Trebóns polo monte en Mondariz

Trail

José Manuel Gil e Guadalupe Rubio acadaron a vitoria e o cetro galego de Ultra no Trail Orixes, que se disputou onte con máis de 500 participantes e que rematou con tormenta

O podio feminino estivo encabezado por Guadalupe Rubio nunha xornada marcada polo tempo inestable en Mondariz.
O podio feminino estivo encabezado por Guadalupe Rubio nunha xornada marcada polo tempo inestable en Mondariz.

Cando chove, os regatos énchense e os corredores de monte, en lugar de botar pestes, sacan un pequeno sorriso. Momento para gozar. É a particular festa do trail, que tivo onte o epicentro en Mondariz co Trail Orixes, que une natureza, prehistoria, rochas milenarias e a modernidade, co seguimento online dos deportistas, que comezaron con sol pero molláronse polo camiño. Especialmente, os corredores das distancias longas, que botaron horas e horas monte arriba e abaixo entre chorimas, xestas e flores de primavera ben molladas. Tampouco faltaron o sol e os tronos pasado o mediodía, para recordar ós rezagados que tiñan que ir apurando.

José Manuel Gil (6h 49:31), un clásico do trail galego, impúxose na categoría ultra (61 km) e, coa vitoria, fíxose co Galego da modalidade. A mesma recompensa tivo Guadalupe Rubio Fernández (8h 12:51). Para acadar esta conquista estivo máis de oito horas no monte. Todo un reto.

O maratón (40 km) tivo como gañador a Darío Arias (4h 42:37), que superou en quince segundos a Daniel Domínguez. Ofreceron unha loita especialmente fermosa e resolta no treito final. Algo pouco habitual nunha distancia tan longa e que tivo como gañadora a Alejandra Seoane (5h 47:25).

Na proba de 27 quilómetros (trail), viviuse a vitoria de Abel Franco (2h 40:24) e da viguesa Carmela Cardama (3h 21:42), que cada día tómalle un pouco máis de punto ás carreiras polo monte na súa loita por regresar a un gran nivel na pista. O programa rematou coa proba máis popular, a de 14 quilómetros, que contou con máis de 250 participantes e vitoria para o porriñés Ismael Táboas (1h 18:56) e Yuliia Bokhisnka (1h 42:28).

En total, máis de 500 adultos participaron onte nos distintos percorridos nun Trail Orixes que, ano a ano, amosa ser unha das mellores citas das carreiras de montaña en Galicia por organización, participación e fermosura.

Contenido patrocinado

stats