante o líder invicto, que o segue sendo, pero que tivo que pasalo mal no Porriño. Bos síntomas locais.

Porriño 24 - Bera Bera 26

Conservas Orbe Zendal Porriño:

Ferrarín (p.), Ana Palomino (p.), Adriana Mallo (2), Ekaterina Zhukova, Caro Bono (5), Juliana Santos, Alicia Campo, Julia Pestana (1), Aitana Santomé (2), Victoria Zsembery (1), Aroa Fernández, Adriana Rial, Paulina Buforn (7), Carmen Prelchi (3), Uzagi Manterola (1), Lucía Laguna(2), Isabela Ferrarin y Ana Belen Palomino

Super Amara Bera Bera:

Wiggins (p.), Lucía Prades (p.), Elba Alvarez (2), Eszter Ogonovsy (1), Laura Hernández (2), Lisanne Kruijswijk (1), Maitane Echevarría (8), Ester Somaza (3), Elke Karsten (2), Lyndie Tchaptchet (3), Elena Amores (1), Anne Erauskin, Micaela Rodrigues (1), Guliana Gavilan (2).

Parciais:

2-1, 5-5, 7-7, 9-8,11-9, 14-11 (desc.), 15-14, 17-16, 20-19, 22-23, 22-25, 24-26.

Árbitros:

Jordi Pinilla Iglesias e Eric Deiros Borras, de Catalunya. Excluiron dous minutos a Aitana Santomé; Eszter Ogonovsy, Kruijswijk (2), Guliana Gavilán e Prades.

Contenido patrocinado

stats