Tirán Pereira busca saír da promoción de descenso

JC
Publicado: 17 jul 2021 - 02:53 — Actualizado: 17 jul 2021 - 21:23
A embarcación de Tirán Pereira pasa unha  baliza. 

LIGA EUSKO LABEL
A embarcación de Tirán Pereira pasa unha baliza. LIGA EUSKO LABEL

A tripulación de Tirán Pereira busca esta tarde en augas de Orio (18:10, TVG2) mellorar as sensacións e saír da zona de promoción de descenso da Liga ACT nunha das regatas con maior esixencia técnica da tempada porque disputarase con mar que entrará de costado e, se cumprise a previsión meteorolóxica, con vento moderado do sur. É dicir, en dirección contraria ás ondas. Unha situación que engadirá suciedade ó mar e que obrigará ós patróns e ós remeiros a un traballo notable, especialmente no apartado técnico.

A “Mar do Con” comenzou o curso algo lonxe do esperado tras rematar o primeiro fin de semana como pechacancelas. Tras a proba de Zierbena, saiu da última praza, pero xa ten claro que evitar o descenso será o obxectivo ata o final de curso. Esta tarde compartirá quenda co colista Zarautz (12 puntos), Ares (18) e Lekitarra (20). O barco moañés acumula 16 e gañar a tanda será a principal misión para recurtar puntos ós rivais e saír da penúltima posición, a de promoción de descenso. En todo caso, a loita pola permanencia parece que será longa no presente curso porque, ata o momento, a metade baixa da táboa presenta unha gran igualdade.

A isto engádese que a cita de Orio, se cumpre a previsión meteorolóxica, será de especial dificultade e, por iso, tamén aberta a sorpresas e con posibles trocos en función da rúa do campo de regatas. Se o vento é forte do sur, o primeiro rego, máis protexido, podería ser o bo.

Lonxe da “Mar do Con” estará a loita pola vitoria da proba e tamén pola xeral da competición que, neste momento, lidera Santurtzi, o barco do moañés Nando Rúa. Na terceira praza marcha o barco de Zierbena, que adestra o vigués Juan Zunzunegui, e que xa coñece a vitoria no presente curso. Para mañá, a cita será en Getxo.

Contenido patrocinado

stats