Un adeus para lembrar

Atletismo

A Vigo contra el Cáncer despediuse onte cun evento pasado por auga e unhas 3.000 persoas que correron ou camiñaron nunha cita que celebrou a ‘Derradeira’ edición e tivo en Alberto Bastos e Marta Castroviejo ós gañadores

Os corredores avanzan baixo a choiva que caeu permanentemente en Bouzas na mañá do domingo para a celebración da Vigo contra el Cáncer.
Os corredores avanzan baixo a choiva que caeu permanentemente en Bouzas na mañá do domingo para a celebración da Vigo contra el Cáncer. | Vicente Alonso

Queda na memoria. Na historia, case como feito adrede. A organización da Vigo contra el Cáncer marcou para onte ‘A Derradeira’, a carreira de despedida desta iniciativa que pechará para sempre tras poñer moitas pingueiras na loita contra esta enfermidade. E, quizais por iso, a meteoroloxía decidiu que a despedida sería extrema porque soltou unha xornada de choiva constante e intensa, que non deixou a ningún dos participantes indiferente. Moitos lamentaban o día, outros optaban por rir e a meirande parte, por poñerlle boa cara ó mal tempo.

Así transcorreu a mañá pola Avenida de Castelao e a de Europa e os atletas molláronse dende o inicio. No senso figurado, porque anotarse no evento de Coia xa é tomar partido e apostar por un aspecto solidario. Seguramente, moitos acudiron ó evento pese a que todo invitaba a quedar na casa por esta motivación. A ringleira na recollida de dorsais xa era una pequena heroicidade baixo o paraugas. E si, era o quecemento porque despois tocaba máis e máis auga, máis e máis choiva.

Cando un atleta popular afronte unha carreira con ameaza de choiva recordará a cita. "Máis choveu na do cancro", recordarán

Tamén recordou José Alberto Bastos ós seus. O veterano corredor padeceu a forza de Óscar Bernárdez ó longo do percorrido. Tanto que, na última costa, parecía racharse, pero cando cedía uns metros, “recordei á xente que me deixou, que foi caendo polo camiño porque esta enfermidade toca a todo o mundo”, admitía. E apertou os dentes e correu no último quilómetro para superar ó seu rival e cruzar a liña de chegada, sinalando ó ceo, recordando ós coñecidos, con pura emoción.

Sentimento tamén amosou Marta Castroviejo ó cruzar a liña de chegada, pero no seu caso foi diferente: de ledicia, de felicidade pola vitoria e pola xornada. “Gocei moito a carreira, seguro que con esta choiva a recordo máis”, indicaba. Unha circunstancia que sería para ela e para todos os participantes. No seu caso, acadou unha vitoria notable porque bateu a Lea Breinholt, que ata onte estaba invicta nas probas de dez quilómetros na cidade.

Como é habitual, a andaina de 5.000 metros, foi a proba con maior participación. Tamén tivo choiva.
Como é habitual, a andaina de 5.000 metros, foi a proba con maior participación. Tamén tivo choiva. | Vicente Alonso

Uns poucos máis tomaron a saída no evento non competitivo dos 5.000 metros. Se ben é certo que esta foi a modalidade na que a choiva deixou máis baixas, é verdade que mantívose como a máis numerosa ata superar os 2.000 participantes entre as dúas probas. Quizais foron 3.000, pero é absolutamente igual, porque cada un dos presentes xa era toda unha proeza, unha pingueira na loita contra o cancro como as moitas que caeron na sesión matinal de onte en Coia.

Ás veces suavemente, por momentos con forza. Instantes determinados como cando a cabeza do pelotón pasou polo Amor de Dios e pareceu entrar a auga de lado e con forza. Pura borrasca galega das que recordan nun día para lembrar. Por todos e por cada un dos presentes. Como para rememorar será cada un dos detalles do particular último baile.

Por alí estaban as organizadoras, que pouco a pouco ían calándose ata a punta dos pés. Non faltou a charanga, que estivo toda a sesión baixo unha pequena carpa; non saíron, pero a música non parou de brotar. Os corredores, pouco a pouco, íanse poñendo nas ringleiras, xa mollados antes de comezar. Máis de dez minutos estiveron os vehículos de Discamino para empezar a rodar.

O alcalde, Abel Caballero, deu todas as saídas e na derradeira, a da andaina, chegou un deses instantes de maior forza da choiva. A meteoroloxía tiña claro que era un día para recordar, para lembrar durante anos. Por sempre. Fin.

Contenido patrocinado

stats