gala do deporte
Unha noite para Aspas
gala do deporte
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e Luisa Sánchez, vicepresidenta, recoñeceron onte a figura de Iago Aspas como un dos grandes referentes dos valores que promove a provincia do deporte con motivo da celebración da tradicional Gala do Deporte que organiza cada ano a institución provincial e que, nesta ocasión, rendeu homenaxe ao capitán do Celta pola súa traxectoria e polo seu compromiso co deporte local. Baixo o lema “Son porque somos”, a Deputación puxo en valor a contribución dos deportistas, dos clubes, das institucións e das familias para construír, entre todos, a provincia do deporte. “Somos unha provincia que respira deporte polos catro puntos cardinais e na Deputación nada nos comprace máis que acompañar a vosa misión, apoiar os vosos proxectos e desfrutar dos vosos éxitos. Ese é o noso obxectivo e o que está detrás dos catro piares que sustentan a nosa aposta pola provincia do deporte”, afirmou o mandatario provincial facendo referencia a aposta estratéxica do goberno provincial para apoiar a deportistas e clubes, impulsar as instalacións deportivas e fomentar o turismo deportivo para pechar unha gala á que asistiron máis de 700 persoas estreitamente relacionadas co ámbito do deporte provincial.
Por segundo ano consecutivo, a Deputación provincial escolleu o Ifevi para enxalzar a provincia do deporte. No recinto feiral vigués, o presidente Luis López e a vicepresidenta Luisa Sánchez encabezaron unha gala na que foron protagonistas os clubes, as institucións e todas as persoas que están detrás dos éxitos dos deportistas da provincia, desde a base ata a elite. Conducida polos comunicadores Raquel Doiro e Rafa Valero, o evento contou con grandes deportistas da provincia como a piragüista Teresa Portela, o patinador Chevi Guzmán ou a ximnasta Melania Rodríguez, así como representantes de clubes da provincia de diversas disciplinas. A vicepresidenta Luisa Sánchez foi a encargada de darlle a benvida a todos os asistentes e poñer en valor o papel que desempeñan clubs, corpos técnicos, familias, amizades e mesmo rivais no crecemento profesional dos deportistas. “Ningún deportista chega lonxe por si só, hai que poñer en valor o papel de todas as persoas que acompañan as traxectorias deportivas, tamén aquelas que non soben ao podio”, subliñou Sánchez.
A gala estruturouse en catro bloques relacionados co deporte como son os grandes eventos, os programas de apoio da Deputación aos clubes, a creación de eventos propios por parte do organismo provincial e, finalmente, a homenaxe aos deportistas personificados na figura de Iago Aspas. Así comezou o presidente unha intervención na que pediu ao público facer un exercicio de imaxinación para decatarse da grandeza dos deportistas nacidos na provincia. “Imaxinemos un territorio humilde pero orgulloso no que naceu o capitán, máximo goleador e xogador con máis partidos dun club centenario e referente na formación de futbolistas como o Celta, falo de Iago Aspas; a deportista española con máis participacións nos Xogos Olímpicos da historia, medallista en Tokio 2020, Teresa Portela; o deportista español con máis medallas olímpicas en competicións individuais, David Cal; unha pioneira e dobre campioa do mundo que abre camiño nun deporte espectacular que sitúa á provincia, a Galicia e a España na vangarda da ximnasia acrobática, Melania Rodríguez; unha eminencia tanto no tríatlon como na medicina, a triatleta e dobre campioa olímpica Susana Rodríguez Gacio; ou unha gran promesa do automobilismo que soña co máis alto como é Christian Costoya”, enumerou López.
Tanto o presidente como a vicepresidenta fixeron fincapé na pegada de Iago Aspas, que non puido asistir ao acto porque nese momento estaba a voar desde Glasgow por mor dunha avaría no avión de volta do partido de Liga Europa contra o Celtic. “Príncipe das Bateas, Rei do Deporte en Rías Baixas, es un dos máis grandes referentes desta provincia do deporte”, agradeceu López despois de entregarlle ao irmán do xogador unha obra de artesanía como recoñecemento pola súa contribución ao deporte. “El é a estrela do seu equipo pero sempre atribúe o mérito aos seus compañeiros e ao corpo técnico, tivo presente a súa familia nos momentos importantes da súa vida, nunca perdeu o contacto cos amigos de sempre e soubo gañarse o respecto dos demais”, engadiu Sánchez.
A Deputación salientou a aposta estratéxica polo deporte, que, en materia de instalacións deportivas de titularidade municipal, adicou un total de 28 millóns nun total de 278 equipamentos dos 61 concellos da provincia, incluídos estadios como Balaídos ou Pasarón.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
gala do deporte
Unha noite para Aspas
piragüismo/mundial maratón
Araceli Menduiña, campeona del mundo con autoridad